O Goberno reúne datos de Xunta e concellos para exixir unha indemnización á armadora do ‘Toconao’

O executivo central solicitará unha compensación polos servizos de Salvamento Marítimo durante o episodio de contaminación mariña

O Goberno central está a recompilar información sobre os pellets para solicitar unha indemnización polo episodio de contaminación mariña derivado do Toconao. Fontes do executivo confirman que é a Dirección Xeral da Mariña Mercante (DGMM) a que reunirá as peticións de indemnización que emitan tanto a Xunta como os concellos afectados, así como a documentación que xustifique as súas solicitudes. O obxectivo é, segundo explican dende o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), “a remisión conxunta ao armador, sen prexuízo de que cada parte se responsabilice das súas indemnizacións”. Dende a Xunta aseguran que xa se lle trasladou ao Goberno central “a necesidade de que inice o proceso para exixir a quen corresponda responsabilidades por danos medioambientais” derivados da chegada masiva de pellets ás costas galegas.

A DGMM, dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, solicitará unha indemnización “polos servizos levados a cabo por Salvamento Marítimo durante os voos de recoñecemento e a busca de contaminación mariña xerada polos pellets. Así o confirma o Miteco, que tamén especifica que serán o resto de administracións —é dicir, Xunta e concellos afectados— os que establezan as súas propias solicitudes de indemnización. Fontes do Ministerio fan fincapé no importante deste paso, dado que dúas empresas contratadas polo armador do buque Toconao estiveron traballando tanto en Galicia como en Asturias na recollida de pellets. Segundo a Xunta, as actuacións da administración autonómica están supeditadas aos movementos da Fiscalía, que mantén un procedemento aberto polo episodio de contaminación mariña que comezou en decembro de 2023.

Publicidade

Dende o Miteco tamén explican que non existe un convenio internacional que regule os danos derivados dun accidente como o do Toconao, polo que no seu defecto debe aplicarse a Lei 14/2014 de Navegación Marítima. O seu artigo 384, segundo citan dende o Ministerio, describe o alcance da indemnización nun caso como o do Toconao, é dicir, de contaminación mariña procedente dun buque mercante que afecte ás costas españolas. Segundo expresa a norma, a compensación polo accidente contemplará as perdas ou danos causados pola contaminación fóra do buque e, tamén, o custe das medidas adoptadas despois do sinistro para previr ou minimizar os riscos. Neste último apartado, encadraríase a actuación de Salvamento Marítimo que, segundo o Ministerio, fixo voos de recoñecemento e busca durante o episodio de contaminación.

Un contedor; 26 toneladas

Os pellets comezaron a chegar ás costas galegas a mediados de decembro. De feito, a primeira vez da que se ten noticia destas pequenas bólas plásticas nos areais do litoral de Galicia é o día 13, cando un veciño que paseaba pola praia do Espiñeirido, en Ribeira, atopou varios sacos de rafia, así como longas ringleiras de granulados espellados pola area. Con todo, a chegada masiva de pellets non se produciu ata a primeira semana de xaneiro, cando a mobilización de voluntarios para a limpeza de praias fixo saltar as alarmas. Naquel momento aínda non se coñecía a composición destas diminutas bólas plásticas e oficialmente aínda non trascendera información. Tan só se sabía que o buque mercante Toconao perdera seis contedores fronte ás costas de Viana do Castelo. As correntes mariñas desprazaron a carga dun deses contedores, que transportaba 26 toneladas de pellets, ao litoral galego. Aínda que se detectaron por primeira vez na ría de Muros e Noia, atopáronse bólas plásticas dende A Guarda ata Barreiros.

Publicidade

Segundo o último reconto oficial da Xunta, tanto os seus propios efectivos como os voluntarios lograron recolleron máis de 5 toneladas de pellets dende o comezo do episodio. Con todo, fontes da Consellería de Medio Ambiente advirten que o nivel de alerta aínda está activado, aínda que sexa no seu nivel mínimo. Confirman que seguen chegando pellets ás costas galegas, aínda que en cantidades moi baixas. Con todo, dende o departamento aluden á “prudencia” e non revelan a localización dos almacéns onde están despositados os pellets recollidos ata o de agora. Segundo subliñan dende a Xunta, a súa actuación está supeditada á acción doutras administracións responsables e incluso da Fiscalía, que mantén aberto un procedemento polo caso do Toconao.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta declara a situación de seca prolongada nos sistemas do Ulla-Tambre e no da Costa Norte

A falta de precipitacións reduce os recursos hídricos e eleva a vixilancia en 74 concellos, mantendo a alerta nas concas do Lérez e do Anllóns

A Xunta insta á empresa responsable da represa do río Umia a corrixir as deficiencias detectadas

As inspeccións detectaron filtracións que afectan o correcto funcionamento da infraestrutura e do paso previsto para os peixes migratorios

Un programa pioneiro permitirá coñecer as avelaíñas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

A primeira mostraxe da Xunta en Cortegada rexistrou 127 exemplares de máis de 40 taxóns nunha soa noite

O caso da sentenza das Conchas: por que a Xunta volve abrir o decreto sobre nitratos da Limia?

A reapertura da consulta pública coincide co primeiro fallo do TSXG sobre o encoro e impulsa o debate para frear a contaminación da comarca