GCiencia recolle o Premio Rosalía de Castro

Pablo López e Eduardo Rolland, codirectores do portal, recibiron este venres o galardón nun acto celebrado na Coruña

GCiencia recolleu este venres o Premio Rosalía de Castro, que outorga a Deputación da Coruña, e que recoñece proxectos que promoven o uso do galego en todos os ámbitos. Nunha ceremonia celebrada no recinto Palexco da Coruña, o premio foi recibido polos xornalistas Pablo López e Eduardo Rolland, codirectores do portal, de mans do deputado provincial Xurxo Couto.

O xurado da décima edición do certame recoñeceu a GCiencia co galardón por “contribuír á visibilización e ao prestixio da lingua galega no ámbito da divulgación científica, a través dun medio de comunicación que é un dos máis visitados en lingua galega”. O fallo valorou tamén “o proceso de normalización do galego científico, crucial para que as persoas que o falan poidan percibir que todos os contidos de todos os temas poden ser comunicados nesta lingua”, así como “por contribuír á construción dun estándar e difusión da terminoloxía lingüística”.

Publicidade

Seis anos despois do seu lanzamento, o 25 de novembro de 2013, GCiencia tense convertido nun fenómeno dixital con ata 420.000 visitantes únicos e máis de dous millóns de páxinas vistas mensuais, e cunha comunidade en redes sociais que lle levou a superar amplamente os 60.000 seguidores en Facebook. É un dato que converte a GCiencia, a pesar do seu carácter non xeralista, no medio de comunicación en galego líder na internet, no primeiro posto dos nativos dixitais e no cuarto do total, só detrás de La Voz de Galicia, Faro de Vigo e El Correo Gallego.

GCiencia gaña o Premio Rosalía de Castro

A este novo Premio Rosalía de Castro súmanse galardóns como o Premio Prismas 2019, o de maior importancia na divulgación científica en España. Tamén o Premio ‘Mil Primaveras’ 2019, que concede a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística. O de Comunicación Dixital no Sector Xornalístico do Foro da Comunicación de Galicia (2015), o de Xornalismo Científico da Real Academia Galega de Ciencias (2017) -gañado polo xornalista de GCiencia Manuel Rey-, ou o iProx do Colexio de Xornalistas, así como a selección como finalista no galardón do Público do Culturgal (2016) ou na edición dos Premios da Crítica de Galicia (2018).

Publicidade

21 días co galego

Na categoría que recoñece o traballo específico coa infancia e a mocidade, o gañador foi o proxecto 21 Días co Galego, ideado e coordinado pola profesora Pilar Ponte Patiño que contou na súa última edición co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O xurado valora unha iniciativa que considera pioneira “para combater os prexuízos e estereotipos que se consolidou, estendeu e mesmo inspirou outras, referente no apoio á promoción do uso do galego entre a mocidade”. Destaca tamén que o proxecto favorece “a adquisición da competencia en lingua galega xunto coa normalidade do seu uso social na mocidade non galegofalante como primeira lingua ou como lingua de relación habitual”.

Premio Rosalía de Castro

O xurado do Premio Rosalía de Castro estivo composto por persoas implicadas no ámbito da normalización lingüística como Xesús Manuel Mosquera Carregal, Julia Rigueiro García, Beatriz Vilaverde Santamariña, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, como presidenta e a técnica de normalización lingüística, Dores Sánchez Alegre, como secretaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

BioSpain converte Bilbao no centro europeo do sector da biotecnoloxía

A feira, que conta cunha importante presenza galega, prevé bater o récord da última edición, que contou con 2.400 asistentes e máis de 1.000 entidades

Como revivir a lingua

Estas son as estratexias das marcas para recuperar o galego, dende o derbi galego ata Inditex. Por Andrea Veiga

O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas

Celta vs. Deportivo: dúas formas de reivindicar a lingua galega dende o fútbol

As estratexias de comunicación de ambos clubes buscan reforzar o vínculo coa afección e coa cultura do territorio a través do idioma