Venres 8 Decembro 2023

Máis de 100 traballadores sanitarios deron positivo por Covid-19 en Galicia

A cifra de persoas afectadas en Galicia supera xa as 1.500 e 27 persoas faleceron; boa parte dos pacientes están sendo atendidos no domicilio

Galicia volve experimentar este martes a maior subida en número de persoas afectadas por Covid-19 desde o comezo da crise. A Dirección Xeral de Saúde Pública informou á mañá de que as persoas afectadas en Galicia pola Covid-19, a doenza causada polo coronavirus SARS-CoV-2, eran 1.374, aínda que poucas horas despois, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, daba a cifra de 1.521 casos activos con positivo confirmado. Son 351 máis neste martes, no que se produciron novos falecementos que elevan a 27 (a última hora da tarde) o número de persoas falecidas por mor da doenza en 10 días, desde que o 14 de marzo se producira o primeiro óbito. Feijoo tamén ofreceu por primeira vez a porcentaxe de persoal sanitario con positivo confirmado pola Covid-19, situándoa nun 9%, algo menor cá do conxunto de España, e que se traduce en cifras absolutas en máis de 100 profesionais contaxiados en Galicia.

O incremento en cifras absolutas de persoas afectadas (a maior parte de casos están pasando a doenza no seu domicilio) está facendo medrar a ocupación nas unidades de coidados intensivos (UCI) dos hospitais de Galicia. Este martes xa son 68, segundo detallou Feijoo, as persoas afectadas por coronavirus que están sendo atendidas en UCI.

Publicidade

Deste xeito, a pesar de que nas últimas semanas se veñen habilitando outros espazos nos hospitais galegos para dar cabida aos enfermos máis graves de Covid-19, hoxe xa ocupan un 25% das 274 camas de UCI que hai en Galicia, cifra, esta última, achegada a pasada semana polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Cómpre ter en conta que as camas de UCI non se destinan só a casos de afectados por coronavirus, senón tamén a persoas que sofren outras doenzas graves e que precisan destes mesmos coidados críticos. Con todo, este martes Feijoo anticipou que ante a chegada do pico da pandemia, Sanidade habilitará un alto número de camas (arredor de 4.000 das 6.000 das que dispón o sistema sanitario en Galicia) para afrontar o aumento de ingresos polo coronavirus.

Os casos por área sanitaria

Segundo os datos achegados na mañá do martes, 359 das persoas afectadas están sendo atendidas na área da Coruña-Cee, 97 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 152 na de Ourense-Verín-O Barco, 179 son da de Pontevedra-O Salnés, 312 da área de Vigo, 239 da de Santiago-Barbanza, e 36 na de Ferrol. Porén, son máis de medio cento os concellos de Galicia con casos confirmados, segundo pode constatar a través dos medios de comunicación e outras fontes oficiais.

Máis de 70 concellos galegos, con casos de coronavirus

Xa se contabilizan 25 altas, e o martes producíronse sete falecementos. Finaron tres persoas no Chuac da Coruña (unha muller de 83 anos e dous homes de 92 e 61 anos), un home de 78 anos no hospital de Lugo, un home de 83 anos no hospital da Mariña, en Burela, un home de 90 anos no hospital de Ourense e unha muller de 91 no hospital de Ferrol.

Ademais dos 68 ingresos na UCI, hai outras 393 persoas que están sendo atendidas en unidades de hospitalización. Porén, máis do 70% das persoas con positivo confirmado por SARS-CoV-2 (1060) están no domicilio. Sanidade informou tamén de que ata o momento se realizaron 6.741 probas PCR.

En España, a situación segundo o Ministerio de Sanidad é a seguinte:

España supera os 500 mortos nun día polo coronavirus e chega a 2.696

Pola súa parte, Portugal supera xa os 2.300 casos con positivo confirmado e rexistráronse 30 óbitos. 22 persoas están xa recuperadas, 203 están en unidades de hospitalización e 48 na UCI.  Gran parte dos casos (93%) proceden de transmisión comunitaria. Alén disto, a Direção-Geral da Saúde Pública apunta a máis de 15.000 casos sospeitosos desde xaneiro.

No conxunto do planeta os Estados Unidos, cun notorio aumento de casos confirmados nos últimos días, xa supera a España como terceiro país con máis persoas afectadas, despois de Italia e China. Ademais, Italia achégase aos casos rexistrados na provincia chinesa de Hubei, e podería superar o número de mortes contabilizadas segundo os rexistros oficiais ao final do día.

Aquí podes consultar nesta táboa (en inglés) da plataforma de visualización de datos Datawrapper.


Máis información:

España supera a China en mortos con 3.434 decesos por coronavirus

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha profunda borrasca activa as alertas por chuvia: Pontevedra poderá acumular 80 litros

A partir do venres agárdase unha situación intermedia entre altas e baixas presións. Haberá precipitacións toda a fin de semana

Galicia e Portugal alíanse para promover a dieta atlántica

Un observatorio promocionará os seus beneficios para a saúde e o desenvolvemento económico sostible na eurorrexión

Cambio radical no tempo en Galicia: volve a chuvia e baixan drasticamente as temperaturas

A partir do xoves caen os termómetros pola chegada dunha masa de aire frío polar. Na segunda metade da semana as precipitacións serán menos abundantes

Soengas: “Temos que facer pedagoxía coas novas xeracións porque ven un lado bastante negativo da ciencia”

A bióloga molecular analiza os retos que afronta a investigación oncolóxica en Galicia