Poucas veces a revista Nature, a referencia mundial das publicacións científicas, dedica tanta atención a un tema coma o de onte. E non é para menos. Ás veces, os medios de comunicación e os propios científicos tenden á hipérbole para esaxerar o impacto de determinadas investigacións, pero os traballos difundidos este mércores arredor do proxecto Pancancer son, sen dúbida, algo moi salientable. “É algo que pasa unha vez na vida”, recoñecen os propios científicos galegos autores do traballo. A maior investigación sobre xenómica do cancro, na que puxeron o seu gran de area miles de cabezas de todo o planeta, recaeu en boa parte nun laboratorio de Santiago de Compostela.
Pan-cancer analysis of whole genomes identifies driver rearrangements promoted by LINE-1 retrotransposition (Rodriguez-Martin et al.) https://t.co/w3SzwtI3pK #PCAWG pic.twitter.com/Dri9u72eHM
— Nature Genetics (@NatureGenet) February 5, 2020
As reaccións ao traballo liderado polo grupo Xenomas e Enfermidade, do CiMUS da Universidade compostelá, foron numerosas en todo o mundo. O propio ministro de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, salientou a “decisiva contribución da investigación española ao coñecemento dos procesos do cancro”.
Decisiva contribución de la investigación española al conocimiento de los procesos del cáncer. Es un ejemplo claro del éxito de la colaboración científica internacional entre centros de investigación, universidades y hospitales.
¡Enhorabuena y muchas gracias! https://t.co/krmFaMCEsh
— Pedro Duque (@astro_duque) February 6, 2020
Algúns dos investigadores galegos de referencia na investigación do cancro, como Xosé Bustelo, presidente de Aseica, ou Marisol Soengas, líder do grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas, tamén felicitaron ao equipo do CiMUS.
Perdonad que caiga en localismo (sano) pero hay que decirlo: el trabajo de @MobileGenomes es un hito histórico de la ciencia hecha en Galicia. A seguir con la racha @ASEICAnews @Xunta @Farodevigo @GC_GCiencia https://t.co/TgjPjToe45
— Xose R Bustelo (@XRBustelo) February 5, 2020
Un dos artigos máis relevantes da serie é o que ten como primeiro autor a Bernardo Rodríguez, a José Tubío como autor principal e no que tamén participan Eva Álvarez, Jorge Zamora, Daniel García, Miguel G. Blanco, Jorge Rodríguez, Alicia Bruzos, Marta Tojo e Sonia Zumalave.

A investigación analiza unha mostraxe do xenoma de tumores en 3.000 persoas, correspondentes a 38 tipos distintos de cancro. Os científicos galegos puxeron o foco nos retrotransposóns, uns elementos móbiles do ADN aos que ata agora non se lle prestaba atención, pero que poderían ter un impacto clave na xénese de tumores, sobre todo de esófago, pero tamén de cabeza e pescozo, pulmón e colorrectais.
Galicia lidera un traballo revolucionario sobre o papel dos xenomas móbiles no cancro
Dentro destas secuencias de retrotransposóns, os investigadores do CiMUS centráronse entre 100 e 150 elementos que se activan de forma especial cando aparece o cancro. E dentro destes, 16 teñen un interese especial, xa que son moi activos e causan máis do 75% de todas as mutacións orixinadas nun tumor. En palabras de José Tubío, “compórtanse como volcáns que poden estar silenciados durante moito tempo e, de súpeto, explosionar de forma moi violenta, promovendo decenas ou centos de mutacións no xenoma tumoral”.
Cara á clínica
O seguinte paso deste avance é comezar a trasladar os achados á clínica. Entre os posibles tratamentos, os investigadores que estudan estas secuencias móbiles apuntan cara aos retrovirais, usados para combater determinados tipos de virus. “Os retrotransposóns producen unha proteína, a retrotranscriptasa, que está implicada na súa mobilizacion, e que tamén existe en virus. Por tanto, o feito de que os retrotransposóns se comporten de forma semellante aos virus poden levarnos cara a terapias semellantes, e redirixilas dalgunha maneira para frear mutacións causantes do cancro do mesmo xeito que intentamos frear os virus”. O equipo galego xa traballa en pequenas probas de concepto, probando diferentes tratamentos.














