O ‘museo máis formidable do mundo’ cumpre 35 anos

A Casa das Ciencias da Coruña, inaugurada en xuño de 1985, abriu o camiño dos Museos Científicos Coruñeses baixo o lema 'Prohibido non tocar'

Hai agora 35 anos, o 1 de xuño de 1985, un curioso edificio con forma de cúpula abría as súas portas no Parque de Santa Margarida na Coruña. Dende o primeiro día, colgou o cartel co seu lema emblemático: “Prohibido non tocar“. E, ata hoxe, suma xa máis de catro millóns de visitantes. Porque a Casa das Ciencias foi a bandeira coa que naceron os Museos Científicos Coruñeses, unha rede única en Europa que suma tamén a Domus e o Aquarium Finisterrae.

Daquela, este concepto de museo era unha revolución. Il piú formidabile museo del mondo! (“O museo máis formidable do mundo!”) exclamou Umberto Eco en decembro do ano 1992, cando visitou a Casa das Ciencias coruñesa. Alí puido ver o impoñente péndulo de Foucault que preside á entrada ao edificio, o trebello que serve para demostrar o movemento de rotación da Terra, co que Eco titulou unha das súas obras máis coñecidas. Entre outras cousas, o humanista puido ver no planetario do museo como era o ceo da súa cidade, Alessandria, na noite na que naceu, o 5 de xaneiro de 1932.

Publicidade

Do mesmo xeito que Eco, millóns de persoas fican abraiadas desde hai 35 anos coa caixa de sorpresas que garda este edificio. Foi concibido a mediados do século XX como un palacete que debería funcionar como unha emisora de radio, mais, tras longos anos de abandono, acabou sendo restaurado en base a unha idea do arquitecto Felipe Peña, para instalar nel un museo científico. O 1 de xuño de 1985, os reis de España inauguraron o que naquel momento foi “o primeiro museo público interactivo do Estado”.

Un dos xogos científicos da Casa das Ciencias.

Foi tamén o primeiro paso dun labor de divulgación científica que o Concello da Coruña continuou máis tarde coa apertura da Casa do Home (Domus), a Casa dos Peixes (Aquarium Finisterrae), e o Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt) converténdose nunha cidade de referencia para os amantes da ciencia, achegando tamén a divulgación aos máis cativos.

Publicidade

Os visitantes non se tiñan que limitar a observar coa boca aberta o que ía aparecendo ante eles, senón que tiñan que fedellar, experimentar, ulir, probar… todo o que lles pasara por diante.

Desde o péndulo de Foucault na entrada, quen chega ao edificio vaise sorprendendo a cada paso. Aparece, por exemplo, unha incubadora de poliños que dan a benvida á vida no museo. Descóbrese tamén como é posible mover obxectos cun sinxelo cambio de frecuencia de ondas, ou como unha pelota pode levitar polo efecto dunha corrente de vento, e tamén como o propio vento pode modificar o aspecto dun deserto en miniatura, ou como unha luz branca se transforma de súpeto nas cores do arco iris.

E na cúpula do edificio, coroando a caixa de sorpresas, aparece un planetario que nos traslada de súpeto ao centro do universo, onde se van descubrindo estrelas, constelacións e astros que nos fan caer na conta do pequeno que é o ser humano. Todos os fins de semana ofrécense sesións temáticas centradas nos máis cativos, co fin de que se acheguen ao abraiante que pode ser a contemplación do ceo.

A Casa das Ciencias é unha amena lección de física, química, bioloxía e astronomía ao alcance de todos os públicos. Un labor constante de paixón pola divulgación que o levou a ser escollido recentemente por National Geographic como un dos 30 mellores museos de España. Agora, cumpre 35 anos e constitúe en Galicia un dos seus mellores ‘Destinos de Ciencia’.

Aquí podes consultar a páxina web da Casa das Ciencias

 

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación

Da cosmoloxía moderna á física solar: os congresos que marcarán a semana da eclipse na Coruña

A cidade reunirá durante catro días a investigadores de referencia internacional para abordar as grandes incógnitas do universo e os últimos avances da estrela

⁠⁠A Coruña, entre os puntos de repartición das lentes gratuítas do Goberno para a eclipse total

O Ministerio de Ciencia e o Grupo Social ONCE distribuirán dous millóns de dispositivos visuais certificados para observar con seguridade o fenómeno do 12 de agosto

Da Torre de Hércules ao Castro de Elviña: percorre o patrimonio da Coruña a través da eclipse

O concello sinala 46 puntos privilexiados dende os que se poderá vivir a fase de totalidade do fenómeno astronómico do ano