Eduardo Rolland e Pablo López agradecen o recoñecemento da Deputación da Coruña. Foto: DACCultura.
Eduardo Rolland e Pablo López agradecen o recoñecemento da Deputación da Coruña. Foto: Deputación da Coruña.

GCiencia recolle o Premio Rosalía de Castro

Pablo López e Eduardo Rolland, codirectores do portal, recibiron este venres o galardón nun acto celebrado na Coruña

GCiencia recolleu este venres o Premio Rosalía de Castroque outorga a Deputación da Coruña, e que recoñece proxectos que promoven o uso do galego en todos os ámbitos. Nunha ceremonia celebrada no recinto Palexco da Coruña, o premio foi recibido polos xornalistas Pablo López e Eduardo Rolland, codirectores do portal, de mans do deputado provincial Xurxo Couto.

O xurado da décima edición do certame recoñeceu a GCiencia co galardón por “contribuír á visibilización e ao prestixio da lingua galega no ámbito da divulgación científica, a través dun medio de comunicación que é un dos máis visitados en lingua galega”. O fallo valorou tamén “o proceso de normalización do galego científico, crucial para que as persoas que o falan poidan percibir que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados nesta lingua”, así como “por contribuír á construción dun estándar e difusión da terminoloxía lingüística”.

Seis anos despois do seu lanzamento, o 25 de novembro de 2013, GCiencia tense convertido nun fenómeno dixital con ata 420.000 visitantes únicos e máis de dous millóns de páxinas vistas mensuais, e cunha comunidade en redes sociais que lle levou a superar amplamente os 60.000 seguidores en Facebook. É un dato que converte a GCiencia, a pesar do seu carácter non xeralista, no medio de comunicación en galego líder na internet, no primeiro posto dos nativos dixitais e no cuarto do total, só detrás de La Voz de Galicia, Faro de Vigo e El Correo Gallego.

GCiencia gaña o Premio Rosalía de Castro

A este novo Premio Rosalía de Castro súmanse galardóns como o Premio Prismas 2019, o de maior importancia na divulgación científica en España. Tamén o Premio ‘Mil Primaveras’ 2019, que concede a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística. O de Comunicación Dixital no Sector Xornalístico do Foro da Comunicación de Galicia (2015), o de Xornalismo Científico da Real Academia Galega de Ciencias (2017) -gañado polo xornalista de GCiencia Manuel Rey-, ou o iProx do Colexio de Xornalistas, así como a selección como finalista no galardón do Público do Culturgal (2016) ou na edición dos Premios da Crítica de Galicia (2018).

21 días co galego

Na categoría que recoñece o traballo específico coa infancia e a mocidade, o gañador foi o proxecto 21 Días co Galego, ideado e coordinado pola profesora Pilar Ponte Patiño que contou na súa última edición co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O xurado valora unha iniciativa que considera pioneira “para combater os prexuízos e estereotipos que se consolidou, estendeu e mesmo inspirou outras, referente no apoio á promoción do uso do galego entre a mocidade”. Destaca tamén que o proxecto favorece “a adquisición da competencia en lingua galega xunto coa normalidade do seu uso social na mocidade non galegofalante como primeira lingua ou como lingua de relación habitual”.

Premio Rosalía de Castro

xurado do Premio Rosalía de Castro estivo composto por persoas implicadas no ámbito da normalización lingüística como Xesús Manuel Mosquera Carregal, Julia Rigueiro García, Beatriz Vilaverde Santamariña, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, como presidenta e a técnica de normalización lingüística, Dores Sánchez Alegre, como secretaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.