Evolución de GCiencia en Facebook nos últimos dous anos.
Evolución de GCiencia en Facebook nos últimos dous anos.

GCiencia, primeiro dixital galego en acadar os 50.000 seguidores en Facebook

Hai xa case cinco anos, o 25 de novembro de 2013, que GCiencia botaba a navegar no mundo dixital. Un proxecto que hoxe mantén o obxectivo co que naceu: contar a ciencia que se fai en Galicia, e contala na súa lingua. Desde entón, milleiros de artigos publicados día a día (máis de 7.400) dan conta deste traballo.

Grafica700x470

Porén, nada sería o portal da ciencia galega sen os seus lectores. E hoxe GCiencia está de celebración, porque acaba de converterse no primeiro dixital de Galicia en acadar os 50.000 seguidores en Facebook, unha das principais fontes de tráfico para os medios de comunicación na actualidade. E faino convertido nunha referencia nesta rede, xa que prácticamente duplica en seguimento aos restantes medios dixitais en galego, como Galicia Confidencial (29.000 seguidores), Sermos Galiza (28.000) e Praza Pública (19.000). O progreso de GCiencia en Facebook foi constante, e acelerouse nos últimos dous anos, pasando de 20.000 a 50.000 seguidores.

Por riba de medios centenarios

GCiencia mesmo se sitúa por riba en canto a seguidores en Facebook respecto a medios de comunicación centenarios en Galicia, como La Región (45.000) e El Progreso de Lugo (33.000), e outros de máis recente creación, como La Opinión de A Coruña (49.000) ou Diario de Pontevedra (33.000). Ademais, o portal da ciencia galega sitúase moi preto de El Correo Gallego (56.000) e só a gran distancia dos dous grandes grupos de comunicación de Galicia, Faro de Vigo (230.000) e La Voz de Galicia (720.000).

Sin título.numbers

 

Estas cifras impulsan a GCiencia ata acadar cifras superiores aos dous millóns de visitas mensuais, como demostran os datos certificados por  AwStats e a compañía de aloxamento de gciencia.gal, e corroborados por Google Analytics. En Facebook, as publicacións de GCiencia superan todas as semanas as 300.000 interaccións, entre reaccións, comentarios e contidos compartidos.

A comunidade de GCiencia é, ademais extremadamente participativa en Facebook. Cada contido compartido ten de media un alcance de preto de 15.000 persoas, aínda que habitualmente chegan a superar as 100.000. No caso dos vídeos, as cifras dispáranse a 84.081 persoas de alcance, 3.591 clics e 2.463 reaccións. O portal ademais con máis de 10.000 seguidores noutras redes como Twitter,  Instagram e Google+.

GCiencia

GCiencia centraliza na actualidade a súa actividade na súa redacción de Vigo, donde traballan tres xornalistas apoiados por unha ducia de colaboradores estables. É unha publicación de Ciencia Galega Industrias Creativas  S. L., editorial creada por profesionais da información e que organiza eventos como os premios Contar a Ciencia de Comunicación Científica Universitaria, edita o Anuario da Ciencia en Galicia, da Real Academia Galega de Ciencias, e promove eventos de carácter divulgativo.

Nestes cinco años, o portal da ciencia galega recibiu importantes recoñecementos polo seu traballo. Gañou no 2015 o Premio á Mellor Medio Dixital , que entrega o Foro da Comunicación de Galicia, e en 2017 o Premio Galicia de Xornalismo Científico, outorgado pola Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación. Tamén foi finalista do premio do público do festival de industrias culturais Culturgal en 2016.

O perfil dos lectores de GCiencia amosa unha ampla representación en todos os eidos. Conta cun público fiel na comunidade investigadora e tamén na universidade. E ademais nos meses de curso académico, ten un amplo impacto no ensino escolar en Primaria e Secundaria. Pero a realidade é que a audiencia abrangue todos os sectores, nun amplo retrato da sociedade. As estatísticas amosan unha leve primacía de mulleres (55,1%) sobre varóns (44,9%), con maior seguimento das idades comprendidas entre os 25 e 54 anos, con especial incidencia no abano entre os 35 e 44 anos.

Reportaxes, entrevistas e novas conforman a oferta informativa diaria de GCiencia, que engade seccións especiais como Innovar para Emprender, A Ciencia dos Porqués, Historias GC ou a sección de audiovisuais de produción propia Ciencia en Vivo, que se edita en tres versións para chegar aos públicos máis amplos: galego, castelán e inglés.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.