Venres 29 Marzo 2024

Así colabora a ciencia en Galicia fronte á crise (e ofrécese a axudar máis)

Os grupos de investigación póñense a disposición das autoridades mentres que as universidades e outros centros achegan materiais e persoal aos laboratorios

A magnitude da crise que está a azoutar Europa coa pandemia do coronavirus SARS-CoV-2, co sistema sanitario sometido a un estrés importante, está impulsando tamén a colaboración científica para enfrontarse á doenza. Como salientaba estes días o catedrático de Microbioloxía Ignacio López-Goñi, da Universidade de Navarra, nunca houbo un esforzo maior desde a investigación para facer fronte a unha pandemia. En Galicia, o apoio estase deixando ver desde o comezo da crise desde as universidades, centros de investigacións e empresas do sector biotecnolóxico, entre outros, que están arrimando o ombreiro para reforzar os equipos de traballo e os recursos materiais.

Doazón e fabricacion de materiais nas universidades

As tres universidades públicas de Galicia anunciaron nos pasados días a achega de importantes cantidades de materiais e recursos ao Servizo Galego de Saúde. A Universidade da Coruña anunciou a doazón de 76.793 luvas; 4.366 máscaras; 12.446 batas, 665 gafas, solución hidroalcohólica, xel hixienizante e antiséptico de mans. Ademais,  adiantou o envío de calzas, gorros, gorros cirúrxicos, panos cirúrxicos e outras prendas de protección. Tamén, segundo informou a vicerreitora, María Jesús Movilla ofreceranse termocicladores (analizadores de infección) por se fixesen falta.

Publicidade

Pola súa parte, a Universidade de Santiago de Compostela comezou esta semana  produción de xel desinfectante “en base a etanol ou alcohol isopropílico, a fin de tratar de garantir así o abastecemento deste subministro ao Sergas”, segundo expuxo o gabinete de comunicación. A USC respondeu así ao encargo da Xunta para fabricar 9.000 litros desta solución hidroalcohólica, un lote que será distribuído nos centros sanitarios que o precisen en 18.000 envases de medio litro de capacidade cada un, segundo informou o reitor Antonio López.

A universidade compostelá desenvolverá o traballo “grazas ao proceso de transformación e adaptación da planta piloto de que dispón o Departamento de Enxeñaría Química na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE)“, co apoio de persoal da propia escolae da facultade de Farmacia, que incorporará nas vindeiras semanas a persoal doutras disciplinas para axilizar a produción. Desde a USC tamén se achegaron milleiros de  luvas de nitrilo, máscaras de protección individual, batas, placas e diverso material de bioloxía molecular para análise en PCR existentes nos laboratorios das facultades, escolas universitarias e demais centros e servizos de investigación da institución.

Pola súa parte, a Universidade de Vigo respondeu ao chamamento do Goberno español e a Xunta de Galicia, ofrecendo laboratorios e investigadores con experiencia na realización da  proba de reacción en cadea da polimerasa (PCR), coa que se detecta a Covid-19. Entre os que xa amosaron a súa dispoñibilidade están, segundo informa a propia universidade, os grupos de Xenética de Poboacións e Citoxenética; Ecoloxía Animal; Xenética de Poboacións e Citoxenética; Oceanografía Biolóxica do CIM (Centro de Investigacións Mariñas), os grupos de Enfermidades Raras, Filoxenómica, Inmunoloxía e Química Coloidal do Cinbio (Centro de Investigacións Biomédicas); o grupo de Reumatoloxía e Enfermidades Inmunes do IISGS (Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur) e os grupos de Novos Materiais e de Biomarcadores Moleculares, así como o persoal técnico da Unidade de Xenómica do CACTI.

A institución viguesa tamén realizou un inventario do material sanitario para ofrecelo aos centros onde sexa preciso contar con el. A Uvigo contabilizou, segundo os últimos datos publicados, 1750 máscaras cirúrxicas, máis de 60 de protección, 1.000 unidades de Taq e dNTPs para a realización de PCRs, 900 hisopos, preto de 900 pares de luvas e case 500 batas desbotables, así como máis de 260 litros de alcol, entre outros.

O ofrecemento das universidades únese así á colaboración de colexios profesionais, como o de Biólogos de Galicia, que a semana pasada ofreceu á Consellería de Sanidade a colaboración de profesionais para incrementar a capacidade de realización de probas.

Biólogos de Galicia ofrecen voluntarios para as probas do coronavirus

Científicos do Inibic da Coruña están reforzando como voluntarios os laboratorios do Chuac

Reforzo nos laboratorios

En complexos hospitalarios como os da Coruña, un dos que máis volume de persoas afectadas está recibindo coa crise do coronavirus, os laboratorios están recibindo o reforzo de biólogos do Instituto de Investigación Biomédica (Inibic). É o caso da doutora Margarita Poza, científica do Inibic e profesora asociada da Universidade da Coruña, que colabora co grupo de Microbioloxía do Chuac. “Cando empezou a crise, gran parte do grupo, que traballa no Hospital Universitario, solicitou o teletraballo, pero cando a crise se agravou, gran parte do equipo ofreceu a súa axuda ao xefe de servizo, que aceptou e nos encomendou a posta a punto dos kits de diagnóstico do coronavirus SARS-CoV-2″, explica Poza.

Nestes días o equipo do Inibic axudou a “poñer a punto determinada metodoloxía facendo turnos en cadena para entrenar a todo o equipo”. Poza, xunto co equipo formado e adestrado no Chuac, ofrece formación a outros científicos para realizar tests de detección eficaces, co único obxectivo de axudar”. Destacada que “os científicos queren, poden e deben axudar, porque están altamente cualificados e son capaces de organizarse rápidamente e moi eficaces”, polo que agradece ao persoal do servizo de Microbioloxia e á Xerencia do CHUAC por permitirlles colaborar.

Na Coruña, ademais do Inibic, o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), e empresas spin-off xurdidas do coñecemento xerado nas universidades e especializadas no eido da saúde, como AllGenetics ou Health in Code, puxéronse tamén a disposición das autoridades sanitarias para colaborar.

Os ofrecementos dos científicos para colaborar coas autoridades sanitarias tamén se están vendo estes días a través das redes sociais. É o caso de José Tubío, investigador do CiMUS de Santiago, que tal e como recolle La Voz de Galicia, que pon o seu laboratorio e o seu equipo a disposición das autoridades para analizar mostraxes a través de probas PCR e técnicas de secuenciación xenética.

“Levo 10 días co laboratorio pechado, con 27 persoas que se podían ofrecer. Estamos cos brazos cruzados e non é normal que o fagamos cando podemos axudar e dedicar os nosos recursos para loitar contra o coronavirus”, declara Tubío. O chamamento do científico do CiMUS foi secundado por outras investigadoras, como María Mayán, do Inibic da Coruña, que tamén se puxo a disposición das autoridades.


Máis información:

Antivirais e vacinas: a axuda para frear o coronavirus está en camiño

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O catedrático da UDC García Mira leva os seus estudos en psicoloxía ambiental ata Filipinas

A Universidade de Santo Tomás organizou unha conferencia sobre o papel da ciencia psicolóxica para abordar o impacto do cambio climático

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

Un equipo da UDC aposta pola tecnoloxía dos videoxogos para mellorar a simulación industrial

Os investigadores Javier Pernas e Diego Crespo, da Área de Organización Industrial do Grupo Integrado de Enxeñaría do CITENI, publican no 'Journal of Simulation' o seu último avance