Venres 26 Abril 2024

O Imperial College calcula que España ten 7 millóns de casos de coronavirus

A investigación estima que se salvaron xa 16.000 vidas en todo o Estado por mor do confinamento da poboación

Un estudo publicado por investigadores do Imperial College de Londres estima que España sería o país europeo con maior número de persoas infectadas polo coronavirus, con entre o 3,7% e o 41% da súa poboación contaxiada, o que supón unha media estatística do 15%, é dicir, unhas sete millóns de persoas.

A nivel continental, o traballo científico estima que entre 7 e 43 millóns de persoas foron contaxiadas por este novo virus nos once países europeos con máis casos ata o 28 de marzo (Austria, Bélxica, Dinamarca, Francia, Alemaña, Italia, Noruega, España, Suecia, Suíza e Reino Unido), o que representa entre o 1,88% e o 11,43% da poboación.

Publicidade

Os investigadores explican esta gran diferenza debido á limitada capacidade de realizar probas diagnósticas e a que moitos dos casos son leves e asintomáticos, polo que non se detectan. O mesmo día que se publicaba este estudo, segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade, en España 94.417 positivos, unha cifra moi afastada das estimacións da institución británica.

Despois de España, o país europeo con máis contaxios sería Italia: 5,9 millóns de casos, un 9,8% da poboación. Mentres, apenas o 0,72% da poboación alemá tería o virus, unhas 600.000 persoas. En Francia, serían ao redor de dous millóns de afectados, o 3% da cidadanía; e en Reino Unido 1,79 millóns de persoas, o 2,7% do total.

O Imperial College é a universidade británica que colabora coa OMS e un dos seus estudos, que prognosticaba centos de miles de mortos no Reino Unido se non se facía nada, forzou a Boris Johnson a cambiar a súa estratexia ante a COVID-19.

Estimación de vidas salvadas

Por outra banda, o traballo calcula tamén o impacto das medidas de distanciamento social para contrarrestar a expansión da epidemia, como peches de escolas, confinamentos domiciliarios ou o illamento de casos confirmados e sospeitosos. Os investigadores conclúen que as medidas salvaron unhas 16.000 vidas en España desde o inicio do abrocho. En Italia evitáronse xa aproximadamente 38.000 mortos, e 370 en Reino Unido, que se atopa no inicio do brote.

“Por suposto que é un momento difícil para Europa, pero os gobernos tomaron medidas significativas para asegurar que os sistemas de saúde non se vexan desbordados. Hai probas sólidas de que empezaron a funcionar e teñen achantado a curva. Cremos que se salvou un gran número de vidas. Con todo, é demasiado cedo para dicir se logramos controlar plenamente as epidemias e haberá que tomar decisións máis difíciles nas próximas semanas”, asegura o investigador principal, Samir Bhatt.

Novo máximo de mortos por coronavirus: 849 en 24 horas en España

O seu equipo utilizou datos diarios en tempo real do Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC, polas súas siglas en inglés). Os modelos centráronse no número reprodutivo, é dicir, o número medio de novas infeccións xeradas por cada persoa infectada. Asumiuse que os cambios no número reprodutivo son unha resposta inmediata á implementación destas intervencións, en lugar de cambios graduais máis amplos no comportamento. En xeral, os modelos estiman que os países lograron reducir o seu número reprodutivo coas intervencións.

A análise do equipo mostra que, coas medidas actuais en marcha, evitáronse entre 21.000 e 120.000 mortes ata este 31 de marzo nos once países. Con todo, puntualizan que se evitarán moitas máis mortes se se manteñen as intervencións ata que a transmisión descenda a niveis baixos.

“Os nosos resultados suxiren que as intervencións como o distanciamento social ou os peches xa salvaron moitas vidas e seguirán salvando vidas. O impacto da pandemia é extremo, pero sería moito peor sen as medidas. Mantelas é crucial para controlala”, defende o profesor Axel Gandy, presidente de Estatística do Departamento de Matemáticas.

Dado o lapso de dúas a tres semanas entre o momento en que se producen os cambios na transmisión e o momento en que se pode observar o seu impacto nas tendencias de mortes, os investigadores engadían que “talvez sexa aínda demasiado cedo” para demostrar, na maioría dos once países, que as medidas foron eficaces.

“Os europeos, como moitas persoas noutros lugares, cambiaron profundamente as súas vidas nas últimas semanas. Este informe deixa claras as primeiras probas dos beneficios destas medidas de distanciamento social. Ao manter a distancia entre nós, limitamos as oportunidades de que o virus se propague e reducimos os riscos de enfermidade e mesmo morte entre os que nos rodean”, conclúe Christl Donelly, profesor de Epidemioloxía Estatística da Escola de Saúde Pública.

Aquí podes ler o estudo do Imperial College de Londres

4 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade