Vigo estrea o biobanco mundial de parasitos de peixes

Ciclo vital do anisakis.
Ciclo vital do anisakis a través dos peixes e problemas para consumo humano.

Galicia ven de estrear unha galería dos horrores. Cando menos, dos que lle quitan o sono a pescadas, ollomoles, rodaballos ou robalizas. Porque ven de nacer o primeiro biobanco mariño do mundo, dedicado a catalogar, conservar e distribuír mostras dos parasitos que afectan ás especies mariñas de interese comercial. Trátase dunha iniciativa pioneira, clave para a investigación científica a nivel mundial, desenvolvida en Vigo polo Instituto de Investigacións Mariñas, do CSIC.

Esta moderna infraestrutura está liderada por científicos vigueses e contou co traballo da empresa Comercial Hospitalaria Grupo3 S.L.

Publicidade

O biobanco de parasitos supón un revolucionario apoio ás investigacións sobre os produtos pesqueiros: porque é o primeiro do mundo dedicado á recollida, almacenaxe e distribución de parasitos e biomoléculas asociadas como, por exemplo, o Anisakis.

O biobanco xorde no marco dun ambicioso proxecto de investigación europeo denominado PARASITE financiado polo VII Programa Marco da UE con catro millóns de euros e no que están a traballar dende febreiro 21 organismos de investigación e pemes de Europa e Asia.

Publicidade

“Nos últimos anos avanzouse moito no diagnóstico das afeccións por parasitos presentes nos stocks explotados e nos produtos derivados, pero é necesario continuar indagando para mitigar o seu impacto. Para iso é fundamental a posta en marcha deste biobanco. Por unha banda, constitúe un claro exemplo de innovación aberta, que reside na adaptación do concepto e do sistema de xestión do ámbito clínico ao non-hospitalario, neste caso, o ámbito mariño. Por outra parte, o seu obxectivo non é simplemente almacenar, senón compartir material biolóxico e información con garantías totais de calidade”, destaca Anxo González, investigador do CSIC e responsable do biobanco.

O proxecto destaca polo seu carácter multidisciplinar e o seu obxectivo é mitigar o impacto de parasitos presentes en produtos da pesca europeos e de importación a través de novas solucións tecnolóxicas e ferramentas de xestión contribuíndo, ao mesmo tempo, a mellorar a seguridade alimentaria e fortalecer a competitividade dos produtos da pesca.

PARASITE, que concluirá en 2016, está coordinado polo CSIC a través do Grupo ECOBIOMAR do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM).

A filosofía do biobanco é o control do proceso de cesión-doazón das mostras, e a definición dunha infraestrutura de laboratorio que confira calidade, orde, destino e trazabilidade a estas. Isto é necesario durante a súa preparación, almacenaxe, conservación e transporte.

Coordinación desde Vigo

Consta dun nodo central e tres sub-nodos. O central ten a súa sede no IIM (Vigo) e é o encargado de administrar e xestionar as mostras. Os restantes sub-nodos están en Bergen, Roma e Madrid conectados co central para garantir a trazabilidade e o sistema de cesión-doazón das mostras.

O rexistro dos datos realízase telemáticamente polos investigadores de cada país baixo a coordinación do nodo de Vigo. Ademais dos datos, as mostras físicas almacénanse en ultraconxeladores de bioseguridade, garantindo en todo momento a trazabilidade destas.

No biobanco almacenaranse todos os datos do procesado do peixe e os seus parasitos, derivando posteriormente a posibilidade dun proceso de cesión-doazón. “É dicir, no futuro, as mostras estarán accesibles a calquera tipo de investigación dentro do ámbito público ou privado, pero baixo a supervisión dos xestores deste. Isto inclúe estudos de monitorización epidemiolóxica, tecnolóxicos e de avaliación de riscos,” destaca González.

Os científicos pretenden que o biobanco se converta nun referente para a investigación pública e privada. Poida parecer unha “parada dos monstros”, cando menos os que lles quitan os sono ás robalizas e ás pescadas. Pero é un gran avance, no que de novo a investigación mariña galega, a través do CSIC, se sitúa na vangarda mundial.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Artigo anterior
Seguinte artigo

Relacionadas

Beatriz Novoa: “Foi un exemplo de tenacidade e esforzo”

A actual directora do IIM, Beatriz Novoa, lembra a Científica Galega do Ano e analiza os retos que ten por diante o instituto no seu 75 aniversario

Vigo, entre as 20 cidades europeas con máis alertas de po sahariano de 2026

Un novo informe de Copernicus contabiliza nove xornadas con avisos no enclave galego, na súa maioría de intensidade moderada-alta

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Vigo rexistra as maiores concentracións de “contaminantes eternos” da costa atlántica peninsular

Un estudo do IEO-CSIC analiza a presenza de PFAS en mostras de moluscos recollidos dende Francia ata o Golfo de Cádiz