A oceanógrafa Aida Fernández Ríos, nomeada Científica Galega do Ano 2026

Foi unha das principais expertas europeas no estudo da acidificación do océano e unha das primeiras mulleres a bordo de buques de investigación

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) elixiu á oceanógrafa Aida Fernández Ríos como “Científica Galega do Ano”. Foi unha investigadora de referencia internacional no estudo dos océanos, con grande impacto no eido ambiental e climático. “Preténdese así poñer en valor o seu legado científico a súa excelente traxectoria, que se viu truncada de xeito prematuro por un accidente que puxo fin a unha carreira chamada a seguir achegando contribucións de enorme relevancia. A súa figura representa tamén o compromiso coa ciencia feita desde Galicia e pon de relevo o papel fundamental das mulleres no avance do coñecemento científico”, salientan desde a RAGC. Ao longo deste ano a Academia celebrará diferentes actos na súa honra, que culminarán cun evento especial o 8 de outubro, Día da Ciencia en Galicia.

Aida Fernández Ríos naceu en Vigo en 1947, no seo dunha familia traballadora do barrio de Peniche, rodeada dun ambiente mariñeiro. Cando era pequena, o seu tío, que participaba cada ano nas campañas de pesca en Terranova, traíalle debuxos que el mesmo facía e contáballe multitude de anécdotas do traballo en alta mar. O seu avó foi pescador no Grove e o seu pai xerente dunha empresa que fornecía xeo aos barcos.

Publicidade

Primeira muller que dirixiu o Instituto de Investigación Mariñas

Comezou a estudar Peritaxe Mercantil na Escola de Comercio de Vigo, pero o débil estado de saúde do seu pai levouna a deixar os estudos e empezou a traballar nunha imprenta. Na súa contorna animárona a finalizar a súa formación, así que compaxinou o seu traballo con clases de debuxo na Escola de Artes e Oficios e de francés na Alianza Francesa. Alí coñeceu a Carmen Mouriño, unha investigadora que traballaba no que sería o xerme do actual Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e espertou o seu interese polas ciencias, alentándoa a presentarse ás oposicións a auxiliar de laboratorio no centro.

En 1972, con 25 anos, aproba as oposicións. Gustáballe tanto o seu traballo que se apuntou a clases nocturnas para sacar o bacharelato superior e seguir formándose. Posteriormente, sen deixar o seu labor no IIM, iniciou a licenciatura de Bioloxía no Colexio Universitario de Vigo e concluíuna na Universidade de Santiago, onde defendeu a súa tese doutoral en 1992, centrada no fitoplancto da ría de Vigo e as condicións ambientais que inflúen no seu crecemento. Aida foi avanzando na súa carreira investigadora ata converterse en profesora de investigación do IIM, sendo a primeira muller en dirixir o centro, labor que desempeñou entre 2006 e 2011. 

Publicidade

Sumou máis de 800 días no mar

Como bióloga mariña, o seu principal interese científico centrouse nos cambios físico-químicos que se producen nos océanos, en particular no Atlántico, e como repercuten no clima do planeta. En 1974 embárcase na súa primeira campaña oceanográfica, a bordo do buque Cornide de Saavedra. Dos 21 integrantes do equipo científico-técnico, só dúas eran mulleres.

Aída Fernández Ríos a bordo do buque polaco Professor Siedlecki. Foto: RAGC
Aída Fernández Ríos a bordo do buque polaco Professor Siedlecki. Foto: RAGC

A partir desa data, participa nun total de 30 campañas oceanográficas, atravesando o Atlántico de norte a sur e de leste a oeste, o Índico e a Antártida, ou ben mostreando o litoral galego e a costa portuguesa. En cinco delas foi xefa científica, ben en buques oceanográficos españois (Sarmiento de Gamboa, Hespérides) ou en barcos polacos, ingleses, franceses ou estadounidenses. Sumou máis de 800 días no mar. A partir de 2000, a maioría das campañas nas que se involucra están relacionadas con proxectos financiados pola UE.

