Venres 29 Marzo 2024

O número de aves afectadas polas verteduras na costa galega xa supera as 200

A inspección de praias da pasada fin de semana contabilizou máis de 300 individuos, e boa parte deles tiñan manchas de diversas substancias

Unha semana despois das primeiras informacións sobre a aparición de aves abeiradas na costa galega, na súa maior parte debido a verteduras que procederían dun probable ‘sentinazo’ dalgún buque preto do litoral, o Grupo Naturalista Hábitat, que está coordinando os datos de inspección de praias no que participan decenas de voluntarios e outras entidades ecoloxistas, difundiu este domingo novos datos sobre o episodio de contaminación, que a semana pasada cualificaban de “atentado ecolóxico”.

Ata a noite do sábado (o domingo seguiron aparecendo aves), son xa máis de 300 os individuos recollido na costa galega, aos que hai que sumar máis rexistros en Asturias ou Portugal, en circunstancias semellantes. Deles, 221 animais estaban “afectados de xeito seguro” polas verteduras contaminantes, segundo os datos de Hábitat, e 188 deles estaban xa mortos.

Publicidade

As verteduras afectaron de xeito especial ao arao papagaio (Fratercula arctica), unha ave en situación vulnerables segundo a Unión Internacional de Conservación da Natureza (IUCN), xa que representaron o 91% das aves mortas (171, e outros seis manchados, pero rescatados vivos).

Alén dos animais mortos, 31 aves con restos de manchas puideron ser rescatadas vivas e trasladadas nalgún caso aos centros de recuperación. E por outra banda, 76 das aves apareceron mortas, pero limpas e sen información concreta por posibles sinais de verteduras no seu corpo.

Por concellos, como se pode comprobar no mapa baixo estas liñas, os municipios con máis aves afectadas polas verteduras localizáronse entre as rías de Muros e Noia e Pontevedra: Porto do Son (57) Carnota (36) Ribeira (32) e O Grove (28).

Porén, crese que o número de animais afectados por este episodio de contaminación podería ser moito maior, xa que en casos semellantes só se adoita recuperar entre o 10 e o 20% do total de individuos, xa que algúns deles fican no mar e outros quedan en zonas pouco accesibles do litoral, ou ben soterrados na area.

As substancias das verteduras

As persoas participantes nas labores de busca notificaron a presenza ao longo da costa de tres substancias como posibles causantes da contaminación. Por unha banda, unha “substancia sólida branca, que ao contacto coa calor corporal fúndese e vólvese maleable”. Aínda que non se coñece a súa composición exacta, o aspecto é semellante á parafina, aínda que outras fontes apuntan a “restos de produtos químicos empregados na limpeza de tanques”. Na zona sur das Rías Baixas chegaron a recollerse ata 25 quilos nalgunha praia.

Por outra banda, apareceu outra substancia oleaxinosa, ” pegañenta, alaranxada, con cheiro desagradable”, que nalgúns casos embebeu completamente os corpos das aves. E finalmente, en zonas da ría de Vigo ou A Lanzada, rexistráronse tamén verteduras de fuel, aínda que non se atoparon aves manchadas por esta substancia.

Ata o de agora non se ten localizada a fonte de orixe das verteduras. Salvamento Marítimo, a través da súa conta de Twitter, informou de que “non detectou indicios de contaminación de hidrocarburos” no noroeste da península.


Máis información

Ramos, A. & Romay, C. D. 2020. Boletín 2 da Inspección de Praias da Coruña. Grupo Naturalista Hábitat. Ligazón dispoñible aquí.


Contactos

As entidades participantes puxeron a disposición das persoas dispostas a colaborar, ou que se atopen con algunha ave na costa, diversas formas de contacto, :

– Centros de recuperación de aves:
A Coruña: CRFS de Santa Cruz-Oleiros. 981 626241; Lugo: CRFS de O Veral-Lugo. 982 207705; Pontevedra: CRFS de Cotorredondo-Pontevedra. 986 680238; e CRFS de O Campiño. 986 876012.

Grupo Naturalista Hábitat: ipc@gnhabitat.org

Adega: 651482305 (María Canedo).

Cemma: 686989008.

Número de Emerxencias 112.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mapa que revela o territorio galego incompatible coa implantación eólica

Para a elaboración do informe a ONG SEO/BirdLife tivo en conta as figuras de protección e as zonas de alto valor ecolóxico

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli