Desde o comezo dos tempos, a humanidade observou con atención o movemento a través do ceo dese astro que daba vida a todo o que había na Terra. O Sol, a súa luz e a súa calor son a razón de todo o que coñecemos, e saber das súas peculiaridades ao longo do ano, e a relación que o planeta ten con el, é esencial para entender moitas cousas. A medida que nos achegamos ao solsticio de verán, nunha data que segue sendo case que máxica para moitas culturas, desde Galicia podemos observar, por exemplo, que anoitece uns minutos máis tarde ca moitos quilómetros cara ao oeste, en Río de Janeiro, onde poderiamos pensar que o Sol sempre aparece e desaparece máis tarde. E outra das peculiaridades é a sombra que proxecta o astro rei sobre a superficie da Terra debido á inclinación do eixo de rotación do planeta no que vivimos.
En contra da crenza habitual de que no Ecuador o Sol sempre inicide máis vertical ca no resto das latitudes, o Sol que vemos ao mediodía en Galicia durante estas semanas cae de forma máis perpendicular ca na latitude 0º, en cidades como Quito ou Nairobi, e illas como Sumatra ou Borneo. Pero por que pasa isto?
O eixe de rotación da Terra
O fenómeno explícao o catedrático de Electromagnetismo da USC Jorge Mira, que leva moito tempo estudando as curiosidades que se derivan da situación de Galicia no planeta, como o feito de que durante uns meses a Costa da Morte acolla o último solpor da Europa continental. “O eixe de rotación ten unha inclinación de 23,5º sobre o plano no que orbita arredor do Sol, o que explica a existencia das estacións en cada volta que dá arredor da estrela”, di Mira. Isto provoca que, ao longo do ano, o eixo fai un percorrido total de 47º desde os máximos da súa inclinación, como exemplifica este vídeo da California Academy of Sciences.
Deste xeito, durante boa parte do ano, a sombra que proxecta o Sol sobre as zonas intratropicais (entre o trópico de Cáncer, no hemisferio norte, e o trópico de Capricornio, no sur) é menor ca no resto do planeta. As latitudes dos trópicos veñen definidas pola inclinación do eixe de rotación da Terra: nos solsticios, na liña dos trópicos non se produce sombra. A curiosidade provocou que mesmo se erixiran monumentos, como o Fito ao Trópico de Capricornio, preto da cidade chilena de Antofagasta.
Segundo explica Jorge Mira, e se pode consultar no portal timeanddate.com, durante o mes de xuño chegaremos a ver o Sol máis alto en Galicia do que o están vendo no Ecuador ou en Kenya. O 21 de xuño, o sol en Santiago chegará a elevarse 71º sobre o horizonte, mentres que en Nairobi estará en 65º. Ao mesmo tempo, en La Habana, situada moi preto do trópico de Cáncer, a semana que vén o Sol alumeará a cidade de forma perpendicular, situándose no mediodía solar a 90º.
Mira exemplifica a situación deste xeito: “Nairobi está aproximadamente a 1º latitude sur, e Santiago, a 43º latitude norte, e a Terra está orientando cada vez máis o seu hemisferio norte cara ao Sol, nun proceso que se deterá o día do solsticio de verán, o 20 de xuño”. Isto supón que “este mércores, por exemplo, o Sol, subindo no seu camiño cara ao trópico de cáncer, caerá vertical sobre o paralelo 22ºN; co cal un galego en Santiago (43ºN) vería que a súa sombra a mediodía é de 21º (21º=43º da nosa latitude – 22º da latitude na que o Sol cae vertical). Ou sexa, o Sol para o compostelán o Sol pasará apartado só 21º do cénit, mentres que ao de Nairobi pasaralle a 23º (23º = 22º que hai dende onde cae o Sol vertical +1º grao que hai do ecuador ata chegar a Nairobi)”.
A peculiar situación de Galicia respecto a Kenya comezou o 23 de maio e prolongarase ata o 18 de xullo. Despois diso, a inclinación do Sol xa será menor para Nairobi. E así, a finais de setembro, no equinoccio de outono, o Sol na capital kenyana estará case perpendicular ao solo, mentres que en Galicia só se elevará no mediodía ata os 47º.
Por tanto, no mediodía do solsticio, “se un habitante de Nairobi mira ao Sol no momento do mediodía, verá que este está apartado 24,5º do cénit (23.5º do trópico + 1º que está para abaixo do ecuador); é dicir, se mira ao chan, a sombra fará un ángulo de 24.5º co seu corpo dereito”.
Algo análogo tamén se producirá, por exemplo, en latitudes como a de Ottawa, capital do Canadá, que está no 45,5º norte. “Como no solsticio o Sol cae no trópico (23,5º), o canadense verá o Sol apartado 22º do cénit: a súa sombra será de 22º, máis pequena ca do kenyano”, conclúe Mira, que o pasado sábado amosaba coa súa propia imaxe a inclinación do Sol desde a Costa da Morte no mediodía solar.
Desde hace una semana, el Sol cae más a plomo en Galicia que en la capital de Kenia (país ecuatorial). En Madrid, esto sucede desde hace 2 semanas.
Sombra ahora en la #CostadaMorte, con el Sol en su máxima altura de hoy (69º sobre el horizonte). En Nairobi solo llegó a 67º pic.twitter.com/90LXXbwzYQ
— Jorge Mira (@JorgeMiraUSC) May 30, 2020