Venres 29 Marzo 2024

Os restos dun foguete chinés caen, unha vez máis, sobre unha zona habitada

A localización dos centros de satélites preto das cidades provocou un novo incidente o pasado sábado durante o lanzamento do Longa Marcha-3B

A ambiciosa carreira que o goberno chinés está desenvolvendo na exploración espacial, a ciencia e a tecnoloxía para converterse en primeira potencia mundial deixa, en moitas ocasións, imaxes sorprendentes noutras partes do mundo. Despois de conseguir chegar por primeira vez á cara oculta da Lúa en xaneiro deste 2019, o plan continúa da man dun dos seus buques insignia, a familia de foguetes Longa Marcha, que a pasada fin de semana viviu un novo lanzamento accidentado.

Foi no centro de lanzamento de Xichang, na provincia de Sichuan, o lugar que adoita usarse para o lanzamento de satélites de órbita xeoestacionaria. O acontecemento tivo unha parte positiva, xa que se conseguiron poñer en órbita dous novos satélites da constelación Beidou, pero houbo un inconveniente que xa acontecera en episodios anteriores: cando o reforzo da primeira etapa do foguete regresou a Terra, caeu sobre unha área habitada, afectando a varios edificios e enchendo a zona de humo tóxico, segundo vídeos difundidos na rede social Weibo.

Publicidade

Non é a primeira vez que acontece un suceso semellante. Segundo explica Space.com, case todos os países que envían misións ao espazo constrúen os centros de lanzamento preto do litoral (para que os residuos caian no mar) ou ben o suficientemente lonxe de zonas habitadas para evitar accidentes deste tipo. Pero o país chinés, por razóns de seguridade, levantou algúns destes espazos preto de núcleos de poboación e no interior, que ademais se multiplicaron nos últimos decenios.

O accidente máis grave do que hai rexistros aconteceu en 1996, tamén en Xichang, cando un foguete Longa Marcha caeu sobre unha aldea pouco despois do lanzamento. O goberno chinés falou de seis mortos, aínda que outras fontes elevaron as víctimas a centos.

En xaneiro de 2018, un dos propulsores dun Longa Marcha caeu sobre unha cidade próxima a Xichang, aínda que non se informou de vítimas. As imaxes foron recollidas en vídeos como o que se pode ver baixo estas liñas.

Os lanzamentos en Xichang adoitan estar precedidos de advertencias de evacuación e precaución e recomendacións de seguridade, que non sempre son cumpridas pola poboación nin supervisadas polas autoridades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Marcos Martinón, un galego entre guerreiros de terracota: “É incrible, pero non hai dous soldados iguais”

O arqueólogo ourensán investiga dende hai case 20 anos o espectacular mausoleo do primeiro emperador chinés, un xacemento con 2.000 anos de antigüidade

O galego aos mandos da dinámica orbital da NASA: “O espazo parecíame ciencia ficción”

Andrés Dono entrou na administración espacial americana con 24 anos para facer unhas prácticas. Unha década despois lidera o equipo que deseña a traxectoria dos satélites

Así é ‘Mycoplasma’, a principal sospeitosa da pneumonía infantil en China

O microbiólogo Raúl Rivas fai un retrato robot da bacteria que probablemente contribuíu a disparar a incidencia de enfermidades respiratorias no xigante asiático

A misteriosa pneumonía infantil de China: “Sospeitamos dos patóxenos habituais”

O pediatra Federico Martinón cre que a repunta de enfermidades respiratorias en nenos se pode deber á fin das restricións covid