A coruñesa Celia Brañas foi toda unha pioneira da ciencia en Galicia. Filla de Consuelo Fernández Miranda e do xornalista, escritor e farmacéutico Gonzalo Brañas Sánchez-Boado, comezou a traballar en 1908 como profesora auxiliar na Escola Normal da Coruña, para converterse en 1911 en profesora titular, cando só pasara un ano dende que, en 1910, unha Real Orde do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes suprimía a normativa que en España mantiña a moitas mulleres fóra do ensino. Máis tarde, Celia Brañas chegaría a ser directora da escola en varias ocasións ata a súa xubilación en 1946.
Celia procedía dunha familia cunha longa tradición científica e intelectual. Os seus irmáns foron tamén destacados profesionais. Entre eles, a maior, Esperanza, chegou acadar praza de profesora na Escola Normal, onde ademais exerceu como secretaria da institución, e xunto a Celia desenvolveu unha grande actividade social e cultural na Coruña. Pola súa banda, o seu irmán Gonzalo, que morreu en 1948, poucas semanas despois de Celia, foi un relevante físico e inventor, experto en magnetismo e radiotelefonía, acadando un importante prestixio a nivel estatal e mesmo internacional pola súa actividade científica, e chegando a ser membro da Real Academia Galega.
Escola Superior de Comercio
Neste ambiente caracterizado polo interese científico e cultural, Celia Brañas foi avanzando no eido académico, acadando o título de mestra elemental e superior, ademais de estudar diversas materias na Escola Superior de Comercio e a Universidade de Santiago, como coñecementos prácticos de laboratorio, Mineraloxía, Zooloxía, Botánica, Física e Química, que compoñían a antesala da formación na Facultade de Ciencias.
En 1908 comezou a dar clase na Normal da Coruña como profesora auxiliar ao substituír á titular de Ciencias. Nese mesmo ano participa en varios encontros celebrados polo Ateneo e o Circo de Artesáns, nos que toma parte tamén outra pioneira da mesma idade ca Celia: María Barbeito, unha das grandes renovadoras do ensino en Galicia. Unha das súas primeiras intervencións é unha lección sobre as reaccións químicas
En 1919 participou como poñente no Primeiro Congreso de Estudos Galegos, organizado polo Instituto de Estudios Gallegos da Coruña, no que defendeu o tema da importancia que para a rexión galega tería a creación dunha estación de bioloxía mariña na Coruña e os medios prácticos para establecela. Un ano máis tarde logrou que o Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid organizase un curso de bioloxía mariña na Coruña. Este curso foi o precursor da creación en 1932 da estación biolóxica de Marín.
O Premio de Xornalismo Científico da Real Academia Galega de Ciencias leva o nome de Celia Brañas desde 2020
No curso 1909-1910, Celia dá clases de tres disciplinas: Ciencias Físicas e Naturais, Agricultura e Matemáticas. E no ano seguinte, 1911, marca outro fito, ao aprobar a oposición de profesora numeraria de Ciencias, asumindo desde ese momento a docencia de Física, Química e Historia Natural. Nos seguintes anos, chegará a ser directora da Escola Normal.
Brañas creou a primeira Extensión Universitaria Feminina, a primeira de España, con conferencias semanais de divulgación e cursos de formación dirixidos a obreiros, e unha intensa axenda cultural de excursións e visitas polo país. Do mesmo xeito, puxo en marcha un programa de bolsas de estudo para as alumnas en peores circunstancias socioeconómicas e ampliou as instalacións da Escola, o que repercutiu nun importante aumento do número de estudantes.
A gran divulgadora actuou tamén como poñente sobre a “Importancia que para la región gallega tendría la creación de una estación de biología marina en La Coruña. Medios prácticos para establecerla”, e foi eloxiada polos xornais da época. Esa intervención resultou clave para que no ano seguinte, 1920, ela mesma solicitara ao Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid que organizara na cidade herculina un curso de Bioloxía Mariña, no que participou, un evento con certa trascendencia, pois estivo relacionado coa posterior creación da Estación desa especialidade en Marín (1933). En 1922 desfrutou dunha bolsa da Junta de Amplación de Estudios (JAE) para facer prácticas de Histoloxía durante dous meses no Instituto de Ciencias Naturais de Madrid .
Movementos de renovación
Segundo lembra Xosé Antón Fraga, “a súa visión do ensino das Ciencias estivo en consonancia coa proposta educativa dos movementos de renovación pedagóxica da época, o ensino activo”. Neste sentido, nunha memoria que levaba por título “Las Ciencias físicas y naturales en las Normales de Maestra”, salientaba o “carácter eminentemente práctico y de aplicación” desas materias e defendía un ensino no que a teoría fose acompañada «de la demostración experimental”.
En decembro de 1936, Celia Brañas presentou a súa renuncia á dirección da escola pola “necesidade de atender ao coidado da súa saúde”. En 1946, unha orde no Boletín Oficial do Estado daba conta da súa xubilación, aos 66 anos, “por imposibilidade física total e permanente”. Faleceu o 12 de xuño de 1948, aos 68 anos. Desde o ano 2020, o Premio de Xornalismo Científico que outorga a Real Academia Galega de Ciencias leva o nome de Celia Brañas.