Venres 19 Abril 2024

GCiencia, nomeada finalista do Premio do Público Culturgal 2016

Aquí podes votar o Premio do Público no Culturgal

GCiencia, o portal da ciencia galega, está nomeada como finalista para o Premio do Público do certame Culturgal 2016, que recoñece ós proxectos máis destacados e relevantes para a sociedade e vinculados á cultura galega. A partir de agora, comeza a votación popular a través da web, para elixir ó gañador dun galardón que previamente conqueriron o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (2013), o Diario Cultural da Radio Galega (2014) e o Festival de Cine Curtocircuíto (2015). En 2016, Culturgal lanza a cuarta convocatoria deste premio con tres candidaturas: Gciencia, o portal da ciencia de Galicia, NUMAX Cooperativa e o Festival Agrogay da Ulloa. “Tres proxectos que botaron a  andar no último lustro en Galicia que, porén, xa gozan de prestixio e solidez”, din dende a organización do Culturgal.

O lema de Culturgal 2016 é “Cultura, comunidade, futuro”. Con ese motivo, a directiva da Feira, integrada por Asociación Galega de Editoras, Escena Galega, Agapi, AGEM e Eganet, seleccionou a “tres candidaturas “mozas” cun sólido percorrido e perspectivas de futuro”. O Premio do Público Culturgal  institúese en 2013 coa finalidade de facer público o recoñecemento de proxectos destacados e relevantes para a sociedade e vinculados á cultura galega. Valoraranse especialmente aquelas propostas novidosas, con proxección de futuro, transversais e asociativas, que se relacionen directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación.

Publicidade

As votacións xa están dispoñibles a través da web de Culturgal

A votacións a través da páxina www.cultur.gal arrancan o xoves 3 de novembro e rematan o vindeiro día 25 na medianoite. A participación do público é clave para a acción cultural en xeral e para a proxección de Culturgal en particular. De aí que a fórmula utilizada para este premio sexa a votación do público, que terá a última palabra sobre que proxecto é merecedor do recoñecemento. A candidatura que acade o maior número de votos será a gañadora do Premio do Público Culturgal 2016. Culturgal 2016 programa un acto especial que terá lugar o domingo día 4 de decembro ás 18.00 horas dentro do programa da Feira Culturgal.

O Culturgal valora de GCiencia, nada en 2013, o feito de contar a ciencia desde o xornalismo e ser un escaparate da investigación de Galicia cara o mundo. Con preto de 150.000 visitas mensuais e unha activa e crecente comunidade en redes sociais, a plataforma foi recoñecida recentemente co premio de Xornalismo Dixital de Galicia 2015, que concede o Foro da Comunicación.

Pola súa banda, a principios de 2015, abría en Santiago NUMAX, nunha iniciativa cooperativa que é sala de cinema, libraría, laboratorio de deseño, de vídeo e distribuidora de filmes para o territorio español. Cinema NUMAX é na actualidade é a única sala de cinema independente de Galicia que traballa só en versión orixinal subtitulada.

Pola súa banda, o Festival Agrogay da Ulloa, que se celebra no mes de agosto en Cumbraos, no concello lugués de Monterroso, quere dar maior visibilidade e reivindicar a diversidade afectiva, sexual e vital no rural, dinamizar e axitar culturalmente a comarca, así como organizarse para dignificar e recuperar a vida nas aldeas. Tras da iniciativa está a urbanita convertida en granxeira, Marta Álvarez Quintero, unha das organizadoras do festival xunto, entre outras, a Braulio Vilariño e o músico Davide Salvado, todas elas dentro da Asociación Agrogays da Ulloa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Desmontando Mitos en catro minutos, o novo pódcast da colaboración de Gciencia coa Fecyt

O xornal da ciencia estrea este sábado a cuarta temporada da serie creada para combater falsas crenzas
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario