Martes 19 Marzo 2024

A concentración de gases de efecto invernadoiro na atmosfera bate un novo récord

A Organización Meteorolóxica Mundial expón no seu informe que se acadaron as 407,8 partes por millón (ppm) de CO2 en 2018, fronte ás 405,5 ppm de 2017

O Boletín da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) sobre os Gases de Efecto Invernadoiro, difundido este luns, publicou que a concentración media mundial de dióxido de carbono (CO2) xa alcanza as 407,8 partes por millón (ppm) en 2018, tras ser de 405,5 ppm en 2017. Estes niveis supoñen o 147% do nivel preindustrial en 1750. Segundo a OMM, o incremento do pasado ano foi moi semellante ao observado de 2016 a 2017 e situouse xusto por riba da media do último decenio. Os niveis mundiais de CO2 xa superaran o simbólico limiar de 400 partes por millón en 2015.

No que respecta a outros gases de efecto invernadoiro, como o metano e o óxido nitroso, disparáronse e ascenderon en maiores cantidades que durante o últimos dez anos, segundo as observacións da rede da Vixilancia da Atmosfera Global, que conta con estacións nas rexións remotas do Ártico, en zonas montañosas e en illas tropicais. O metano está presente en 1.869 partes por mil millóns (ppb), polo que se sitúa no 259% do nivel da era preindustrial; mentres que o do óxido nitroso é de 331,1 ppb, o que equivale ao 123 % dos niveis preindustriais.

Publicidade

Desde 1990 houbo un incremento do 43% do coñecido como forzamento radiativo total —que ten un efecto de quecemento do clima— provocado polos gases de efecto invernadoiro de longa duración. Segundo as cifras proporcionadas pola Administración Nacional do Océano e da Atmosfera (NOAA) dos Estados Unidos de América que se citan no Boletín da OMM, o CO2 contribuíu en case un 80% a ese incremento.

O dióxido de carbono contribuíu a un 80% do incremento, pero tamén houbo un gran aumento de metano e óxido nitroso

“Non hai indicios de que vaia haber unha desaceleración, e moito menos unha diminución, da concentración dos gases de efecto invernadoiro na atmosfera a pesar de todos os compromisos asumidos en virtude do Acordo de París sobre o cambio climático”, manifestou o Secretario Xeral da OMM, Petteri Taalas. “Temos que plasmar os compromisos en acción e aumentar o nivel de ambición para garantir o benestar futuro da humanidade”, afirmou.

“Cabe lembrar que a última vez que se deu na Terra unha concentración de CO2 comparable, foi hai entre 3 e 5 millóns de anos. Nese entón, a temperatura era de 2 a 3°C máis cálida e o nivel do mar entre 10 e 20 metros superior ao actual”, explicou Taalas.

Disparidade nas emisións

No Boletín da OMM sobre os Gases de Efecto Invernadoiro infórmase das concentracións atmosféricas dos gases de efecto invernadoiro. Enténdese por emisión a cantidade de gas que se libera á atmosfera e por concentración a cantidade que queda na atmosfera despois das complexas interaccións que teñen lugar entre a atmosfera, a biosfera, a criosfera e os océanos. Aproximadamente unha cuarta parte das emisións totais son absorbidas polos océanos e outra cuarta parte pola biosfera.

Non se prevé que as emisións mundiais alcancen o seu punto máximo de aquí a 2030, nin moito menos en 2020, se se manteñen as políticas climáticas e os niveis de ambición actuais das contribucións determinadas a nivel nacional (CDN). Das conclusións preliminares do Informe de 2019 sobre a disparidade nas emisións despréndese que as emisións de gases de efecto invernadoiro seguiron aumentando en 2018.

No informe elaborado grazas ao labor das principais organizacións asociadas no ámbito da investigación sobre o cambio climático mundial, subliñouse a manifesta, e cada vez maior, disparidade entre os obxectivos acordados para resolver o problema do quecemento global e a realidade.

“As conclusións do Boletín da OMM sobre os Gases de Efecto Invernadoiro e o Informe sobre a disparidade nas emisións do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) márcannos unha dirección clara: neste período crítico, debemos intensificar as medidas e realizar accións concretas para reducir as emisións”, dixo Inger Andersen, Directora Executiva do PNUMA. “Estamos fronte a unha difícil situación: podemos emprender as transformacións radicais que necesitamos hoxe ou deberemos enfrontar as consecuencias dun planeta radicalmente modificado polo cambio climático.”

O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente publicará un informe distinto e complementario sobre a disparidade nas emisións esta mesma semana. Nesta décima edición o Informe avalía os últimos estudos científicos sobre as emisións de gases de efecto invernadoiro, actuais e previstas, que se comparan cos niveis de emisións admisibles para que o mundo progrese nunha traxectoria baseada no menor custo para a consecución dos obxectivos do Acordo de París. Esta diferenza entre “cal será a situación probable no futuro e cal debería ser” coñécese como disparidade nas emisións.

Principais conclusións

Entre os temas tratados no Boletín préstase especial atención á maneira como os isótopos confirman a función predominante da queima de combustibles fósiles no incremento do dióxido de carbono atmosférico.

Existen múltiples indicios de que o incremento dos niveis atmosféricos de CO2 garda relación coa queima de combustibles fósiles. Estes combustibles formáronse fai millóns de anos a partir de materia vexetal e non conteñen radiocarbono. Así pois, coa queima destes combustibles libérase á atmosfera CO2 sen radiocarbono, o que aumenta os niveis de CO2 e diminúe o seu contido de radiocarbono. E iso é exactamente o que demostran as medicións.


Podes consultar o informe (en inglés, PDF) nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

A UDC propón políticas de transición enerxética para 13 rexións con altas emisións de CO2

O proxecto europeo ENTRANCES, liderado dende a institución coruñesa, estudou 13 zonas europeas en proceso de descarbonización

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes