Nace GCiencia, a web da ciencia galega. Saímos coa intención de informar e divulgar sobre a investigación que se fai en Galicia. Queremos achegar á sociedade a I+D+i e concienciar sobre a súa importancia para o desenvolvemento do país. E, por suposto, reivindicar a calidade dos profesionais, das universidades e dos centros de investigación, porque este novo medio xorde dende a certeza de que en Galicia non só se fai moita ciencia, senón dunha enorme calidade.
Sabemos que nacemos nun contexto difícil, caracterizado por grandes recortes no orzamento investigador. Pero, precisamente por iso, vemos chegado o momento de reivindicar a ciencia en Galicia.
Foron moitos os motivos que nos animan a tomar a decisión de crear GCiencia, entre eles uns cantos relacionados co xornalismo, profesión sumida nunha crise sen precedentes. Como resultado da letal combinación da caída publicitaria e da irrupción das novas tecnoloxías, o xornalismo, tal e como o coñecemos, está a mudar. Sen necesidade de afondar noutras causas, nas que a autocrítica debería ocupar un lugar destacado, observamos as consecuencias. E unha delas ten que ver cunha fragmentación de audiencias que comeza a reflectirse na oferta xornalística. Isto é, na especialización.
Non volverán as grandes redaccións. Ninguén competirá cos grandes medios de comunicación en capacidade para despregar correspondentes polo mundo ou desprazar en horas un equipo alí onde se produza unha noticia, pero eses xigantes terán que convivir con múltiples irmáns pequenos dispostos a facerse un oco en cada unha das súas especialidades. Xa o fan, sexa en política, internacional, cultura, información local ou deportes. Tamén no eido da ciencia.
É intención de GCiencia aproveitar as posibilidades que ofrece Internet para chegar ao público sen necesidade de facer fronte a un investimento desmesurado. Iso permitiu que este novo portal científico poida centrarse no realmente importante: os xornalistas. Non somos científicos, pero somos quen -cremos selo, imos intentalo- de contar a ciencia.
Eliximos a ciencia e a investigación porque nos gusta, pero tamén porque cremos firmemente nela. Non só nós. Aparecemos nun momento no que se materializan os grandes obxectivos do Horizonte 2020 en toda a Unión Europea e no que se define a estratexia científica RIS3, que defende o principio de que a investigación ten que ser a panca que saque a Europa da crise. Facémolo, tamén é certo, nunha época de dificultades económicas que castigou duramente a industria do coñecemento.
Queremos ser unha fotografía fiable da ciencia en Galicia, cos seus retos e dificultades. Non seremos, non entanto, un medio político. Non esquivaremos ningún tema, pero GCiencia será sobre todo unha ferramenta para a divulgación. Farémolo utilizando tres idiomas: principalmente, o galego, pero acompañado do castelán e cunha progresiva incorporación do inglés para dar maior proxección internacional á nosa investigación. Tamén pretendemos que o audiovisual sexa un contido habitual de GCiencia. É un produto caro, pero converteuse no estándar da comunicación na rede.
Queremos dar voz á comunidade científica. E agradecemos a colaboración dos grandes profesionais que incorporan as súas firmas desde o mesmo nacemento deste novo medio de comunicación, como tamén damos as grazas a todos os científicos e institucións que nos axudaron ata hoxe, comezando polo Colexio de Xornalistas e Novagalicia Banco, a través da Iniciativa Iprox.
Isto non fixo senón comezar. Temos moitos retos por diante. Entre eles, a constitución do Comité Asesor Científico que mirará pola calidade e rigor de Gciencia.
A hora é agora. Nace GCiencia. Dende hoxe, un novo espazo para divulgar, comprender e informar sobre ciencia galega.
Son profesora de bioloxía en secundaria, e estou totalmente de acordo ca manida frase ” Sen Ciencia non hai Cultura”. Intento que os meus alumnos estean ao día da actualidade científica.Necesitamos páxinas que aínda que divulgativosas sean rigurosas e nos axuden a coñecer e entender a gran cantidede de feitos científicos que nos abordan cada día.
Só con coñecemento eles poderán elexir libremente.
Parabéns. Seguiremos a iniciativa.