O xenoma dunha planta galega revela as claves da hiperacumulación de níquel

Unha investigación na que participa a UVigo explora os xenes implicados na concentración extrema de metais nas especies vexetais

A maior parte das especies vexetais adaptadas a solos con metais tóxicos exclúenos dos seus tecidos fotosintéticos. Porén, unhas 700 especies, coñecidas como hiperacumuladoras, foron quen de desenvolver a capacidade de concentrar nas súas follas cantidades elevadas —máis incluso que no propio solo— de certos metais como níquel, zinc, manganeso, cobre, cobalto, arsénico e talio. Aínda que non se coñecen os mecanismos responsables deste trazo, nun contexto de transición enerxética como o actual, semella que estas especies poderían representar unha oportunidade para, por exemplo, o desenvolvemento de tecnoloxías sostibles destinadas a remediar solos contaminados con metais, e así mitigar os impactos ambientais da industria metalúrxica. 

Un artigo con participación da Universidade de Vigo (UVigo), que se publicou recentemente na revista The Plant Cell, explora, en concreto, os xenes implicados na hiperacumulación de níquel en plantas. A investigación como modelo a especie hiperacumuladora Noccaea caerulescens, da familia Brassicaceae, como os repolos ou os grelos. Tamén inclúe a xeración dun novo xenoma de referencia para N. caerulescens, obtido a partir dunha poboación galega desta planta, que é das poucas capaces de hiperacumular níquel. 

Publicidade

“A Noccaea caerulescens emprégase como modelo no estudo do fenómeno da hiperacumulación debido ao seu ciclo de vida rápido e a sinxeleza do seu xenoma, moi similar ao de Arabidopsis thaliana, a planta modelo para a fisioloxía vexetal”, explica Celestino Quintela-Sabarís, investigador do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da UVigo, quen participou no estudo. “Todas as poboacións de N. caerulescens son quen de hiperacumular zinc, mais só algunhas poboacións en Europa, entre elas as galegas, son tamén capaces de hiperacumular níquel”, detalla Quintela-Sabarís.

Un xenoma secuenciado de Silleda

“As autoras deste estudo secuenciaron o xenoma da poboación de N. caerulescens en Cira (Silleda). Logo, empregaron este xenoma para analizaren a expresión de xenes en poboacións desta especie capaces ou incapaces de hiperacumular níquel”, explica o investigador da UVigo. Deste xeito, observouse que as poboacións de hiperacumuladoras de níquel de N. caerulescens teñen un maior nivel de expresión de varios xenes que codifican proteínas transportadoras de metais. 

Publicidade

Alén diso, descubriron que algunhas poboacións que non hiperacumulan níquel sufriran unha mutación que deixou sen función un xene transportador de metais (chamado NcIRT1). O estudo complétase con varios experimentos adicionais que demostran que lévedos e plantas onde foi introducido este xene foron capaces de hiperacumular níquel, o que demostra a importancia do seu rol.

Unha especie sen protección

 “Na Galiza temos dúas especies de plantas hiperacumuladoras: Odontarrhena serpyllifolia Noccaea caerulescens. As dúas son da familia Brassicaceae, e as dúas están restrinxidas no noso país a solos ultramáficos, que supoñen menos do 1% da superficie dos continentes e derívanse de rochas procedentes do manto terrestre e teñen de maneira natural concentracións elevadas de níquel, cromo e cobalto”, detalla Celestino Quintela-Sabarís.

O investigador da UVigo alerta de que mentres O. serpyllifolia está dentro do espazo da Rede Natura 2000 da Serra do Careón en Melide, N. caerulescens medra en solos ultramáficos que non están incluídos en ningún espazo protexido. “Dada a rareza destas poboacións e o seu valor como modelos evolutivos, a administración galega debería tomar medidas para a súa conservación” engade Quintela.


Referencia: Gain and loss of gene function shaped the nickel hyperaccumulation trait in Noccaea caerulescens (Publicado en The Plant Cell)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo produto permite reducir as emisións contaminantes nas explotacións gandeiras

Investigadores da UVigo desenvolven un 'biochar' de alta flotabilidade elaborado con residuos forestais que actúa como filtro sobre as fosas de xurro

O vídeo que amosa os efectos da vertedura de aceite de palma nas praias da ría de Vigo

Novas imaxes obtidas no Morrazo documentan a retirada de toneladas de area contaminada, mentres persisten os riscos para o ecosistema mariño e a industria mexilloeira

Aceite de palma na ría: calma oficial, ciencia ausente

O investigador do IIM-CSIC Antonio Figueras advirte do impacto físico e biolóxico do produto no ecosistema mariño

100 toneladas de aceite de palma no porto de Vigo: unha vertedura contaminante e nociva para a fauna

Os científicos desminten o carácter “inocuo” para aves e moluscos da sustancia desprendida no accidente portuario, que se extende xa desde Baiona ata Moaña