Gciencia estea este martes Dicionario da Galicia Histórica: un Reino do A ao Z; un proxecto audiovisual para divulgar da maneira máis rigorosa e amena posible a historia do Reino de Galicia. A iniciativa apostará por YouTube e TikTok como ferramentas centrais, que estarán acompañadas por reportaxes en profundidade. O obxectivo é que a historia do Reino de Galicia chegue a un público predominantemente novo, con especial atención aos menores de 25 anos. Entre os temas que abordará este novo proxecto de Gciencia, que publicará dous contidos semanais, están o erotismo e a gastronomía na Idade Media, a vida de personaxes tan relevantes como Afonso VIII e Inés de Castro e a situación da muller medieval, entre outros.
O Dicionario tomará distancia dos estereotipos que tradicionalmente abordan a historia de Galicia como parte colateral da de España. Afondarase no Reino de Galicia, nos seus antecedentes e derivacións, dende as súas raíces nos suevos da primeira metade do século V ata a desaparición da Xunta do Reino de Galicia, coa reforma liberal de 1833. Dende a socioeconomía ata a arte e a heráldica, todos eles son elementos que formarán parte do particular dicionario para a difusión da historia galega. A de Gciencia foi unha das 20 iniciativas seleccionadas polo xurado do II Certame ‘Fondo de proxectos culturais do Reino de Galicia‘, creado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña.
O Dicionario da Galicia Histórica será unha serie composta por 15 capítulos nos que, a partir da inicial dunha palabra clave, faise unha explicación académica do concepto que se vai desenvolver, pero nunha linguaxe coloquial que a aproxime o público obxectivo e co apoio de infografías, creatividades e textos sobreimpresionados. En YouTube, os audiovisuais durarán arredor de tres minutos e en TikTok partirase dos mesmos conceptos, pero cunha narrativa adaptada a esta rede social. O primeiro dos contidos será Afonso IX, o rei peregrino que morreu facendo o Camiño de Santiago.
Cada un dos contidos audiovisuais estará acompañado dunha reportaxe que se publicará en Gciencia. Toda a oferta de Reino de Galicia estará tamén dispoñible nas distintas redes sociais do medio, que suman mais de 120.000 seguidores, así como no boletín diario do portal da ciencia galega, que supera os 2.300 subscritores.
A serie de reportaxes escritas, que será elaboradas polo equipo de xornalistas de GCiencia, respectarán o estilo divulgativo característico deste medio, considerado en 2019 o Mellor Novo Medio de Divulgación do Estado polo xurado dos premios Prismas, o máis importante dos que se reparte no campo da difusión da cultura científica en España. Con ata 5,5 millóns de visitas mensuais, GCiencia é o primeiro dixital galego en redes sociais e conta con outros galardóns como o Premio da Crítica de Galicia ou o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña.
Parabéns pola iniciativa e a Laura Filloy por achegarnos de xeito tan ameno a historia de Galicia.
Estou gozando moito cos vídeos e aprendendo moito tamén, é coma se fose o DigochoEu da historia. Non e doado resumir materias tan complexas pero facédelo moi ben!
Anímovos para continuar con contidos similares.
( ᐛ )و
Parabéns pola iniciativa (e toda parroquia en Galicia debería ter unha rúa ou praza adicada a Teodomiro).
Qual Afonso?
https://gl.wikipedia.org/wiki/Afonso_VIII_de_Le%C3%B3n_e_Galicia