Mauro é un neno de Nigrán de tres anos e Nora é unha pequena baionesa que nuns días fará os dous. Ademais de ser habitantes do Val Miñor, teñen algo máis en común: ambos padecen enfermidades raras, é dicir, que as teñen menos de cinco persoas por cada 10.000 habitantes. Mauro ten a doenza de Alexander, unha patoloxía ultrarrara e mortal, e Nora a síndrome CTNNB1, que tamén é unha enfermidade moi rara que afecta o crecemento, a fala, o sistema motor e o comportamento. Agora, tres estudos, nacionais e internacionais, abren un fío de esperanza para estes dous nenos e deixan entreaberta unha xanela a futuros tratamentos para Mauro, Nora e todos os nenos afectados.
En canto á enfermidade de Alexander, esta patoloxía adoita estar causada por mutacións no xene que codifica a proteína ácida fibrilar da glía, coñecida como GFAP. Está presente nos astrocitos, células fundamentais para o soporte das neuronas e doutras moléculas do sistema nervioso. A enfermidade de Alexander afecta unha de cada 2,7 millóns de persoas.
No que respecta á síndrome CTNNB1, a doenza foi descuberta en 2012 como unha enfermidade do neurodesenvolvemento grave que afecta a un de cada 50.000 nenos. Orixínase a causa dunha alteración do cromosoma 3 p 221 do xene CTNNB1, que non produce a proteína β-catenina, que ten implicacións importantes na comunicación e no desenvolvemento intelectual. Existen 450 casos en todo o mundo, 45 en España e 3 en Galicia; un deles é Nora.
A Organización Mundial da Saúde sinala que son máis de 7.000 as enfermidades raras coñecidas, e máis do 70% delas comezan na idade pediátrica. Pero o problema real reside na inexistencia de tratamento: segundo a Federación Española de Enfermidades Raras, só o 20% destas patoloxías estaban sendo investigadas en 2020. En cambio, en 2022, o investigador galego Ángel Carracedo aseguraba que “en 2027 haberá tratamento para 1.000 enfermidades raras”. E é que parece que, grazas fundamentalmente á suor das familias afectadas, a ciencia está comezando a aparecer para salvar as vidas destes nenos. Estes son os avances de Mauro e Nora a través destas tres vías de investigación.
Mauro e a enfermidade de Alexander
Iria Menacho e Jairo Mera son pais de irmáns xemelgos, Mauro e Lois. Lois é máis rubio ca Mauro, que ten o cabelo castaño. Polo demais, son exactamente iguais, agás unha diferenza: só Mauro desenvolveu a enfermidade de Alexander. Isto explícase porque a alteración no xene GFAP xorde de forma espontánea nalgún espermatozoide ou óvulo, e excepcionalmente no embrión. GCiencia xa recollía a historia de Mauro hai un ano, cando a súa nai narraba o proceso polo que pasaron ata coñecer a patoloxía do seu fillo. Os seus síntomas son rixidez muscular, atraso psicomotor, convulsións e problemas de coordinación e de control de diversas funcións.
Hai un ano, Menacho intentou abrir unha opción para curar o seu fillo: un ensaio clínico nos Estados Unidos. Con todo, o neno foi rexeitado porque só admitían pacientes menores de dous anos e non había ningún español. En setembro chegaron os resultados: foron positivos, pero a farmacéutica a cargo do estudo decidiu pedir o uso exclusivo para os americanos. Isto produciu impotencia na familia de Mauro: “O resto do mundo estamos pechados a este tratamento, o primeiro e único para a enfermidade de Alexander“. A pesar dos intentos por solicitar o uso compasivo a todo o mundo, a proposta tamén foi rexeitada. “Penso que entran en xogo outros factores, non só a decisión da farmacéutica”, sinala Iria Menacho. Con todo, no caso de ser un “si”, aínda tardaría polo menos catro anos en chegar a Mauro.

Así, a familia, que hai un ano xa estaba en trámites para crear unha asociación, puideron poñela en marcha en agosto de 2025. “Empezamos todo un movemento para abrir vías de investigación en España porque consideramos que tardarían menos”, sinala Iria Menacho. Desta maneira conseguiron abrir dous estudos, un en Murcia e outro en Barcelona. Mentres os investigadores fan ciencia, Mauro progresa grazas á terapia: “Nós o que facemos é moita estimulación”. O neno leva un ano indo a fisioterapia e terapia ocupacional, e xa vai ao logopeda para fomentar a fala. Agora, os seus pais están pendentes de engadir a terapia acuática no seu horario para traballar a integración sensorial. “Dos cinco días lectivos da semana, Mauro vai catro deles a terapia”, explica a nai.
