Investigadoras da Universidade da Coruña (UDC) acaban de publicar o primeiro artigo que analiza o impacto da avespa velutina (Vespa velutina) na produción de uva e conclúen que esta especie invasora pode provocar o abandono de pequenos viñedos. O traballo, que aparece recollido na revista Agriculture, Ecosystems & Environment, realizouno a investigadora Yaiza Rodríguez Lueje baixo a dirección das doutoras María Amalia Jácome e María José Servia. A investigación aborda por vez primeira a cuantificación real dos danos causados por esta especie invasora en viñedos, así como ensaios de viabilidade do uso de mallas para protexer as uvas. Os traballos leváronse a cabo nun viñedo xestionado pola adega Pagos de Brigante, e contou co apoio de todos os produtores da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) e da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Os resultados destacan o bo rendemento das mallas, que tamén protexen fronte aos danos causados por paxaros. Con todo, a investigación alerta das posibles alteracións na maduración das uvas e da afección por fungos nunha das variedades estudadas. Ademais, aínda que este sistema se revela como unha boa alternativa de protección, o traballo salienta as dificultades ás que se enfrontan os pequenos viticultores de zonas de producións históricas como a de Betanzos, que van desde a incerteza no retorno económico do investimento e o aumento nas dificultades de manipulación das vides. Por isto, no artigo advírtese que esta especie invasora podería levar ao abandono da produción a pequenos viticultores, que non contan aínda con sistemas eficaces para protexer as súas colleitas.
Segundo explican no artigo, as velutinas, igual que o resto de avespas, morden as uvas para alimentarse. Malia que esta especie invasora está presente na península dende o 2010, ata o de agora non se analizara o seu impacto sobre a produción de uva. As investigadoras da UDC realizaron o seu estudo no cultivo de viño blanco, tanto de Blanco Lexítimo como de Godello. O artigo conclúe que o uso de mallas pode ser unha “alternativa axeitada” para a protección dos viñedos fronte os danos causados pola velutina. Con todo, “a aceptación por parte dos produtores podería verse obstaculizada por factores como as incertezas sobre o rendemento potencial das súas invasións económicas”, polo que as investigadoras instan a realizar máis estudos.

Referencia: New problems for old vineyards: Mitigating the impacts of yellow-legged hornets (Vespa velutina) in a historical wine-producing area (Publicado en Agriculture, Ecosystems & Environment)















O traballo saría enorme, por iso de andar a poñer e sacar a rede para aplicación de solfate. Con destinar só unha parte dos recursos económicos que o PP pretende dar a Altri para instalar unha macrocelulosa no Alto Ulla (250.000 millóns de euros, si, si, ledes ben, douscentos cincuenta mil millóns), a investigacións sobre V. velutina, podiamos gañar moitos máis cartos e favorecer moita máis man de obra. Deste xeito podiamos sacar 2 ou 3 pragas de enriba.