Xoves 28 Marzo 2024

Non todas as personas positivas no test de anticorpos están inmunizadas

Un novo estudo revela que a inmunidade é moi baixa nos casos que tiveron un contaccto limitado co coronavirus

O positivo nun test de anticorpos podería non garantir protección contra o coronavirus. O primeiro estudo realizado en España apunta que un 44 % das persoas que sufriron a infección de xeito leve ou asintomático teñen un nivel de anticorpos moi baixo e con pouca capacidade neutralizante. Por iso, os autores subliñan a necesidade de manter as medidas de precaución para evitar novas exposicións.

As primeiras análises realizadas con plasma de persoas expostas ao SARS-CoV-2 e con anticorpos neutralizantes contra o virus suxiren que case a metade das que sufriron a infección de maneira leve ou asintomática teñen un nivel moi baixo dos devanditos anticorpos.

Publicidade

Por iso, os expertos subliñan a necesidade de que todo o mundo manteña as medidas de hixiene e distanciamento social, xa que a presenza destes anticorpos podería non garantir a inmunidade fronte ao coronavirus. Con todo, esta tendencia revértese nas persoas que sufriron a enfermidade de maneira grave, que presentan ata 10 veces máis anticorpos que os individuos con infección leve.

Son os datos preliminares do consorcio formado polo Instituto de Investigación da Sida IrsiCaixa, o Centre de Recerca en Sanitat Animal (CReSA) e o Barcelona Supercomputing Center (BSC), co apoio da farmacéutica Grifols.

“Dar positivo nun test non asegura inmunidade fronte ao virus”, advirte Julià Blanco

Ata o momento, os científicos analizaron nos laboratorios de alto nivel de bioseguridade do CReSA os datos dun conxunto de 111 mostras de plasma de persoas que xeraron anticorpos contra o SARS-CoV-2 e que experimentaron diferentes graos de gravidade da enfermidade.

Segundo os resultados, un 44 % dos 29 individuos que sufriron infección leve teñen actualmente niveis de anticorpos por baixo do límite de detección fiable. Deles, a metade non presentan ningunha actividade neutralizante, polo que resultan indistinguibles dos controis non infectados. En cambio, o 56 % restante xerou anticorpos por riba do limiar de detección.

“Haberá que estudar o porqué destas diferenzas, pero mentres tanto dar positivo nun test non asegura inmunidade fronte ao virus”, advirte Julià Blanco, investigador de IrsiCaixa e o Instituto de Investigación Germans Trias i Pujol, que lidera o proxecto dunha vacina contra o SARS- CoV-2.

Dez días para xerar resposta inmunitaria

As persoas que foron hospitalizadas xeraron a resposta aproximadamente 10 días despois da aparición de síntomas e desenvolveron unhas 10 veces máis anticorpos neutralizantes que as que tiveron unha evolución clínica leve.

“Probablemente isto débese a que o seu sistema inmunitario foi exposto a unha cantidade máis elevada de virus e isto fixo que reaccione dunha maneira máis potente”, indica Blanco.

Así, os autores alertan de que a presenza de anticorpos por si mesma podería non garantir a inmunidade ante unha segunda infección, e subliñan a necesidade de que todo o mundo manteña as medidas de precaución básicas: hixiene de mans, uso de máscaras e distanciamento social.

Outros factores implicados

Os investigadores tamén apuntan que, no caso das persoas que pasaron a infección dunha maneira leve, a falta de anticorpos podería suxerir que outros factores inmunolóxicos conseguiron controlar a replicación do virus.

En primeiro lugar, a inmunidade innata –a resposta inmunitaria xenérica–, non específica contra un patóxeno concreto e que non é a longo prazo. E en segundo lugar, a inmunidade celular, aquela exercida polos linfocitos T e que pode destruír os patóxenos residentes dentro de células, onde non chegan os anticorpos.

“Todo isto débese continuar estudando”, advirte Bonaventura Clotet, director de IrsiCaixa. “Pero aínda que se demostre que a contención da primeira infección foi grazas a estes factores, non sabemos se serán igual de eficaces no caso dunha segunda exposición ao virus”, conclúe.

Así que as dúbidas sobre a inmunidade duradeira das persoas que tiveron contacto co virus mantense en dúbida, mentres se confirma para as persoas que pasaron a doenza con síntomas máis graves.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade