Martes 15 Outubro 2024

Desconcerto ante o aumento da tosferina: os casos en Galicia en febreiro xa superan os de 2023

As causas deste repunte non están claras e as hipóteses están relacionadas co período postpandémico así como coas temperaturas anómalas do inverno

A pasada fin de semana a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade confirmou un “aumento de incidencia” da tosferina en Galicia, unha infección moi contaxiosa do tracto respiratorio causada pola bacteria Bordetella Pertussis. Este luns coñeceuse a morte dun lactante menor dun mes (cuxa nai non se vacinara durante a xestación) no informe publicado polo Centro Nacional de Epidemioloxía (CNE) do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), que recolle os casos rexistrados en 2023. Nel estipúlase que durante o ano pasado a incidencia na comunidade galega foi dun 0,8 por 100.000 habitantes, cun total de nove casos confirmados. Na semana do 19 de febreiro, Galicia identificou 10 casos, segundo desprende o último Informe Semanal de Vixilancia Epidemiolóxica de España, xa que a tosferina é unha enfermidade de declaración obrigatoria. Begoña Fernández, responsable de Respiratorio do Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC), apunta que a pandemia produciu un “parón” e agora a tosferina “rebota con máis ganas”. Apunta tamén que cada tres ou cinco anos se dan gromos epidémicos pero que, como a tosferina chegou antes do esperado, pode estar relacionado coas subidas anómalas de temperatura.

A finais da primavera do ano pasado os casos de tosferina aumentaron en toda a península segundo o informe feito público este luns, marcando un “novo inicio de nova onda epidémica”. En 2023 notificáronse á Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica (RENAVE) 2.560 casos de tosferina, o que significa unha incidencia de 5,6 casos por 100.000 habitantes. O aumento de pacientes que contraeron esta doenza concentráronse na segunda metade do ano e non en primavera e verán, que é o patrón estacional da tosferina. No sucinto informe indícase que o 71,5% dos casos tiveron lugar na idade pediátrica (menores de 15 anos). O rango de idade de 10 a 14 anos é o que máis pacientes acumula co 36,3% dos casos. A comunidade autónoma con más casos foi Andalucía, cun total de 345. Os valores máximos radicaron en País Vasco (22,7 casos por 100.000 habitantes) e os mínimos en Asturias (0,33 casos por 100.000 habitantes). Dos 21 que presentou Galicia, nove confirmáronse, dous son considerados como “probables” e 10 como “sospeitosos”.

Publicidade

O principal motivo que se lle achaca a que a tosferina estea collendo forza en toda a península é a postpandemia, pero aínda non está demostrado e non hai consenso entre os científicos. Aínda que Galicia non é a comunidade con máis incidencia, a Consellería de Sanidade confirmou o seu aumento de maneira xeneralizada. Neste senso, recoñece que “aínda non se estableceron as causas” detrás deste incremento, pero tamén alega que “non se aprecia” un impacto máis grave do habitual para os bebés de menos dun ano, a poboación máis vulnerable. O grupo de idade no que máis rexorde é de entre 10 a 14 anos, os nados entre 2009 e 2013, apunta o documento do ISCIII. Para este grupo o calendario incluía cinco doses de vacina. “A media de 6,3 anos transcorridos dende a administración da última dose e a aparición do caso suxire unha rápida evanescencia da inmunidade conferida pola vacina”, conclúe o informe. Só no que vai de ano, os casos acumulados na península asceden a 5.242, unha cifra moi alta en comparación cos 2.560 de 2023. Na semana 8 de 2024 identificáronse 1.077 casos na península fronte aos 7 da mesma semana hai un ano.

Mapa de incidencia da tosferina na península en 2023. Foto: ISCIII

En 2023 a cohorte de 10 a 14 anos rexistrou o 33,3% dos casos hospitalizados despois dos adultos maiores de 50 anos, cun 14,7%. O goberno galego alega que este aumento podería estar relacionado coa realización das probas de diagnóstico. Ante calquera caso sospeitoso, o Sergas apunta que debe tratarse con antibiótico o máis pronto posible, así como separar do colexio ou gardería os nenos afectados durante cinco días “a contar dende o comezo do tratamento”. A microbióloga do CHUAC Begoña Fernández apunta que os adultos deben usar máscara e tamén evitar acudir ao seus centro de traballo durante uns días, extremando o contacto con outras persoas. Unha vez que os pacientes se recuperan da súa enfermidade, os casos non vacinados ou os parcialmente inmunizados ata os 7 anos de idade deben completar a vacinación primaria. O Sergas recomenda que no primeiro trimestre de embarazo as nais se vacinen. A microbióloga da Coruña insiste tamén na importancia de cumprir coas pautas vacinais, xa que a “inmunidade postvacinal é limitada” e por iso “hai que reforzar as doses”. De feito, no informe do ISCIII demóstrase que o 14,5% dos casos confirmados o ano pasado que tiñan entre 3 e 23 meses non estaban vacinados.

Publicidade

Empeza cunha infección catarral

“A tosferina é moi contaxiosa. Empeza cunha tose paroxística”, explica a microbióloga do CHUAC. A transmisión da enfermidade realízase dende a persoa enferma polo aire (ao falar ou ao tusir). Fernández apunta que comeza cunha infección catarral: rinite, esbirros, febre, tose que cada vez se fai máis intensa e que pode provocar vómitos. A Clínica da Universidade de Granada apunta que “o enfermo se atopa ben, nota que vai a ter un acceso, realiza unha inspiración profunda e comeza cunha tose a golpes, ininterrompida, atropelada, que dificulta a respiración polo que o neno estira a cara e o peito cara adiante, saca a lingua, vaise poñendo roxo, ciánitico con ollos chorosos e ten unha gran sensación de angustia”. A continuación, aparece o que se denomina o “galo” da tosferina, unha inspiración moi ruidosa. A inmunidade fronte a Bordetella Pertusis disminúe co paso do tempo, polo que se volve a contraer a enfermidade. En bebés e nenos as complicacións máis graves poden ser a bronquite ou a pneumonía pero tamén a nivel neurolóxico, como a encefalopatía tosferinosa debido á falta de oxíxeno e a hemorraxias por aumento da presión venosa.


Referencias: Informe epidemiolóxico sobre a situación da tosferina en España, 2023

Informe semanal de vixilancia epidemiolóxica en España

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

  1. Coidado cos nomes científicos, moi ben o de poñelos en cursiva, pero o xénero ten que ir en maiúscula: Bordetella e a especie en minúscula: pertussis.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

Debemos alarmarnos polo aumento de casos de tosferina?

En 2023, o número de casos desta enfermidade altamente contaxiosa aumentou en máis de nove veces con respecto ao ano anterior

Sanidade intensifica a vixilancia da tosferina, con 241 casos no que vai de ano

A maior concentración de diagnósticos actuais dáse en idades escolares, sobre todo na franxa de 10-14 anos

Os pediatras aconsellan vacinar as embarazadas para evitar casos graves de tosferina

A inmunización das nais xestantes proporciona unha elevada protección aos bebés ata que reciben a súa primeira dose aos dous meses de idade