A contaminación por plásticos en océanos e ríos é un problema ambiental urxente. Os seus efectos son múltiples, prexudican ecosistemas mariños e contornas naturais e supoñen perdas económicas. The Ocean Cleanup é unha fundación que desenvolve tecnoloxía para evitar que estes residuos cheguen ata o mar. Para iso, e entre as súas múltiples propostas, un equipo de científicos de Países Baixos e Alemaña elaborou un modelo que inclúe datos distribuídos xeograficamente e calcula a probabilidade de que o lixo plástico chegue a un río e, posteriormente, ao océano. É un enfoque probabilístico que sinala as zonas que emiten plástico en varios puntos do planeta. Curiosamente, non son os ríos máis grandes como o Amazonas ou o Nilo os culpables desta contaminación, senón aqueles pequenos que flúen a través de áreas urbanas. É o caso de Lagares, na Ría de Vigo, que arrastra 12.700 quilogramos de plástico ata as augas mariñas.
A investigación foi realizada en colaboración con investigadores da Universidade de Wageningen, a Universidade Tecnolóxica de Delft, a Universidade de Utrecht e o Centro Helmholtz de Investigación Ambiental. ‘Máis de 1000 ríos representan o 80% das emisións fluviais de plástico ao océano a nivel mundial’ é un artigo que se publicou na revista Science Advances e recolle os achados sobre as emisións deste tipo de residuos. No mapa interactivo os puntos máis perigosos aparecen en vermello. Nin en Galicia nin na península existe ningún. O 20% restante está distribuído en 30.000 ríos, representados en puntos azuis máis pequenos, e aquí si que se enmarcan moitos puntos perigosos de contaminación na comunidade.
Por exemplo, o río Mandeo atravesa a provincia da Coruña e descarga, segundo as estimacións desta aplicación, 1.900 quilogramos de vertidos plásticos; cuns números similares, o río Anllóns, que desemboca na Ría de Corme e Laxe, transportaría unha tonelada ao mar; o río Ulla, que flúe ata o Atlántico a través da Ría de Arousa, arrastra ata 4.200 quilogramos de plásticos. Estes datos foron recopilados ao longo de tes anos, de 2017 a 2020, e os investigadores utilizaron 136 medicións de campo, que equivalen a 67 ríos en 14 países de tres continentes do planeta.

Neste senso, o equipo de expertos estimou que entre 0,8 e 2,7 millóns de toneladas métricas por ano son vertidas polos ríos, sendo os cursos urbanos os máis contaminantes. Os autores do artigo sinalan que os datos proporcionados pola ferramenta dixital de The Ocean Cleanup permiten o desenvolvemento de medidas para reducir as emisións de plástico fluviais por parte dos distintos países. Estas estimacións deseñáronse a partir das observacións de campo máis recentes sobre microplásticos e cun modelo probabilístico que representa con precisión os mecanismos impulsores do transporte de plásticos, como o vento e a escorrentía.
Ademais, a precipitación tamén é unha forza mobilizadora dos residuos nas augas doces; a pendente do terreo e o uso da terra tamén se tiveron en conta para reflectir a probabilidade de chegar ata o río, así como as diferenzas entre as paisaxes. O estudo expón que a probabilidade de que un plástico chegue ao océano depende da contorna natural e a distancia entre o lugar de xeración e o río. Os cinco principais países que máis emiten plástico atópanse en Asia: Filipinas, India, Malasia China e Indonesia. O obxectivo da organización The Ocean Cleanup é abordar os 1.000 cursos máis contaminantes en todo o mundo nun mapa que poida servir para evidenciar un grave problema medioambiental e a necesidade de crear unha guía para emprender medidas de limpeza.
Referencias: ‘Máis de 1000 ríos representan o 80% das emisións fluviais de plástico ao océano a nivel mundial‘














