O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación confina a partir do 13 de novembro a todas as aves de curral que se crían ao aire libre en España. Esa é a decisión tomada polo Goberno, que busca extremar as medidas preventivas fronte á influenza aviaria ante o aumento do risco de expansión desta enfermidade altamente infecciosa e que afecta a 153.603 currais de autoconsumo en toda Galicia.
A orde ministerial, publicada no Boletín Oficial do Estado, estende a todas as granxas avícolas, incluídas as explotacións ecolóxicas e as de autoconsumo ou as que produzan carne ou ovos para a súa venda directa ao consumidor, a prohibición de que os animais permanezan ao aire libre que xa rexía desde o pasado luns, día 10, para as zonas consideradas de especial risco e especial vixilancia, 1.201 municipios.
A medida tómase tras a elevación do risco da entrada da enfermidade en España na última semana. Para avaliar este risco téñense en consideración factores como o número de focos notificados en Europa, os puntos nos que se localizan e os movementos de aves silvestres desde zonas de risco no continente. En España constatouse unha abundancia de aves migratorias en zonas húmidas, habitual nesta época do ano. Ademais, o descenso das temperaturas é un factor que facilita a supervivencia do virus. As medidas de confinamento tratan de evitar o contacto das aves de curral coas migratorias que poden ser portadoras do virus.
14 focos en explotacións
Desde o mes de xullo notificáronse 139 brotes de influenza aviario en granxas avícolas de Europa. En España producíronse 14 focos en explotacións, a metade deles en Castela e León, ademais de 53 en aves silvestres e 5 en cativas. En Galicia, tamén se detectaron casos en aves silvestres.
Ademais, a orde inclúe outras medidas, algunhas delas xa anunciadas. Entre elas, queda prohibida a cría de patos e gansos con outras especies de aves de curral. Tamén dar auga ás aves de curral procedente de depósitos da os que poidan acceder aves silvestres, salvo no caso de que sexa tratada a fin de garantir a inactivación de posibles virus de influenza aviario. Ademais, os depósitos de auga situados no exterior requiridos por motivos de benestar animal para determinadas aves de curral quedarán protexidos suficientemente contra as aves acuáticas silvestres.
Outras prohibicións
O Goberno tamén prohibe a presenza de aves de curral ou outro tipo de aves cativas nos centros de concentración de animais. Isto inclúe os certames os certames gandeiros, mostras, exhibicións e celebracións culturais, así como calquera concentración de aves de curral ou outro tipo de aves cativas.
Nos casos nos que non fose posible o confinamento das aves de curral, a autoridade competente das comunidades autónomas poderá autorizar o mantemento da mesmas ao aire libre mediante a colocación de teas ou calquera outro dispositivo que impida a entrada de aves silvestres. Neste caso, as aves terán que alimentarse e abeberarse no interior das instalacións ou nun refuxio que impida a chegada de aves silvestres e evite o contacto destas cos alimentos e a auga destinados ás de curral.
A Xunta tamén recorda da necesidade de reforzar as medidas de seguridade nas granxas. Malia que o contaxio en humanos é improbable, as autoridades recomendan non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Un rexistro polémico
O Goberno conta agora cunha capacidade máis efectiva de tomar esta decisión grazas aos rexistros obrigatorios de gripe aviaria. Uns rexistros que foron o foco da polémica a comezos do ano pasado. O decreto que obrigaba á documentación dos galiñeiros de autoconsumo aprobouse en 2021. Porén, foi cando entrou en vigor a súa obrigatoriedade cando moitos veciños expresaron o seu descontento con este trámite burocrático.
“É pouco eficaz”, consideraban desde a Xunta de Galicia hai un ano. De feito, un comunicado expresaba o seu rexeitamento á medida e o consideraban “outro exemplo de burocracia innecesaria imposta ao rural”. En Galicia, existen unha gran cantidade de galiñeiros que están feitos para consumo propio, non para explotar economicamente. Isto provocou unha avalancha de rexistros que, aínda que curtos e telemáticos, podían supoñer máis complicacións certa parte do rural galego. Con todo, parece que esa mesma medida pode axudar agora a controlar mellor a aplicación da nova decisión provisional imposta polo Goberno.
Reaccións por parte da Xunta e do Goberno
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, aproveitou para lanzar unha mensaxe de tranquilidade durante esta mañá. O dirixente destacou que era un paso máis contra a enfermidade e rexeita que a crise poida provocar unha suba dos prezos.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, espera que a decisión do Goberno sirva para frear o avance da gripe aviar en plena etapa de fortes migracións. Gómez tamén aproveitou para recordar que a medida é de obrigado cumprimento en todos os concellos da comunidade.