“Agora está relativamente ben, pero conforme medra, cada vez decátaste máis da afectación”. Así describe Iria Menacho a situación do seu fillo, que segue avanzando pero a un ritmo moi lento. Cando antes se comunicaba cunha ou dúas palabras, agora sempre fala con dúas, tres e mesmo elabora frases de catro. “A nivel motriz segue a ser moi torpe, pero vai gañando certo equilibrio”, engade, froito das terapias. Pero este é o progreso habitual: “A enfermidade de Alexander non é abrupta: antes de chegar a unha deterioración grave adoita haber unha etapa de meseta”. Así, a evolución parte dun estancamento, que pode durar semanas ou meses, e despois é cando comeza a deterioración. O positivo é que, segundo a familia, Mauro non está nesa etapa, senón que progresa.
Nora, síndrome CTNNB1
Juan Luis Carro é o pai de Nora. En marzo fará un ano que lle detectaron á súa filla a síndrome CTNNB1. Todo comezou aos catro meses: “Vimos que a nena tiña un perímetro cranial por debaixo dos límites normais, un pouco de estrabismo e hipotonía, xa que lle custaba manter o peso da cabeza e do tronco”, lembra. Pasaban os meses e a nena seguía sen saber sentar, a diferenza doutros rapaces da súa idade. A pediatra Carolina Barreiro remitiu a familia ao neurólogo. Unha proba de TAC e unha resonancia non foron suficientes. O doutor Óscar Blanco foi quen sentenciou: “Aquí algo pasa, só falta pór o nome”. Estas son as palabras que recorda Juan Luis. As probas xenéticas sinalaron finalmente cara a esta enfermidade rara.
Os síntomas principais pasan pola dificultade de aprendizaxe, a hipersensibilidade nos oídos, o atraso na fala, a espasticidade que a fai camiñar de puntillas e pode producir escoliose, ademais de problemas de coordinación e equilibrio. Os pacientes da CTNNB1 tamén adoitan ter afeccións na vista: estrabismo, hipermetropía, miopía, e outras máis graves como atrofia de retina ou FEVR, un trastorno que produce o desenvolvemento incompleto da vasculatura retiniana. Con todo, Nora vai chegar aos 24 meses de vida: “É moi pequena, pero a principal diferenza é que non pode camiñar por ela mesma e só di algunhas palabras e sons“, sinala o seu pai, pero engade que “co transcurso dos anos é cando as diferenzas se fan máis notables”.
A súa vida, como a de Mauro, transcorre entre consultas. “É unha enfermidade incurable, polo que o único que podes tratar de primeira man son os seus síntomas”, explica o pai. Por iso, no seu día a día, Nora vai a fisioterapia, a terapia ocupacional para traballar a psicomotricidade e ao logopeda para fomentar o seu vocabulario. Ademais son unha familia que recorre á información como vía para poder entender o que lle pasa á súa nena: “Moitos pacientes teñen discapacidade intelectual de leve a moderada ou de moderada a grave, depende de onde leas”, informa.

A síndrome CTNNB1 aínda non ten un tratamento específico, pero dende Eslovenia parece chegar un pouco de luz. Špela Mirosevic é unha nai e investigadora médica cun fillo que tamén padece esta enfermidade. A través dos seus contactos, creou a Fundación CTNNB1 e comezou a traballar no desenvolvemento dunha terapia xénica de reemprazo, un programa dirixido pola Universidade de Sidney e o Instituto de Investigación Médica Infantil, en cooperación co Instituto de Química de Eslovenia. No equipo hai unha española, Andrea Pérez Iturralde. Tras coñecer este raio de esperanza, el teno claro: “Descobres que non é que non teñan cura, senón que non se inviste en enfermidades raras”.
Unha esperanza: a investigación
O que está claro é que a investigación é o único que lles queda a estas familias galegas, que son só dúas realidades detrás destas enfermidades. “Temos présa porque as etapas de crecemento que se perden igual non se poden recuperar”, sinala o pai de Nora. Iria Menacho e Jairo Mera viven esa mesma carreira contrarreloxo: “Estes tratamentos non funcionan en nenos con deterioración, porque o que fan é bloquear a enfermidade para que non avance”.
