“Puxémonos a buscar no lixo e acabamos atopando ouro”

Falan os científicos Bernardo Rodríguez e José Tubío, autores principais de dous relevantes artigos sobre os retrotransposóns

“Son cousas que pasan moi poucas veces, ou nunca, na vida dun investigador, e isto é o que fai especial o noso traballo, atopar algo que posiblemente poida contribuír a mellorar a vida da xente”, conta Bernardo Rodríguez, un xoven bioinformático asturiano que traballa no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) de Santiago de Compostela. Este estudante de doutoramento é o primeiro autor de dous dos traballos que o equipo Xenomas e Enfermidade, dirixido por José Tubío, acaba de publicar en Nature e Nature Genetics, dúas revistas de alto impacto, e que demostran a influencia das secuencias móbiles de retrotransposóns na aparición do cancro.

“Tiñamos que analizar case 3.000 xenomas de 37 tipos de cancro, o que significa ter terabytes de información para procesar”, explica Bernardo. “Pero ademais da revisión que fan os programas informáticos que nós desenvolvemos, facemos unha análise máis ‘manual’ e ‘a ollo’, para comprobar que non se nos escapa nada. E foi aí cando vimos algúns detalles anómalos”. Foi unha especie de eureka que acabou concluíndo no gran avance que presentan nesta serie de artigos: “Había unha perda importante de ADN nas zonas nas que os retrotransposóns se insertaban; comezamos a afondar nas posibles razóns, e vimos que había patróns interesantes”, continúa o científico asturiano.

Publicidade

Galicia lidera un traballo revolucionario sobre o papel dos xenomas móbiles no cancro

En palabras do responsable do grupo, José Tubío, “puxémonos a buscar no lixo, onde case ninguén miraba, e acabamos atopando ouro. Pensábase que os retrotransposóns tiñan apenas unha función estrutural nos cromosomas, e pouco máis, pero con esta investigación vemos o relevantes que poderán ser para entender o cancro”, engade Tubío.

De feito, a investigación que lidera o equipo galego abrangue a decenas de científicos de todo o mundo, o que reforza a relevancia do grupo de Xenomas e Enfermidade no proxecto de análise a gran escala de xenomas no cancro. “Se conseguimos isto é porque temos o financiamento preciso e podemos traballar de xeito eficiente. Agora mesmo, o feito de poñer os nosos equipos e laboratorios en marcha, sen ter en conta os custos de persoal, son de miles de euros ao mes, e poder facer isto é clave, porque coma moita xente houbo un tempo no que eu tiña que reciclar as puntas das pipetas e fabricar eu mesmo o material”.

Publicidade

O financiamento de diversas fontes que agora recibe este equipo do CiMUS permite que, por exemplo, Tubío poida estar dirixindo máis de 10 teses de doutoramento na actualidade. Un deles é Bernardo, que leva catro anos en Santiago despois de graduarse en Bioloxía en Asturias e estudar un mestrado en bioinformática en Barcelona para achegarse ao manexo de grandes volumes de datos con aplicacións nas ciencias da vida.

“A bioloxía e a informática están cada vez máis conectadas, en aspectos como a xenómica, porque dispoñemos de millóns de secuencias e temos que desenvolver programas informáticos para analizalas”. Cando José Tubío regresou a Galicia desde Cambridge, Bernardo contactou con el e ofreceulle a posibilidade de unirse ao grupo. Este mesmo mes de xaneiro irase á Alemaña para continuar investigando como post-doc sobre cancro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un centro da USC lidera unha rede europea arredor dos mecanismos xénicos das enfermidades humanas

O proxecto DECODES, coordinado polo CiMUS, contará con 4,5 millóns de euros e formará 15 investigadores predoutorais para estudar o papel do ‘splicing’

Un proxecto galego propón usar nanopartículas inocuas en inmunoterapias celulares

A iniciativa Nano-ARN, liderada pola investigadora da USC María José Alonso, busca comercializar a través dunha 'spin-off' un reactivo con alta capacidade de integración do ARN

O exceso de frutosa pode debilitar as defensas naturais das arterias fronte á calcificación

Unha investigación da USC revela que a exposición prolongada ao monosacárido altera a produción de enerxía no fígado

Investigadores do CiMUS abren unha vía nova para combater o carcinoma de tiroide máis agresivo

O proxecto siRNA, apoiado polo programa Ignicia da Xunta, desenvolve unha terapia experimental para matar as células tumorais de diversos cancros indiferenciados