Dirixiu a súa primeira campaña internacional en 1988 a bordo do buque polaco Professor Siedlecki, que deu lugar a unha publicación científica sobre a variabilidade das masas de auga no Atlántico Norte, converténdose nun dous artigos máis citados de toda a produción do Instituto de Investigacións Mariñas.

Participou na primeira avaliación global dos niveis de CO2 no océano

Incorporouse, xunto a científicos de todo o mundo, no programa World Ocean Circulation Experiment 1992-2000, realizando tres campañas internacionais transoceánicas para estudar a variabilidade do dióxido de carbono no océano, contribuíndo á primeira avaliación global dos niveis de CO2 no océano debido á acción humana. Este traballo, publicado na revista Science en 2004, puxo en evidencia un dos principais problemas aos que se enfrontan os nosos mares: a acidificación. Desde entón, Aida dedicouse a estudar este proceso e alertar dos seus efectos en organismos con estruturas calcarias como os mexillóns. Foi unha das principais expertas de Europa no estudo da relación entre as emisións de dióxido de carbono producido pola actividade humana e o aumento da acidez na auga do mar. Entre 1995 e 1996 amplía os estudos sobre a variabilidade do CO2 no Océano Antártico.  

Foi presidenta do Comité español de IGBP (International Geosphere-Biosphere Programme) sobre cambio global e membro do Comité Español de Investigación para o Cambio Global. Participou en importantes organizacións e grupos internacionais, foi membro da Comisión Académica do Campus do Mar, do Comité Científico da Plataforma Oceánica de Canarias e do Conseil d’Orientation Strategique et Scientifique da frota oceanográfica francesa. 

Aida Fernández Ríos no laboratorio. Foto: RAGC

Realizou tarefas como avaliadora tanto de proxectos nacionais como internacionais en Suecia, Francia ou EEUU. Foi autora de máis dun centenar de artigos publicados en revistas científicas de elevado índice de impacto. Realizou estadías en centros de investigación estranxeiros, entre eles o James Rennell Center for Ocean Circulation de Southampton (Reino Unido), Brookhaven National Laboratory Associated Universities en Long Island (EEUU) ou o Laboratoire de Physique des Océans en Brest (Francia).

En 2001 recibiu o premio “Galega Destacada” en recoñecemento á súa traxectoria científica, concedido polo colectivo “Diálogos 90”. Sempre estivo moi vencellada á súa cidade natal, participando en diversos círculos e asociacións locais como a Asociación de Vigueses Distinguidos ou en causas solidarias e sociais como a Rede Veciñal de Mulleres Contra os Malos Tratos de Vigo. Aida faleceu aos 68 anos vítima dun accidente de tráfico en Moaña, o 22 de decembro de 2015.

Terceira muller en incorporarse á RAGC

Aida Fernández Ríos ingresou na RAGC como académica numeraria na entón denominada Sección de Farmacia e Bioloxía o 18 de xuño de 2015, seis meses antes de falecer, converténdose na terceira muller en incorporarse á Academia. Pronunciou o seu discurso baixo o título “A acidificación do mar: unha consecuencia das emisións de CO2.

Aida Fernández Ríos durante o seu discurso de ingreso na RAGC. Foto: RAGC
Aida Fernández Ríos durante o seu discurso de ingreso na RAGC. Foto: RAGC

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectan en Galicia dous novos rexistros de peixe bóla asociados á tropicalización do océano

Un estudo liderado polo Centro Oceanográfico de Vigo confirma a aparición de dúas especies pouco frecuentes nas augas do sur galego

A galega que pide adiantar mamografías aos 40 anos reabre o debate sobre a idade axeitada para os cribados

Un diagnóstico de cancro de mama metastático impulsa unha campaña con máis de 79.000 firmas para revisar os protocolos de detección precoz

O TSXG denega á Xunta as batidas de control do lobo por falta de probas técnicas

A resolución consideran insuficientes os datos achegados e conclúe que non se acreditou un aumento de ataques

Un herbario do século XIX conserva a orixe da primeira flora sistemática de Galicia

Investigadores da Universidade de Barcelona analizan documentos de José Planellas que serviron para clasificar as plantas por familias, xéneros e especies