Venres 19 Abril 2024

GCiencia recolle o Premio da Crítica polo fomento de contidos científicos en lingua galega

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas recoñeceu a relevante achega do portal para normalizar o uso do noso idioma tanto na ciencia como na rede

GCiencia recibiu este sábado o Premio da Crítica de Galicia 2020 na modalidade de Iniciativas Culturais e Científcas, concedido “polo fomento e transmisión de contidos científicos e tecnolóxicos en lingua galega e dirixidos a un público xeralista”. O director de GCiencia, Pablo López, agradeceu o premio polo que supón de recoñocemento da cultura científica nuns tempos nos que a ciencia demostrou toda a súa importancia e potencial. Os galardóns de 2020 entregáronse na sede de Afundación en Vigo nunha gala na que tamén se deron a coñecer os gañadores da edición deste ano,

O xurado estivo formado por Rosario Álvarez Blanco, presidenta do CCG e membro da RAG; Alfredo Conde Cid, escritor; Avelino Muleiro García, catedrático de Filosofía e director do Instituto de Estudos Carballineses; Cristina Novoa Fernández, mestra e traballadora do ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura; Susana Pedreira Buján, xornalista de Onda Cero; Felipe Senén, escritor, presidente de Terras Ártabras; e Ramón Nicolás Rodríguez, como secretario, en representación de Premios da Crítica de Galicia. Todos eles acordaron valorar o traballo de GCiencia, que este mes cumprirá oito anos desde o seu nacemento.

Publicidade

Un momento da gala celebrada hoxe en Vigo.

Así, o xurado salientou a aposta “dun proxecto xornalístico que acada un tráfico de máis de cinco millóns de páxinas vistas ao mes”. Ademais, valorouse “a relevante achega que supón este portal para normalizar o uso do noso idioma tanto na ciencia como na rede, alén de promocionar os valores humanistas da propia ciencia”.

“Cando empezamos, en 2013, quixemos facer xornalismo e divulgación en galego nuns tempos nos que tanto o xornalismo como a divulgación en galego resultaban novidosos. Agora se cadra non o son tanto, pero seguen sendo igualmente importantes, polo que pensamos seguir facéndoo por moitos anos”, afirmou Pablo López.

A relación de premiados de 2020, que aínda non puideran recibir os galardóns a causa da pandemia, complétase con Olga Novo en Creación Literaria, Bieito Alonso en Investigación, Margarita Viso en Música, Alfonso Costa en Artes Plásticas, Os monicreques de Kukas en Artes Escénicas, Óliver Laxe en Cine e Artes Audiovisuais e a Festa do Marisco do Grove en Cultura Gastronómica.

Baixo o lema Non hai idioma abondo para recoñecérmonos, da poeta Xela Arias, xuntáronse 250 persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Educación; Carlos López Font, vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, entre outras.

Conducido por Yolanda Castaño

No transcurso do acto, que foi conducido pola poeta Yolanda Castaño, Bieito Ledo, presidente e fundador dos Premios da Crítica de Galicia, entregou ao presidente do Parlamento de Galicia un recoñecemento deseñado polo pintor Antón Pulido con motivo do cuadraxésimo aniversario da cámara galega.

çdeste ano foron os seguintes: Castelao. Construtor da nación. Tomo II, de Miguel Anxo Seixas, premio de Investigación 2021; Viñetas desde o Atlántico, en Iniciativas Culturais e Científicas; Alejo Amoedo, en Música; Manuel Ayaso, premio de Artes Plásticas 2021; Erregueté. Revista Galega de Teatro, en Artes Escénicas; Margarita Ledo, en Cine e Artes Audiovisuais, e Queixaría Arias Moniz, ene Cultura Gastronómica.

GCiencia suma así un novo fito na súa traxectoria, despois de ser distinguido en 2019 co Prisma ao Mellor Novo Medio, o premio da divulgación científico de maior prestixio en España. Ao longo da súa traxectoria, iniciada en novembro de 2013, hai agora sete anos, conseguiu outros galardóns como o de Xornalismo Dixital do Foro da Comunicación de Galicia (2015), o Galicia de Xornalismo Científico da Real Academia Galega de Ciencias (2017), o Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores de Normalización dá Lingua (2019) e o Rosalía de Castro de Cultura Galega que outorga a Deputación da Coruña (2019), ademais de resultar finalista dos Premios da Crítica de Galicia ou da feira de actividades culturais Culturgal.

Galardóns

  • XLIII Premio da Crítica de Galicia. Iniciativas científicas e culturais.
  • Prismas 2019. Premio de maior prestixio en España á divulgación científica. Mellor Novo Medio.
  • Rosalía de Castro 2019. Concedido pola Deputación da Coruña pola contribución de GCiencia ao uso do idioma galego
  • Premio de Xornalismo Dixital 2015. Concedido polo Foro da Comunicación de Galicia
  • Mil Primaveras 2019. Concedido pola Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística polo uso do galego.
  • Premio Galicia de Xornalístico Científico 2017. Concedido pola Real Academia Galega de Ciencia pola reportaxe A ataxia SCA36, o mal sen cura da Costa da Morte
  • Premio Iprox 2013. Concedido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ao proxecto GCiencia.

1 comentario

  1. Noraboa aos premiados .
    Vendo que asistiron oo Sr. caballero que fala públicamente máis no seu inglés que en galego .
    O caso de Carlos Font que é un alto cargo político
    é un Home que fuxe do galego como un fato da
    auga quente …
    É unha pena o que pasa con moitos políticos que aborrece ao idioma galego … Pena que dan !

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Desmontando Mitos en catro minutos, o novo pódcast da colaboración de Gciencia coa Fecyt

O xornal da ciencia estrea este sábado a cuarta temporada da serie creada para combater falsas crenzas
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario