Un dos maiores expertos mundiais en contornitas imparte unha charla en Vigo

Javier Hernández-Molina, catedrático na Royal Holloway da Universidade de Londres, impartiu unha conferencia e un curso na Facultade de Ciencias do Mar

Conferencia de Javier Hernández sobre as contornitas na Facultade de Ciencias do Mar. Foto: Duvi.
Conferencia de Javier Hernández sobre as contornitas na Facultade de Ciencias do Mar. Foto: Duvi.

Javier Hernández Molina é catedrático do Departamento de Ciencias da Terra na Royal Holloway da Universidade de Londres e a día de hoxe está considerado un dos maiores expertos mundiais no estudo das denominadas contornitas, uns sistemas deposicionais profundos que son obxecto de estudo por científicos de todo o mundo, dada a súa importancia, tanto para o estudo do rexistro paleoclimático como polas súas fortes implicacións económicas. Andaluz de nacemento, este experto leva anos colaborando co grupo de investigación de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica, XM-1, do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo e, froito desta colaboración, este martes visitou a Facultade de Ciencias do Mar para impartir unha conferencia e un curso nos que terá a oportunidade de compartir co alumnado e persoal docente e investigador deste centro a súa experiencia nestes temas.

Segundo explicou o experto, quen exerceu como docente da Universidade de Vigo durante máis de dez anos, a relevancia do estudo das contornitas a nivel mundial vén derivado de que estes depósitos están a ser identificados como posibles reservas de hidrocarburos e, polo tanto, as empresas petrolíferas están a investir moito capital no seu estudo. Nesta liña, Hernández Molina está a desenvolver moitos proxectos para o estudo destes medios sedimentarios desde todos os puntos de vista -xeolóxico, paleoceanográfico e económico-, a través de varios proxectos, moitos deles financiados precisamente a través de empresas de hidrocarburos.

A importancia do estudo das contornitas

“A idea principal da miña intervención é transmitir que a circulación oceánica deixa unha pegada no fondo submarino, non só agora, senón que a foi deixando ao longo do tempo e, a partires deses trazos que se ven no fondo pódese determinar a paleoceanografía, é dicir, como foi a evolución das correntes no pasado e entender así como foi evolucionando o planeta”, explicou o especialista. “A parte aplicada para nós como sociedade é que hai recursos, tanto minerais como enerxéticos que están asociados a todos estes depósitos”, recalcou Hernández-Molina, que apuntou tamén que este é un tema no que traballan moitos grupos de investigación a nivel mundial e que na última década está evolucionando moi rapidamente polas súas implicacións. “É o que se pode chamar un tema sexy para a comunidade científica”, bromeou o experto.

Anxo Mena presentando a Javier Hernández no inicio da conferencia. Foto: Duvi.
Anxo Mena presentando a Javier Hernández no inicio da conferencia. Foto: Duvi.

Despois da conferencia, celebrouse o curso no que participaron arredor de quince estudantes, tanto do Grao de Ciencias do Mar como do Máster Interuniversitario de Oceanografía, aos que se sumarán algúns investigadores e investigadoras da facultade. “A relevancia do estudo das contornitas a nivel mundial fai necesario que os graduados e graduadas en Ciencias do Mar teñan unha formación específica sobre este campo”, explica o investigador Anxo Mena, que foi o encargado de presentar a Hernández Molina.

Aproveitando a visita ao campus deste catedrático da Royal Holloway, a Facultade de Ciencias do Mar acolleu tamén unha reunión de poscampaña do proxecto Inpulse (Interación de procesos oceanográficos e sedimentarios no noiro continental: implicacións ambientais e nos hábitats), no que participan numerosas institucións estatais e estranxeiras e que está financiado polas axudas a proxectos de I+D+i correspondentes ao Programa Estatal de Investigación, Desenvolvemento e Innovación. Coordinado por Luis Miguel Fernández Salas, do Instituto Español de Oceanografía, o proxecto consta de dous subproxectos, un dos cales –o subproxecto2- está liderado polo grupo de investigación de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica, equipo liderado polo decano da Facultade de Ciencias do Mar, Miguel Ángel Nombela, e no que tamén participa o profesor Hernández Molina.

O pasado verán tivo lugar no golfo de Cádiz a campaña do proxecto e nela extraéronse multitude de datos sedimentarios, sísmicos e batimétricos de diferentes áreas desta zona cunha resolución nunca empregada ata este momento. “Agora estamos a realizar o tratamento destes datos e, neste sentido, aproveitamos a visita de Javier para realizar esta reunión e para formular tamén posibles colaboracións futuras”, explicou Mena.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.