Lugares estudados na investigación dos fósiles dos fondos mariños. A frecha azul indica a dirección da corrente. Fonte: Scientific Reports.
Lugares estudados na investigación dos fósiles dos fondos mariños. A frecha azul indica a dirección da corrente. Fonte: Scientific Reports.

Un estudo analiza as pegadas fósiles nos fondos mariños da costa de Galicia

Os científicos da UVigo Anxo Mena e Guillermo Francés asinan un traballo que publica a revista "Scientific Reports", do grupo Nature

A inmensidade do mar e a dificultade de chegar aos seus puntos máis recónditos fixo que, por non dispoñer da tecnoloxía necesaria, a ciencia non puidera investigar de preto algúns lugares cunha enorme potencialidade para comprender mellor o planeta e, por tanto, para mellorar a nosa situación no futuro. Así, os ollos dos investigadores, e tamén de moitas empresas, están mirando cara vez máis cara as contornitas, uns sistemas sedimentarios situados no fondo do mar que teñen unha relevancia crecente pola posibilidade de estudar a través delas o rexistro paleoclimático, e polo tanto os restos fósiles, e tamén porque poden ser reservas de hidrocarburos aínda non explotadas e mesmo converterse en sumidoiros de dióxido de carbono. Neste sentido, un estudo que publica esta semana Scientific Reports, do grupo Nature, e no que participan investigadores da Universidade de Vigo, afonda no coñecemento do rexistro fósil destes sistemas a través da análise das correntes que as conforman.

O traballo desenvolveuse no noiro continental fronte ás Rías Baixas, a uns sesenta quilómetros das illas Cíes, segundo explica Anxo Mena, un dos autores do traballo, pertencente ao departamento de Xeociencias Mariñas da UVigo. “Observamos que as pegadas e trazas que deixan determinados organismos van variando segundo á distancia ao núcleo da corrente”, explica Mena.

A través do estudo destes restos e a influencia das correntes, o traballo no que participan os científicos galegos achega “unha evidencia novidosa” sobre esta variabilidade, ao detectar que a dispoñibilidade de materia orgánica é máis alta nas zonas máis próximas ao canle que forma a corrente, onde a materia orgánica se enterra rapidamente.

O traballo demostra que os restos fósiles son máis abundantes na zona máis próxima á canle que forma a corrente

Coñecer estes datos, segundo Mena, contribúe a un mellor coñecemento no estudo destas zonas sedimentarias, sobre as que hai “moito interese”, pois en determinadas circunstancias, estas contornitas xeran un tipo de area cunha porosidade determinada que as converte en candidatas a almacenar hidrocarburos e, por tanto, potenciais combustibles fósiles.

A publicación do artigo coincide na mesma semana na que un dos maiores expertos mundiais no estudo das contornitas, Javier Hernández Molina, visitou o campus de Vigo para impartir unha conferencia e un curso acerca destes sistemas. Hernández, que foi docente durante máis de dez anos na universidade viguesa, expuxo como está a desenvolver varios proxectos de investigación destes medios sedimentarios desde todos os puntos de vista -xeolóxico, paleoceanográfico e económico-, a través de varios proxectos, moitos deles financiados precisamente a través de empresas de hidrocarburos.

Na súa intervención, o investigador, que actualmente é catedrático do Departamento de Ciencias da Terra na Royal Holloway da Universidade, subliñou como idea principal que “a circulación oceánica deixa unha pegada no fondo submarino, non só agora, senón que a foi deixando ao longo do tempo e, a partires deses trazos que se ven no fondo pódese determinar a paleoceanografía, é dicir, como foi a evolución das correntes no pasado e entender así como foi evolucionando o planeta”.


Referencia: Lateral variability of ichnological content in muddy contourites: Weak bottom currents affecting organisms’ behavior (Publicado en Scientific Reports).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.