O colorido resultado dunha loita estelar

O telescopio ALMA, situado no deserto de Atacama, consegue captar a interacción entre unha estrela xigante que medrou ata engulir a súa veciña

Do mesmo xeito que os humanos, as estrelas cambian coa idade e, en última instancia, morren. Para o Sol e estrelas similares, este cambio pasará por unha fase na que, despois de queimar todo o hidróxeno do seu núcleo, incharase ata converterse nunha gran e brillante estrela xigante vermella. Finalmente, o Sol moribundo perderá as súas capas externas, deixando atrás o seu núcleo: unha estrela quente e densa chamada anana branca. Porén, non sempre acontece así: a imaxe captada polo telescopio ALMA, situado no deserto de Atacama, amosa o resultado dunha loita estelar: a nube de gas da binaria HD101584. Neste caso, este sistema binario “é especial no sentido de que este ‘proceso de morte’ terminou de maneira prematura e dramática cando unha estrela compañeira próxima de baixa masa foi engulida pola xigante”, conta Hans Olofsson, investigador da Universidade Tecnolóxica de Chalmers (Suecia) que dirixiu un estudo sobre este intrigante obxecto. Os resultados publícanse agora na revista Astronomy & Astrophysics.

As cores representan a velocidade, pasando do azul (gas que se move máis rápido cara á nós) ao vermello (gas que se afasta máis rápido de nós). As estrelas deste sistema binario atópanse no único punto brillante do centro da estrutura de anel verdoso, cuxa orixe estaría no material expulsado mentres a estrela de masa inferior avanzaba en espiral cara á súa compañeira xigante vermella.

Publicidade

Grazas ás novas observacións levadas a cabo desde Chile coa instalación ALMA e o Atacama Pathfinder EXperiment (APEX), operados polo Observatorio Europeo Austral (ESO), Olofsson e o seu equipo descubriron que o que sucedeu neste sistema de dobre foi algo semellante a unha loita estelar.

A medida que a estrela principal se ía convertendo nunha xigante vermella, medrou o suficiente como para envolver á súa parella de menor masa. En resposta, a estrela máis pequena dirixíase en espiral cara ao núcleo do xigante, pero non chocou con ela. Máis ben, esta manobra fixo que a estrela máis grande estourase, dispersando de maneira espectacular as súas capas de gas e deixando exposto o seu núcleo.

Publicidade

O equipo di que a complexa estrutura do gas na nebulosa HD101584, localizada na constelación de Centauro, débese á traxectoria en espiral da estrela máis pequena cara á xigante vermella, así como aos chorros de gas que se formaron neste proceso.

O interesante desta loita estelar é que axuda aos astrónomos para entender mellor a evolución final de estrelas como o Sol. “Actualmente, podemos describir os procesos de morte comúns a moitas estrelas similares ao Sol, pero non podemos explicar por que ou como suceden exactamente”, explica a coautora Sofia Ramstedt, da Universidade de Uppsala (Suecia). “HD101584 dános pistas importantes para resolver este crebacabezas –engade–, xa que actualmente está nunha curta fase de transición entre etapas evolutivas que foron mellor estudadas. Con imaxes detalladas da contorna de HD101584 podemos facer a conexión entre a estrela xigante que era antes e o remanente estelar no que pronto se converterá”.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

En 2025 rexistráronse 14 bólidos sobre o ceo de Galicia

A lista recompilada pola rede de investigación SPMN sinala outubro como o mes con máis observacións

Un novo bólido sorprende en Galicia: como identificar este tipo de fenómeno astronómico

O CSIC confirma que o meteoro se puido observar dende diversos enclaves distribuídos por Ourense, O Porriño, Arteixo e Vigo

Próxima cita astronómica en Galicia: o 28 de agosto haberá unha eclipse lunar parcial

O evento poderá observarse a simple vista dende toda a comunidade galega sen necesidade de lentes ou aparellos especiais

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns