O estudo do Sergas reduce a 30.000 as persoas expostas ao coronavirus en Galicia

Os datos preliminares da primeira ondada sitúan á comarca de Valdeorras coa maior prevalencia do SARS-CoV-2, que tivo unha especial incidencia en Ourense

A Consellería de Sanidade presentou este mércores os resultados preliminares do estudo de seroprevalencia que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) realizou, coa colaboración do Instituto Galego de Estatística (IGE) para coñecer a circulación do coronavirus SARS-CoV-2 entre a poboación galega. A análise, que se nutre dun único test rápido realizado a 44.832 persoas, estima que o 1,15% (algo máis de 30.000 persoas) da poboación galega desenvolveu anticorpos fronte ao coronavirus. Son uns resultados que reducen practicamente á metade a previsión do estudo realizado polo Ministerio de Sanidad e o Instituto de Salud Carlos III, que apuntaban a un 2,15% da poboación nunha análise (tamén con datos provisionais, xa que o estudo está en marcha) realizada a unhas 6.000 persoas en Galicia a través de tests rápidos e, nos casos nos que se autorizase, a unha análise de sangue para reforzar as análises.

A baixa cifra de anticorpos específicos fronte ao SARS-CoV-2, que desenvolveron pouco máis de 1 de cada 100 habitantes de Galicia, constata segundo os responsables do Sergas a mínima circulación do virus no territorio, aínda que establece notables diferenzas entre as comarcas. “O valor é tan baixo que non se pode contar con ningunha protección derivada da inmunidade de grupo”, declarou o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares.

Publicidade

Das 44.832 probas realizadas, 385 deron positivo, aínda que se aplicou un axuste para corrixir os falsos negativos e ter en conta a sensibilidade da proba (menos ‘fiable’ nos primeiros días da infección, xa que detecta a resposta inmune do organismo en forma de anticorpos).

A área da A-52, con maior circulación

Os detalles da circulación do virus en Galicia foron presentados nunha comparecencia de prensa polo director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Andrés Paz-Ares Rodríguez, acompañado do director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, e do subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada Vidal. Nas cifras achegadas polos responsables sanitarios salientáronse as diferenzas entre as áreas establecidas na enquisa: 38 comarcas ou agrupacións delas e os municipios das sete cidades.

Publicidade

Paz-Ares ofreceu o dato de que a comarca de Valdeorras é a que maior prevalencia acadou, co 3,35%, case o triple da media de Galicia. Esta maior incidencia podería gardar relación coa proximidade de Valdeorras á comarca do Bierzo. Segundo os datos abertos da Junta de Castilla y León, arredor de Ponferrada rexistráronse máis de 1.000 diagnósticos de coronavirus, e na área básica de saúde de Puente de Domingo Flórez, limítrofe con Valdeorras, un 2,9% da súa poboación foi diagnosticada de Covid-19 (ao que habería que engadir as infeccións non detectadas). Ademais, o director de Saúde Pública detallou a maior circulación do virus que se estende a través da entrada da A-52 desde a Meseta, nunha liña que vai desde O Sar ata Viana, Valdeorras, Trives, Caldelas, Allariz-Maceda, Ourense, O Carballiño e Tabeirós-Terra de Montes. Todas estas áreas superan o 1,5% de prevalencia.

Pola contra, o estudo non detectou ningún positivo na Terra de Soneira, e só 1 nas áreas da montaña de Lugo, A Mariña Central, Betanzos e Muros.

Mapa de positivos detectados por área (esquerda) e mapa de prevalencia en cada unha delas. Fonte: Consellería de Sanidade.
Mapa de positivos detectados por área (esquerda) e mapa de prevalencia en cada unha delas. Fonte: Consellería de Sanidade.

Por provincias, Ourense aparece, como xa acontecera co estudo do Ministerio, cunha maior circulación, que ascende ao 1,88%. Séguena Pontevedra (1,49), Lugo (0,79) e A Coruña (0,77). No tocante aos grandes concellos, Vigo é o que amosa maior circulación do virus (2,08%), seguida de Ourense (1,79), Pontevedra (1,24), Santiago (1,11), A Coruña (0,83), Lugo (0,61) e Ferrol (0,4).

Fonte: Consellería de Sanidade.
Fonte: Consellería de Sanidade.

Máis prevalencia nas persoas maiores

Os datos derívanse dunha proba rápida a través dunha punción dun dedo a cada participante, que debería cumprimentar ademais unha enquisa sobre os posibles síntomas da doenza desde o comezo da crise ou nos últimos 14 días, así como a situación laboral de cada persoa.

Neste aspecto, o estudo salienta unha notable diferenza nas persoas maiores de 65 anos, cun 1,64% de prevalencia, fronte ao 0,56% dos menores de 18. A medida que medra a idade, a taxa de incidencia tamén medra (agás un pequeno descenso na franxa de 40 a 49 anos.

Outra das conclusións do estudo é que a prevalencia de inmunes nas persoas que tiveron síntomas da enfermidade multiplica por catro á das persoas que non os tiveron (2,73% vs. 0,70%).

Segundo informou Sanidade, esta enquisa de seroprevalencia, que ten aínda pendente unha segunda ondada, “busca un triple obxectivo: estimar a prevalencia da inmunidade fronte ao Covid-19 nas diferentes localidades galegas, definir cal é a súa repercusión de acordo ás variables de sexo e idade, e, finalmente, monitorizar a evolución da epidemia durante o período de tempo en que se produza a recollida da información”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un terzo da poboación galega terá máis de 65 anos en 2039

O IGE estima que dentro dunha década haberá 260 individuos que superen os 65 anos por cada 100 menores de 20

Un pazo do século XVII nos Ancares entra na Lista Vermella do Patrimonio polo seu grave estado de ruína

A asociación Hispania Nostra incorpora a inmoble tras constatar danos estruturais severos na coberta e no interior

O epidemiólogo Juan Gestal: “Non vai ser a próxima pandemia”

O experto explica que o perigo para a poboación global é baixo e que a resposta das autoridades debe centrarse na investigación da orixe do gromo