As prestixiosas revistas Nature e Nature Genetics publican hoxe tres artigos asinados por investigadoras e investigadores galegos nos que se describe un achado revolucionario para a futura investigación de diversos tipos de cancro. Os traballos, nos que participou o grupo do científico José Tubío, demostran a influencia dos retrotransposóns, uns elementos do ADN con capacidade para replicarse e trasladarse a outras partes do xenoma, na xénese de varios tipos de tumores. Este achado, acadado grazas á colaboración internacional do proxecto PANCANCER, no que Tubío comezou a participar hai varios anos durante a súa estadía en Cambridge, engade unha variable ata agora non contemplada á capacidade das células cancerosas para formarse e propagarse sen control, desenvolvendo a enfermidade no organismo humano. E por tanto, abre tamén a porta a novos tratamentos para combater no futuro a unha das maiores causas de mortalidade no mundo.
Tal e como explica o científico, os retrotransposóns forman aproximadamente o 50% do xenoma, “pero ninguén lles prestara nunca moita atención porque parecían secuencias repetitivas sen moito interese”. O que descubriu o equipo galego, liderando o traballo xunto a decenas de investigadores de diversos países, é que “cando estes elementos móbiles se replican e se integran noutras partes do xenoma, producen perdas de material xenético moi grandes, ás veces aberrantes, de ata a metade dun cromosoma”. E entre esta perda de material, segundo continúa explicando José Tubío, “é posible que ás veces haxa xenes que actúan como supresores de tumores e que, por tanto, unha maior mobilidade destes retrotransposóns facilite a aparición do cancro”.
Os retrotransposóns producen grandes perdas de material xenético que poden aumentar o risco de cancro
A investigación detectou unha maior mobilidade destes retrotransposóns en determinados tipos de tumores de esófago, cabeza e pescozo, pulmón e colorrectais, o que podería axudar a afinar os tratamentos nestas doenzas. O descubrimento deste mecanismo, que recibe o nome de deleción mediada por retrotransposición, “é algo totalmente novo en cancro, que ata agora se obviaba completamente, e que por tanto permitirá desenvolver terapias enfocadas cara a isto”.
Cara á investigación clínica dos xenomas móbiles
O traballo, segundo explica o líder do grupo de Xenomas e Enfermidade do CiMUS, ten agora un longo e prometedor camiño por diante para poder chegar aos pacientes. “Nós fixemos, dalgún xeito, a investigación básica, secuenciando e analizando unha enorme base de datos con miles de científicos de todo o mundo, e agora hai que achegar ese coñecemento aos tratamentos”.
Entre os posibles tratamentos, os investigadores que estudan estas secuencias móbiles apuntan cara aos retrovirais, usados para combater determinados tipos de virus. “Os retrotransposóns producen unha proteína, a retrotranscriptasa, que está implicada na súa mobilizacion, e que tamén existe en virus. Por tanto, o feito de que os retrotransposóns se comporten de forma semellante aos virus poden levarnos cara a terapias semellantes, e redirixilas dalgunha maneira para frear mutacións causantes do cancro do mesmo xeito que intentamos frear os virus”.
A investigación xa achegou, ata o de agora, algunhas evidencias de factores que poden inducir unha maior mobilidade dos retrotransposóns e, por tanto, un maior risco dalgúns cancros. “Non é casualidade que o cancro de pulmón estea nesta lista, porque se analizamos as diferenzas entre tumores de pulmón causados polo tabaco e outros que non o están, observamos que no caso dos do tabaco, os retrotransposóns están moito máis activos”, engade Tubío.
Ademais de José Tubío, autor principal de dous dos artigos, o investigador Bernardo Rodríguez, tamén do CiMUS, é primeiro autor destes mesmos traballos. Do mesmo xeito, participan no traballo os científicos galegos Eva Álvarez, Jorge Zamora, Daniel García, Miguel G. Blanco, Jorge Rodríguez, Alicia Bruzos, Marta Tojo e Sonia Zumalave.
O equipo de Xenomas e Enfermidade é un dos principais grupos de investigación en xenómica de España, e está implicado en proxectos financiados polo Consello Europeo de Investigación (ERC). Entre outras liñas de investigación, destaca Scuba Cancers, financiado cunha bolsa Starting Grant de 1,5 millóns de euros para estudar os cancros transmisibles en bivalvos. No estudo xenómico do cancro, Tubío dirixe un dos subgrupos do proxecto Pancancer e conta con máis de 10 publicacións de alto impacto en Science e Nature, ás que hai que sumar ás que acaba de publicar o seu equipo esta semana.
Referencias:
- Pan-cancer analysis of whole genomes identifies driver rearrangements promoted by LINE-1 retrotransposition (Publicado en Nature Genetics).
- On the discovery of somatic driver events in >2,500 whole cancer genomes (Publicado en Nature).
- Pan-cancer analysis of whole genomes (Publicado en Nature).