A mobilización cidadá recolle máis de 100 aves abeiradas na costa galega

Entidades ecoloxistas e persoas voluntarias percorren a costa galega para rescatar animais afectados por supostos 'sentinazos'

Cando na pasada fin de semana comezaron a aparecer no litoral de Galicia varias especies de aves, algunhas vivas e na maioría dos casos xa mortas, afectadas por algún tipo de vertedura, a mobilización cidadá está contribuíndo a poñer sobre a mesa a magnitude do problema. A través das redes sociais, e tamén co impulso de entidades como o Grupo Naturalista Hábitat, a Asociación Ecoloxista Adega e a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), decenas de persoas están a percorrer as praias galegas na procura de aves afectadas.

Os primeiros balances, difundidos este mércores polo Grupo Naturalista Hábitat, contabilizan xa máis dun centenar de aves abeiradas no litoral das tres provincias, entre Oia e Burela. A través dun formulario que se enmarca dentro do proxecto Inspección de Praias da Coruña (IPC), e coordinado polos investigadores da UDC Atocha Ramos e Damián Romay. “Conflúen dous problemas, que estes días se combinan e provocan que a abeirada de aves sexa maior. Por unha parte, o tren de borrascas, e pola outra, houbo varias verteduras de diferentes substancias, en diferentes puntos da costa, que afectaron a estes animais”, explica Atocha Ramos.

Publicidade

Aves con substancias oleaxinosas e chapapote

Das 106 aves recollidas, segundo os datos tomados por Hábitat ata a noite do martes, 72 delas presentaban manchas de aceite ou fuel no seu corpo. “Detectáronse substancias distintas, nalgún caso cunha aparencia máis aceitosa, e noutros eran restos de fuel, o que se coñece como chapapote”, engade Ramos. Todo apunta, aínda que non se pode confirmar, a ‘sentinazos’ pola limpeza das sentinas de buques que pasaron estes días polo litoral de Galicia, e que co movemento do mar debido aos temporais son máis difíciles de localizar e identificar.

A ave máis afectada é, con diferenza, o arao papagaio (Fratercula arctica). Segundo explica María Canedo, de Adega, “a situación cadroulle moi mal” a esta ave, xa que nesta época fai a muda da súa plumaxe na costa, e adoita pasar o tempo nadando no mar, xa que non pode voar e, por tanto, non pode escapar en caso de que haxa algunha vertedura”. Porén, tamén apareceron, entre outras aves, araos dos cons (Uria aalge), unha especie que sufrira un grave impacto na súa poboación pola marea negra do Prestige, e gaivotas patiamarelas (Larus michahellis).

Publicidade

Varias verteduras na costa de Galicia provocan a morte de aves

O problema das verteduras derivadas destes supostos ‘sentinazos’, que son ilegais, chegou xa ao eido político. O Bloque Nacionalista Galego, a través do deputado no Congreso español Néstor Rego, instou ao Ministerio de Transición Ecolóxica a investigar a procedencia das verteduras.

Como atender ás aves

Ante isto, as entidades colaboradoras xa están coordinando ás persoas voluntarias que desexen colaborar para atender ás aves afectadas. Ademais de avisar ao correspondente Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe, 112, Seprona ou Protección Civil, recomendan usar luvas e, unha vez se teña a ave recollida, poñerlle unha goma elástica no peteiro para evitar picadas e limpar as narinas cun trapo húmido para axudalas a respirar mellor.

A continuación, recomendan envolvela cun trapo vello, colocándolle as ás ao longo do corpo, de forma lonxitudinal para inmovilizalas, evitando tamén que perdan calor. Se é posible, cómpre meter o animal nunha caixa de cartón e agardar as indicacións das entidades correspondentes.


Contactos

As entidades participantes puxeron a disposición das persoas dispostas a colaborar diversas formas de contacto. Recomendan avisar, en caso de ter dispoñibilidade xeográfica, para cubrir a maior parte do litoral posible:

Grupo Naturalista Hábitat: ipc@gnhabitat.org

Adega: 651482305.

Número de Emerxencias 112.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

As claves do regreso das candorcas: por que volven a avoa Toñi e a súa manda ás Rías Baixas?

O grupo, de entre oito e dez exemplares, regresa por terceiro ano consecutivo a Galicia seguindo o rastro do atún vermello e xeran interaccións coas embarcacións

O caso da sentenza das Conchas: por que a Xunta volve abrir o decreto sobre nitratos da Limia?

A reapertura da consulta pública coincide co primeiro fallo do TSXG sobre o encoro e impulsa o debate para frear a contaminación da comarca