Así, no caso de Nora, o tratamento esloveno sería o máis potente e “o único que está en ensaio clínico”. Durante o primeiro ano, os investigadores dedicaranse ao deseño e selección da variante xénica máis eficiente de CTNNB1 para empaquetala nun vector viral que debe introducir o xene terapéutico en centos de millóns de células e, deste xeito, verificar a súa estabilidade. O segundo consistirá en validar a terapia en modelos biolóxicos e animais para optimizar a dose e establecer protocolos de fabricación clínica.
A forma de proceder é a seguinte: no laboratorio, deseñan o xene que contén a forma correcta do CTNNB1, que se coñece como xene terapéutico. Este encapsúlase dentro dun virus modificado que fai de transporte, inxéctase no paciente e viaxa por todo o corpo cara ás células onde está o xene danado. No interior destas libera o xene terapéutico para producir a proteína necesaria para corrixir a síndrome. Noutro plano tamén están as terapias avanzadas da Fundación Columbus e as investigacións do CTNNB1 Connect & Cure de Estados Unidos.
Mentres, os pais de Mauro, grazas aos fondos recadados, conseguiron abrir estas dúas vías de investigación dedicadas á enfermidade de Alexander. Por unha banda, o traballo do doutor Victoriano Mulero dende a Universidade de Murcia, que comezou en xaneiro, no que trata de buscar fármacos aprobados pola Food and Drug Administration (FDA) e a European Medicines Agency (EMA), e outros compostos naturais universais que poidan aplicarse á patoloxía.
Por outro, unha investigación de Pablo Villoslada no Hospital del Mar (Barcelona) na que están a comprobar as opcións dunha terapia avanzada con ARN mensaxeiro. Neste caso, o tratamento sería personalizado para Mauro “coa variante que ten Mauri e coas células do seu irmán”. Pero el non será o único beneficiario, pois sería un tratamento aplicable ao 30% dos enfermos compatibles co pequeno galego. “En principio, no primeiro trimestre de 2027 estaría en tratamento”, engade. Pero, como ocorre con Nora, a parte danada non se poderá recuperar.
A colaboración coas enfermidades raras
Cando aparece a investigación, chega un novo problema: o financiamento. Os gobernos e as farmacéuticas non axudan; unha frase de Juan Luis Carro que reflicte moi ben esta situación: “Non somos suficientes persoas e non somos suficientes votos”, sinala, facendo referencia a todas aquelas familias que teñen entre os seus membros ao paciente dunha enfermidade rara. Segundo a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec), esta situación afecta a 200.000 persoas en Galicia.
A familia de Mauro resgárdase nestes dous estudos, si, pero un deles custa entre 500.000 e un millón de euros. “Como ninguén financia as enfermidades raras, temos que axudar nós”, e así o fan realizando eventos como o Vibra Nigrán, que se celebrou o pasado mes de xullo na localidade pontevedresa. Con todo, a visión da familia sempre é positiva: Iria Menacho asegura que “o panorama cambiou moito nun ano, antes non había nada“. A esperanza é que Mauro aguante un ano sen empeorar para que poida acceder ao tratamento a principios de 2027.
Mentres, os pais de Nora mantéñense ligados á Asociación Española CTNNB1, fundada en 2021 e que en apenas catro anos e con cinco millóns de euros foron capaces de levar a terapia xénica a ensaio clínico. “Para nós é unha marabilla: contactamos con eles e días despois xa nos chamou a súa presidenta”, sinala o pai. Deste xeito, comezaron a ser partícipes de todas as iniciativas nun momento en que, en palabras de Juan Luis Carro, “sobre todo precisas un pouco de esperanza a nivel médico“.
Neste sentido, España foi o segundo país que achegou máis fondos para iniciar o ensaio, despois de Eslovenia. En xuño viaxarán a Barcelona para asistir á conferencia anual da Fundación CTNNB1, onde realizan as probas do Natural History Study, un estudo lonxitudinal e internacional que permitirá comprender mellor a síndrome. Así, a esperanza destes nenos segue en pé grazas á ciencia.














