O outono, que comeza o mércores ás 10.21, será máis cálido do normal en Galicia e con precipitacións que estarán tamén por riba da media. Está prevista unha temperatura da estación entre os 15 e os 16 graos de media, un grao máis que o habitual, segundo avanzou a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).
En canto ás precipitacións, haberá entre un 60 % e un 70 % de probabilidades de que as choivas sexan máis abundantes no noroeste peninsular e ao redor dun 50 % ou 55 % no resto do país. Esta situación é consecuencia da influencia do fenómeno meteorolóxico “El Niño“, que provocará un impacto maior no que se refire ás choivas. “Que haxa máis temperatura e precipitacións ten moito coa influencia de ‘El Niño’, que está nunha fase moi forte”, indicou o delegado da AEMT en Galicia, Francisco Infante.
En astronomía, o máis salientable da estación é a vindeira eclipse total da Lúa
No que atinxe aos ceos, o fenómeno astronómico mais relevante do outono será a eclipse total de Lúa na noite do 27 ao 28 de setembro. Ás 2.12 horas producirase o primeiro contacto do satélite co cono de penumbra, pero será as 3.07 horas cando se inicie a eclipse parcial.
A Lúa permanecerá eclipsada totalmente desde as 4.11 ata as 5.23 horas, e a partir dese momento volverá a estalo parcialmente unha hora máis, rematando completamente a eclipse ás 7.22 horas. “Ben é sabido que aínda que na fase total a Lúa non chega a desaparecer de todo, amosará tonalidades vermellas ou castañas debido aos raios de luz solar que a atmosfera desvía cara a ela”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, en relación a un fenómeno popularmente coñecido como ‘lúa vermella’.
A nova estación comezará ás 10.21 horas do 23 de setembro, cando o sol chega ao punto Libra da eclíptica ou Equinoccio de setembro, e prolongarase ata as 5.08 do 22 de decembro, data do Solsticio de inverno para o noso hemisferio. Do outono son típicas varias choivas de estrelas: as Dracónidas, con máximo o 8 de outubro; as Leónidas (17 de novembro); e as Xemínidas (13 de decembro).
Por outra banda, o planeta Saturno pode aínda observarse logo do solpor cara ao suroeste ata mediados de novembro. Venus, Marte e Xúpiter serán luceiros matutinos, en tanto que Mercurio será visible na mañanciña a mediados de outubro.
‘El Niño’: augas quentes polo Nadal
‘El Niño’ é un fenómeno climático relacionado co quecemento do Pacífico oriental ecuatorial, o cal se manifesta nun ciclo errático, con períodos entre tres e oito anos, carecterizados polo calor da auga do mar. O fenómeno seguinte é ‘La Niña’, cando o mar enfríase.
Este fenómeno provoca intensas choivas, afectando principalmente á rexión costeira do Pacífico de América do Sur. Pero os seus efectos espállanse polo planeta Terra e chegan ata as costas europeas.
‘El Niño’ supón unha irrupción ocasional de augas superficiais cálidas, situadas no océano Pacífico xunto á costa dos territorios de Perú e Ecuador. O seu nome vén do feito de que os antigos pescadores peruanos comprobaban que as augas cálidas, que deixaban sen peixes as augas de superficie, chegaban sempre polas festas do Nadal.
[En GCiencia non traducimos o fenómeno de ‘El Niño’ como ‘O Neno’, seguindo a tradición internacional; en inglés mantense tamén a denominación orixinal]