O Dicionario da Academia Galega chega a 70.000 visitas diarias

A ferramenta en liña tivo un incremento de usuarios do 18,3 por cento no último ano

O Dicionario da Real Academia Galega superou en 2019 os 25,8 millóns de buscas, unha cifra que representa unha media de máis de 70.000 diarias e reflicte a evolución positiva desta ferramenta esencial da lingua galega. Con respecto a 2018, significa un incremento do 18,3 % e sitúase por riba do 26 % se se compara cos resultados de 2017. Ese ano o Dicionario acadou por primeira vez máis de 20 millóns de consultas, unha marca mellorada substancialmente vinte e catro meses despois sen ter en conta as procuras realizadas a través das aplicacións para dispositivos móbiles.

Como en ocasións anteriores, entre as palabras máis buscadas aparecen diversos termos que constatan un uso do Dicionario non só para coñecer o significado das palabras senón tamén para resolver dúbidas ortográficas. É o caso de só, mais, botar, présa ou fóra nunha listaxe na que tamén aparecen outros termos como parotidite, porén ou asemade.

Publicidade

O Dicionario, en constante revisión e ampliación, tamén medrou no número de entradas e achégase ás 60.000. O Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega incorporou o ano pasado un total de 201 novos lemas e introduciu cambios en máis de 800, froito do traballo interno e do diálogo coa comunidade de usuarios e usuarias do Dicionario, que fan chegar as súas suxestións a través da lapela “Axúdanos a mellorar” que se desprega en cada entrada e outras vías telemáticas.

Deste xeito,  nos últimos doce meses entraron no Dicionario termos relacionados co mundo do deporte como estaxe ou paralimpíada; de crecente uso nos discursos sobre a igualdade como feminización, visibilizar, sororidade ou nesgo; vinculados ao mundo dos negocios como franquiar ou márketing; vocábulos das artes e dos espectáculos como pano de boca ou ópera bufa; termos relacionados coas tecnoloxías da información e da comunicación como libro electrónico, memoria tobo ou podcast; e outros como apósito adhesivo, cotiandade, composteiro ou meme.

Publicidade

O Dicionario da Real Academia Galega está dispoñible na páxina web da institución (https://academia.gal/dicionario) e a través do Portal das Palabras, o proxecto de divulgación do noso léxico posto en marcha en colaboración coa Fundación Barrié, que apoia ademais a actualización tecnolóxica do Dicionario e das súas aplicacións para iOs e Android.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A galega Gradiant desenvolve un modelo de atención integrada para os pacientes con feridas crónicas

A ferramenta creada polo centro tecnolóxico, en colaboración co IIS Galicia Sur, busca ofrecer unha asistencia máis personalizada, coordinada e eficiente

Vigo impulsa o uso pioneiro da realidade virtual para mellorar a recuperación tras un transplante de médula

O proxecto do IIS Galicia Sur e o Hospital Álvaro Cunqueiro combina exercicio terapéutico e tecnoloxía para combater a deterioración física e emocional

A borrasca subtropical Charles regará Galicia con fortes chuvias durante o mércores

A nova zona de baixas presións tomará o relevo de Bruna e MeteoGalicia establece a alerta amarela en Ourense por precipitacións

“Meu querido e ademirado amigo”: as cinco cartas conservadas de Otero Pedrayo a Cabanillas

O Consello da Cultura Galega publica epístolas que revelan a amizade, complicidade intelectual e momentos vitais compartidos entre as dúas figuras destacadas