Venres 19 Abril 2024

As 139 mortes descoñecidas nas residencias de maiores en Galicia

As entidades que representan a usuarios e traballadores dos centros de maiores reclaman á Xunta maior transparencia sobre a crise

A gran magnitude da pandemia da Covid-19 nas residencias de maiores tradúcese, no conxunto de España, en case o 70% das 28.000 mortes producidas desde o comezo da crise. O impacto foi gravísimo en Madrid, Catalunya, Castilla y León e Castilla-La Mancha, que suman máis de 10.000 falecementos. En comunidades como Madrid, arredor de 6.000 persoas (case un de cada 8 usuarios) morreron por mor da infección do SARS-CoV-2 ou por síntomas compatibles con ela, xa que non foi posibles realizarlles probas a todos os falecidos. Ademais, o Ministerio de Sanidad aínda non difundiu, a pesar das peticións dalgunhas comunidades, os números agregados de toda España. En Galicia, o impacto, sendo moito menor, foi tamén importante: o 1,3% dous usuarios destes centros, 271 usuarios faleceron ata o 22 de maio. Porén, segundo denuncian as entidades que representan a residentes, familias e traballadores destes centros, a falta de información sobre máis da metade dos óbitos impide coñecer a situación real nalgunhas das instalacións nas que máis casos e falecementos se produciron.

Ata o 8 de abril, a Consellería de Política Social achegaba diariamente os contaxios activos e o número de falecementos que se produciran en cada centro. “Ata ese momento podiamos seguir máis ou menos ao detalle o relatorio da situación”, explica Paulino Campos, presidente de REDE, a Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Usuarias en Residencias e na Dependencia. Porén, desde ese día, hai mes e medio, nun dos momentos máis críticos da pandemia, “a Consellería de Sanidade tomou o control das cifras”, lembra Campos.

Publicidade

Cambios na difusión da información

Unha semana antes, a Xunta de Galicia xa tomara o control dos centros DomusVi en Cangas e Barreiro (Vigo) polo elevado número de contaxios entre os residentes e traballadores. O 11 de abril, tres días despois de que se deixara de informar nos falecementos en cada centro, interviuse tamén a residencia de Nosa Señora de Fátima no Barco de Valdeorras. Estes tres centros, xunto a dúas residencias habilitadas en Santiago de Compostela e Baños de Molgas, convertéronse en residencias integradas. O detalle é importante para interpretar o descoñecemento que, desde o 8 de abril, hai sobre os casos nalgúns dos centros cunha situación máis grave.

Naquela data, 61 persoas faleceran nas propias residencias (son 132 ata o 22 de maio), e 56 en hospitais e residencias integradas (139 ata o venres). Na súa actualización diaria, a Consellería de Sanidade foi informando dos falecementos que se producían nas residencias aínda non intervidas. Porén, os 83 óbitos rexistrados desde ese momento en hospitais e as residencias intervidas pola Xunta non se poden atribuír ao centro residencial correspondente.

Mortes nas residencias de DomusVi e San Rosendo

Ata o 8 de maio, a Alianza Galega polos Servizos Sociais Públicos fixo un seguimento diario dos falecementos producidos en cada un dos centros residenciais. Os datos aínda teñen vixencia, xa que nas últimas semanas non se produciron máis mortes nelas. O documento está elaborado, entre outros, por Francisco Vizoso, do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas, epidemiólogo e, ata a súa xubilación, xefe de servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra. As máis afectadas eran naquel momento varios dos centros de DomusVi, o principal grupo do ramo en Galicia, e da Fundación San Rosendo, unha entidade relixiosa con boa parte da súa actividade na provincia de Ourense. No primeiro caso, DomusVi San Lázaro-Santiago, con 22 mortes só na residencia, era a máis afectada, seguida da NS Esperanza de Ourense, de San Rosendo (21 mortos) de DomusVi Cangas (20), DomusVi Barreiro-Vigo (12), Portazgo-A Coruña (9), Claudina Somoza-A Coruña (8) e DomusVi Matogrande-A Coruña (8).

Con todo, o baleiro sobre as 139 persoas restantes que denuncian as entidades da Alianza podería achegar cifras moito maiores nalgunhas residencias. No caso de DomusVi-San Lázaro, as estimacións feitas por estas entidades, aínda que non se dispón de datos oficiais, falan de máis de 50 persoas mortas, máis do 30% das 156 prazas das que dispón o centro. Porén, ao ser trasladadas ao hospital, ou ben á residencia integrada de Porta do Camiño, non se pode atribuír a cifra á propia residencia de San Lázaro. Algo semellante acontece en centros como NS Fátima do Barco de Valdeorras, onde só consta un falecemento antes de converterse en residencia integrada, pero no que se estima que morreron uns 14 usuarios. En Celanova, onde as cifras oficiais só confirman un óbito, as entidades falan de 11, e no caso das residencias intervidas en Cangas e Vigo, as cifras coñecidas falan de 32 mortes, pero estímase que hai ata 56.

“Tense que investigar o que pasou e por que”

A información foi achegada este venres polas entidades que representan aos colectivos de usuarios, as súas familias e os traballadores das residencias, que convocaron marchas cívicas para o vindeiro 11 de xuño nas sete cidades galegas. O doutor Francisco Vizoso reclama, en nome destas entidades e as familias das vítimas, “que se faga un estudo epidemiolóxico nestes centros para atopar cales son as razóns reais” de que se produciran estes focos en determinadas residencias privadas. “A probabilidade de morte das persoas que vivían nas residencias de xestión privada foi 24 veces máis elevada cá existente entre as persoas que vivían en residencias de titularidade e xestión plenamente públicas”, expón Vizoso, que realizou unha análise da mortalidade nestes centros. Como exemplo, sostén que entre as 132 mortes ‘localizadas’ en residencias, só 1 se produciu nun centro de xestión pública e titularidade pública.

Entre os factores que se deberían ter en conta para a análise das causas da elevada mortalidade, o doutor Vizoso expón a ratio de persoal xerocultor e de enfermaría e a formación do mesmo, a cifra de habitacións dobres ou individuais, a alimentación (servizo de ‘cátering’ ou cociña propia), ou o tipo de xestión, entre outros factores. Do mesmo xeito, pide que o traballo o leven a cabo “investigadores independentes, por exemplo, das universidades galegas”, que poidan analizar a situación. “Só sabendo os motivos desta alta mortalidade poderemos prepararnos mellor para a previsible segunda onda da pandemia”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais