José Tubío, líder do grupo de Genomes and Disease do CiMUS. Foto: R. Pan.
José Tubío, líder do grupo de Genomes and Disease do CiMUS. Foto: R. Pan.

José Tubío: “Queremos crear unha rede para coñecer as cepas do coronavirus en Galicia”

O grupo de Xenomas e Enfermidade que dirixe o científico prepara colaboracións con diversas disciplinas para analizar o código xenético do SARS-CoV-2

Antes de que a pandemia do coronavirus puxera case todo patas arriba, o ano 2020 comezou con moi boas novas para o grupo que dirixe José Tubío no CiMUS de Santiago de Compostela. O equipo de Xenomas e Enfermidade liderou dous dos artigos publicados pola colaboración internacional Pancancer, e que mudarán en boa medida a investigación fronte ao cancro nos vindeiros anos. Poucas semanas despois, o grupo, que dispón dunha das prestixiosas axudas do Consello Europeo de Investigación, viu paralizado o seu traballo como boa parte da sociedade. “Eu creo que a nosa responsabilidade neste momento é colaborar no que poidamos, e creo que podemos facelo”, explica Tubío. Para isto, o científico lanzou nos últimos días un chamamento para unir forzas fronte á epidemia a través da colaboración de expertos en diversas disciplinas, para estudar as características das cepas do SARS-CoV-2 en Galicia.

O grupo de Tubío conta con equipos e persoal disposto a axudar, e con capacidade para manexar grandes cantidades de datos xenómicos, que quere poñer a disposición de quen o precise para coñecer polo miúdo o código xenético do virus. “A idea é que queremos crear unha rede de investigadores para coñecer e monitorar as cepas do coronavirus que hai en Galicia, e comparalas coas doutras rexións, para saber cales son, que mutacións teñen, se son máis ou menos patoxénicas e/ou perigosas para determinadas persoas, como van evolucionando co tempo, etc.”.

“Hai que estudar as cepas que circulan aquí, e que prevalencia ten cada unha”

Na situación actual, segundo expón o investigador compostelán, é lóxico que se estea falando de cifras de persoas afectadas, mortes ou curacións, pero cre que tamén hai que poñer o foco noutros temas: “No caso de Galicia, por exemplo, podemos facer o esforzo de estudar as cepas que circulan aquí e que prevalencia ten cada unha, como de eficaz é cada un dos tratamentos que se están a realizar en cada caso e con cada cepa, e aproveitar eses datos para a investigación que veña despois desta fase da crise”. 

Colaboración

Nestes días, o grupo xa está contactando con expertos doutros eidos para ampliar a rede. “Estamos falando con xente nos hospitais para tomar mostraxes que poidamos analizar. Tamén contactamos cun grupo que estuda o desenvolvemento de biosensores para mellorar o diagnóstico, outro que pode axudar a identificar a trazabilidade do virus na auga, ou un grupo de Veterinaria que pode axudar a identificar a importancia dos reservorios animais no virus”.

Todas estas liñas de traballo, expón Tubío, terían soporte desde o seu grupo para dispoñer dos datos xenómicos que se procesarán no laboratorio. “A información que teñamos estará dispoñible nun repositorio público para todas as persoas que os queiran consultar e colaborar”.

Para obter financiamento, o grupo presentou a proposta ao Fondo Covid-19 que lanzou o Instituto de Salud Carlos III, aínda que aclara o científico galego que o traballo sairá igual adiante. “Temos financiamento para acometer isto, aínda que espero que desde o ISCIII ou desde outras institucións recibamos apoio para sacalo adiante”.

Secuenciación

Un dos alicerces do traballo do grupo de Xenomas e Enfermidade céntrase no uso das plataformas de secuenciación coa tecnoloxía Oxford Nanopore. Baséase nuns dispositivos máis pequenos ca un teléfono móbil que “son capaces de secuenciar fragmentos moi longos de material xenético, o que nos permite facelo máis rápido”. Explica o investigador do CiMUS que “con esta tecnoloxía, ao tratarse dun virus cun xenoma moi longo, podemos detectar de forma máis rápida as distintas cepas”. É un sistema “moi versátil e rápido”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.