Un recordo da climatóloga Aida Fernández Ríos

Científica de prestixio mundial, foi directora do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, do CSIC

O 22 de decembro de 2015, falecía nun tráxico accidente de tráfico Aida Fernández Ríos, unha brillante climatóloga de prestixio mundial e tamén unha das persoas máis queridas entre a comunidade científica galega. Viguesa, de 68 anos, chegara ao máis alto da carreira científica, con publicacións na prestixiosa revista Science incluídas. Como resumiría o seu colega Antonio Figueras no ‘In memoriam’ que lle dedicou, Fernández Ríos tivo “unha vida de esforzo e de alegría”.

Aida nacera en Vigo o 4 de marzo de 1947 e comezou a traballar moi nova no daquela chamado Instituto de Investigacións Pesqueiras, nas súas primeiras sedes no Colexio Alemán e no Berbés. Iniciouse como técnica de laboratorio en 1972, con apenas 25 anos, e con enorme tesón compaxinou o seu traballo cos estudos. Mentres progresaba na escala técnica, estudou a carreira de Bioloxía e obtivo o seu doutoramento en 1992 na Universidade de Santiago, baixo a dirección do profesor Fernando Fraga. Contaba daquela 45 anos. Este acceso serodio ao doutoramento non impediu a Aida Fernández Ríos situarse moi cedo como unha das autoras máis citadas na literatura científica da súa especialidade: a acidificación dos océanos como produto do cambio climático. Así, publicou máis de noventa artigos de investigación en revistas internacionais, entre eles varios na revista Science. Ademais, pasou a converterse nunha das investigadoras de maior impacto na súa época.

Publicidade

Paralelamente, a científica viguesa foi pasando por oposición por todas as categorías técnicas e científicas para, finalmente, alcanzar o grao máximo, o de Profesora de Investigación do CSIC. Tamén foi a primeira muller en dirixir o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo.

Traballadora incansable, o seu criterio era reclamado nos principais foros mundiais sobre oceanografía e crise climática. Así, desde 2006 a 2011, foi directora do Consello de Investigación Nacional español, ademais de dirixir tamén un Comité Internacional Xeosfera do Programa da Biosfera, estudando o cambio climático desde 2005 a 2011.

Publicidade

Instituto de Investigacións Mariñas, centro do CSIC en Vigo.
Instituto de Investigacións Mariñas, centro do CSIC en Vigo.

Aida Fernández Ríos converteuse tamén na terceira muller en ingresar na Real Academia  Galega de Ciencias, o 6 de xuño de 2015, onde pronunciou un discurso sobre a acidez crecente do océano Atlántico debida á acumulación de dióxido de carbono: “Acidificación do mar: unha consecuencia das emisións de CO2”.

Como investigadora, puxo de relevo un feito que parecía insólito: a crise climática non só tería consecuencias máis intuitivas como o desxeo dos  casquetes polares ou o aumento do nivel do mar e a súa afectación sobre o litoral. Tamén sinalou un aspecto clave que, a nivel social, era practicamente descoñecido: os océanos actuaban como sumidoiros da atmosfera, absorbendo o dióxido de carbono produto da acción humana. Isto provoca un descenso do pH na auga mariña, de xeito que os bivalvos teñan graves problemas para procesar o calcio e o carbonato que precisan para fabricar as súas cunchas. Coas súas investigacións, Fernández Ríos estaba a alertar tamén dun feito que o gran público descoñecía: estamos a poñer en perigo a diversidade mariña e, especialmente, a viabilidade dalgunhas especies de gran valor económico para Galicia, bivalvos como o mexillón ou a ostra.

Aida Fernández Ríos, ao remate do acto de ingreso na RAGC.
Aida Fernández Ríos, ao remate do acto de ingreso na RAGC.

Aida Fernández Ríos dirixiu sete teses doutorais e participou en trinta campañas oceanográficas, nun momento en que era unha rareza que as mulleres embarcasen en buques de investigación.

Pero, por riba do seu legado investigador, será lembrada tamén polo seu entusiasmo e dedicación, polo que aqueles que traballaron con ela definiron como a súa ‘alegría de vivir’. “É un dos máis queridos membros da comunidade internacional de investigadores mariños”, escribiu o CSIC cando ingresou na Real Academia  Galega de Ciencias, “polo seu rigor científico e a  camaradería de quen sabe compartir a ledicia que proporciona o descubrir novos coñecementos”. Por todo iso, aquel tráxico día de decembro de 2015 supuxo unha enorme conmoción para a ciencia en Galicia, que segue a recordar a Aida Fernández Ríos.

En 2020 a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra organizaron a I Edición do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, co fin de promover o interese do público xeral e impulsar o labor científico levado a cabo en Galicia e que xa tivo continuidade en 2021.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período