Venres 29 Marzo 2024

O contaxio de máis de 70 persoas en centros de maiores provoca o traslado de afectados

Dúas residencias en Baños de Molgas e Santiago atenderán aos pacientes, despois de que se confirmaran positivos en oito residencias

A preocupación ante o contaxio de decenas de persoas pola doenza Covid-19 en residencias de maiores de Galicia levou este mércores ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a anunciar, tal e como adiantara hai uns días, o traslado dos afectados a outros centros. As consellerías de Política Social e Sanidade están a coordinar a habilitación de dúas residencias en Baños de Molgas e Santiago de Compostela que serán utilizadas como centro de atención medicalizada aos maiores que contraeran a enfermidade.

Na tarde do martes, Feijoo apuntou a que eran 57 os usuarios afectados de oito centros de maiores. Pouco antes, desde a Consellería de Política Social achegaban a cifra de 47 casos en usuarios (13 na residencia de Celanova, 18 na DomusVi de Barreiro-Vigo, 8 na DomusVi de San Lázaro-Santiago de Compostela, 3 no Fogar Bellolar da Coruña, 1 na de Caldas, 1 no Portazgo da Coruña, 2 na residencia de Fátima, no Barco de Valdeorras, e 1 na DomusVi de Cangas), así como 21 traballadores (14 en Celanova, 5 na DomusVi de Barreiro, 1 no centro La Esperanza San Rosendo de Ourense e 1 na residencia de San Simón, en Teo). Á espera do resultado das probas realizadas a máis usuarios e traballadores, é probable por tanto que o contaxio afecte a máis de 70 persoas nestes centros.

Publicidade

Deste xeito, as residencias afectadas duplicáronse nos últimos días, despois de que se coñeceran varios focos. Preocupa o abrocho na residencia San Carlos de Celanova, con 27 casos activos, e onde boa parte do persoal tivo que deixar os seus postos ao confirmarse o contaxio, chegando a quedar con só catro traballadoras para 54 usuarios. Unha das mulleres que vivía no centro, de 93 anos, faleceu no hospital de Ourense.

Con todo, Feijoo fixo na súa comparecencia un “chamamento á tranquilidade“, tanto dos usuarios das residencias como das súas familias, e defendeu o labor dos profesionais que atenden estes centros. O presidente da Xunta indicou que os casos afectan a oito das 223 residencias de maiores que hai en Galicia, e a 57 dos máis de 22.000 usuarios.

Residencias “integradas”

Ante o previsible aumento das cifras de contaxio, a Xunta activará dúas residencias “integradas” para as provincias do norte e o sur de Galicia. Para Pontevedra e Ourense, este centro será o que a Fundación San Rosendo posúe na localidade de Baños de Molgas, con 93 prazas. E para as provincias de Lugo e A Coruña, habilitarase a residencia Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, con 84 prazas. Neste caso, ao contar con usuarios vivindo actualmente nela, estes serán trasladados ao hotel Congreso, en Montouto (Teo) para deixar espazo aos pacientes de coronavirus.

Estes dous centros abriranse ás persoas afectadas procedentes das residencias para “concentrar o risco” e “tratar dunha forma máis medicalizada” a aqueles casos que, por características sanitarias e historia clínica, precisen dun coidado máis directo, segundo Feijoo. A Xunta non descarta nas vindeiras semana ampliar o número de residencias integradas en función da evolución de casos entre os usuarios de centros de maiores. Con todo, en caso de que estas persoas precisen hospitalización polo agravamento do seu estado, serán trasladados aos hospitais correspondentes.

Desinfección

Os centros de maiores foron obxecto dunha das primeiras medidas tomadas en Galicia para conter o coronavirus, hai agora dúas semanas, ao limitar as visitas. Con todo, o persoal de numerosas residencias, como o resto dos profesionais sanitarios, vén reclamando desde o comezo da crise maior protección para evitar posibles contaxios. Esta semana, o servizo de prevención de incendios, coa colaboración de numerosos concellos de Galicia, encargouse da desinfección de preto de 100 residencias de maiores e centros de persoas con discapacidade e 200 centros de saúde dos municipios galegos de menos de 5.000 habitantes.

A situación dos centros de maiores é un dos asuntos delicados na crise que se está a afrontar en España, toda vez que se teñen producido polo menos un centenar de falecementos por coronavirus entre persoas que residen nelas, incrementando as taxas de letalidade en comunidades como Madrid, Castilla y León, Castilla-La Mancha e Aragón. Segundo os datos que difunde o Ministerio de Sanidade, máis do 85% das persoas falecidas por Covid-19 ten máis de 70 anos.


Máis información:

Máis de 100 traballadores sanitarios deron positivo por Covid-19 en Galicia

España supera os 500 mortos nun día polo coronavirus e chega a 2.696

Máis de 70 concellos galegos, con casos de coronavirus

1 comentario

  1. A ver se entendín ben, van a traer aos afectados por coronavirus ao centro dunha cidade e aos sans ás aforas?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.