Venres 19 Abril 2024

A Xunta intervén residencias de maiores en Vigo e Cangas polos contaxios masivos

As residencias da rede DomusVi pasarán a ser residencias integradas, onde só permanecerán os usuarios que padezan coronavirus

A Xunta de Galicia anunciou no serán deste luns a decisión de intervir os centros residenciais da rede DomusVi en Barreiro (Vigo) e Cangas do Morrazo, ao constatar o elevado número de positivos por coronavirus entre as persoas usuarias e traballadoras do centro. Nos últimos días, os focos nesta rede de residencias privadas, aínda que con prazas concertadas pola Administración autonómica, estendéronse en Galicia. Ademais dos dous centros intervidos, existe un elevado número de contaxios na de San Lázaro-Santiago, onde faleceron sete usuarios, así como outros casos ata o de agora puntuais en Monforte, Carballo ou Pontepedriña-Santiago.

A situación na residencia de Cangas, en Aldán, complicouse en boa medida nas últimas horas. Aínda que esta mañá Política Social informaba de 6 usuarios e 2 traballadores afectados, poucas horas despois trascendeu que os contaxios eran máis de 100 só en residentes, segundo publica Faro de Vigo. Pola súa parte, Europa Press expón que os dous centros suman 189 infectados, citando fontes de Política Social.

Publicidade

Ante esta situación, a Xunta anunciou que os dous centros se converterán en residencias integradas, como se fixo a semana pasada ao habilitar dous centros en Baños de Molgas e Santiago, nas que residirán persoas maiores que estean xa contaxiadas.

Domusvi Vigo, zona cero: máis da metade de residentes contaxiados

Os usuarios destes centros que deran negativo nas probas serán trasladadas, segundo a Xunta, a outros centros en función das características de cada residente unha vez o resultado sexa confirmado. Porén, as familias dalgúns dos afectados teñen denunciado estes días os retrasos de ata 10 días na notificación destas análises. Un destes centros, segundo informou a Administración autonómica, será a residencia de tempo libre de Panxón, en Nigrán, que é da titularidade da Xunta de Galicia e nestes momentos se atopa sen actividade.

Os centros DomusVi de Cangas e Vigo son as dúas primeiras residencias privadas que intervén o Goberno autonómico, en calidade de autoridade competente, unha decisión que se ampara na orde do Ministerio de Sanidade do 23 de marzo. Tal e como apunta a orde, a Xunta de Galicia designará a un empregado público para dirixir e coordinar a actividade asistencial destas dúas residencias privadas e garantir así a correcta aplicación dos protocolos e a supervisión médica de todas as persoas maiores que residen nestes centros. A persoa designada polo Goberno autonómico disporá de todos os recursos materiais e humanos destes centros residenciais de Vigo e Cangas.

Os contaxios nas residencias de maiores e persoas con discapacidade representan arredor do 10% dos casos confirmados ata o momento en Galicia. Segundo os datos difundidos este luns pola Consellería de Política Social, son 367 usuarios e traballadores de case 40 residencias en máis dunha vintena de municipios das catro provincias teñen confirmado o positivo por coronavirus. Ademais, alomenos 17 persoas faleceron coa doenza nos últimos días.

Case 370 casos e 17 falecidos en centros de maiores e discapacidade en Galicia

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204