Domingo 28 Abril 2024

A loita contra a velutina reduce un 20% os beneficios por venda de mel en Galicia

Os apicultores gastaron 561 euros de media, sendo Pontevedra a provincia máis afectada debido ás súas condicións climatolóxicas

Os gastos derivados da aplicación e posta e marcha de medidas de prevención e control para frear os efectos provocados pola avespa velutina reducen un 20% os beneficios que xera a apicultura en Galicia pola venda de mel. Así se desprende das conclusións do estudo do impacto económico e ecosistémico desta especie invasora orixinaria de Asia desenvolvido por persoal investigador do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC).

As pescudas realizadas polos investigadores Ana Isabel García Arias e Iban Vázquez González, e a investigadora no mesmo centro universitario lugués Mariam Ferreira Golpe, que formaron parte do equipo multidisciplinar da USC integrado no proxecto Interreg Atlantic Positive (2019-2023), centráronse na análise do impacto económico e nos ecosistemas da avespa velutina. Así, tras realizar un total de 151 enquisas a persoas dedicadas á apicultura en Galicia, estimaron que os custos de control e prevención nos que incorreron ascenden a 2,5 millóns de euros (entre 1,8 e 3,3 millóns cun intervalo de confianza do 95%), con datos referidos a 2020.

Publicidade

Unha análise pormenorizada dos datos permite cifrar o custo medio sufragado polas preto de 5.000 persoas apicultoras en Galicia en 561 euros, unha cifra que varía por provincias, sendo Pontevedra a máis afectada debido ás súas condicións climatolóxicas, cun custo medio de 1.062 euros por apicultor, e Lugo, a menos gravosa no período de referencia, cun gasto inferior a 400 euros. As cifras ascenden a preto de 500 euros no caso de Ourense e a máis de 600 na provincia da Coruña, apuntan desde o grupo Ecoagrasoc da USC. Estas variacións, engaden, sitúan o custo medio da loita contra a velutina na comunidade galega en 13,35 euros por colmea durante o exercicio 2020.

A colocación de trampas representou a metade dos custos asumidos polos apicultores na loita contra a velutina

O estudo realizado ao abeiro do proxecto Atlantic Positive, financiado nun 75% con fondos FEDER e aprobado na segunda convocatoria do programa de Cooperación territorial Interreg, Atlantic Area 2014-2020 co obxectivo de frear 2023), a expansión desta especie invasora e minimizar o seu impacto nos ecosistemas e no desenvolvemento socioeconómico do Espazo Atlántico, revela tamén que o trampeo foi o método máis estendido fronte á avespa velutina. De feito, os gastos derivados da colocación destes dispositivos, a pesar das trampas gratuítas repartidas polas administracións, representan aproximadamente a metade dos custos asumidos polas persoas apicultoras. O custo da formación ascendeu a 64 euros por apicultor/a.

O persoal investigador da EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC aproveitou asemade este proxecto para avaliar a incidencia da avespa velutina no sector vitivinícola a través dunha enquisa a técnicos das distintas Denominacións de Orixe (D.O.). As conclusións obtidas nesta liña de investigación apuntan que esta especie invasora tivo unha presenza máis temperá na D.O. Rías Baixas, para logo estenderse de xeito progresivo ao resto das zonas de produción. Os danos increméntanse con cada ano que pasa e a praga ten unha maior presenza, subliñan os investigadores, que tamén salientan a relevancia das picaduras na froita, en tanto que favorecen a aparición doutras enfermidades.

Proxección de resultados

Os resultadados dos traballos realizados desde o grupo Ecoagrasoc da USC ao abeiro do proxecto Atlantic Positive, liderado pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galiza-Norte de Portugal (CEER) e no que tomaron parte 10 institucións de España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido, xunto con outros 20 organismos, presentaranse o 29 de agosto no congreso da Asociación Europea de Economistas Agrarios, que se celebrará en Rennes (Francia) e, unha semana despois, no Congreso Español de Economía Agroalimentaria, que terá lugar o 6 de setembro en Zaragoza.

O obxectivo principal do proxecto Attlantic Postive, que rematou 30 de xuño, é o de contribuír á preservación dos servizos de polinización a través do desenvolvemento de enfoques integrados para o control da avespa velutina e a minimización do impacto desta especie invasora tanto nos ecosistemas como no desenvolvemento socioeconómico da Área Atlántica. A aplicación desta tarefa foi posible grazas á creación de áreas protexidas en espazos naturais rurais e periurbanos, e ao establecemento dunha rede de cooperación transnacional para o desenvolvemento de actividades conxuntas. Creáronse tamén estratexias de prevención e un Plan Estratéxico Atlántico para protexer a biodiversidade e os servizos ecosistémicos, ao tempo que se promoveron campañas de educación, formación e redes de colaboración aínda activas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como rexenerar o monte galego para resistir o cambio climático? Así o investigan na USC

Un grupo de Lugo proba distintas combinacións para a introdución de especies animais e vexetais en Quiroga, Abegondo e Cervantes

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Un tratamento da USC para deixar de fumar logra a abstinencia do 77% de participantes

O estudo demostra que o uso de recursos tecnolóxicos, como as videochamadas e aplicacións móbiles, son efectivos para abandonar o tabaco

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres