Hai 15 anos, a unha muller na trintena diagnosticóuselle un cancro de ril metastásico. O oncólogo Jose Pablo Maroto, do Hospital da Santa Creu i Sant Pau, en Barcelona, decidiu tratala co fármaco temsirolimus, que funcionou mellor do esperado, polo que a paciente superou aquel cancro. Nove anos despois, á mesma paciente detectóuselle metástase nos ósos, e tamén neste caso resultou efectivo o temsirolimus.
Maroto xunto a investigadores do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) estudaron por que este fármaco resultou tan efectivo neste caso e no do doutras dúas persoas. Agora explícano nun artigo publicado no International Journal of Cancer.
O achado permitirá identificar outros enfermos con cancro de ril para quen o temsirolimus e outros fármacos da mesma familia serán, con gran probabilidade, o tratamento idóneo. Trátase de compostos —inhibidores da vía de mTOR— que, ata o momento, soamente se usan cando fallan outros.
Este achado permitirá identificar outros enfermos con cancro de ril para quen o temsirolimus será o tratamento idóneo
“Actualmente, os fármacos da familia do temsirolimus non adoitan ser a primeira opción en cancro de ril, pero este resultado indica que, nalgúns pacientes moi específicos, si deben selo, porque funcionan moi ben. Agora sabemos como identificar a estes pacientes”, sostén Cristina Rodríguez-Antona, investigadora do programa de Xenética do Cancro Humano do CNIO.
Atopar a resposta con este traballo, cuxo primeiro autor é Juan María Roldán-Romero, levou anos, segundo a nota distribuída por CNIO. Foi necesario dar con máis casos similares aos da primeira paciente, polo que o equipo do hospital Sant Pau foi seleccionando e enviando as súas mostras ao centro de investigación, onde foron analizadas en profundidade.
A clave está nunhas mutacións pouco frecuentes na proteína USP9X, que regula procesos celulares críticos para o crecemento dos tumores
“Por que funcionou tan ben este tratamento? Non é o primeiro caso co que nos facemos esta pregunta, pero si dos primeiros nos que obtemos unha resposta clara”, expón Maroto.
A clave está nunhas mutacións moi pouco frecuentes na proteína USP9X, que regula procesos celulares críticos para o crecemento dos tumores. A investigación mostra que as mutacións anulan a función de USP9X e cando iso ocorre a célula non recicla ben os seus refugallos e morre. O temsirolimus actúa sobre unha vía molecular distinta, pero ten un efecto similar; nos pacientes en que non funciona USP9X, o impacto deste fármaco poténciase.
A investigación foi financiada en parte con doazóns obtidas en carreiras solidarias
Explícao Rodríguez-Antona: “Para entender o efecto das mutacións en USP9X desenvolvemos modelos celulares e fixemos ensaios proteómicos que indicaron que as células tumorais sen USP9X tiñan unha alteración na autofaxia celular, que é o proceso polo que a célula recicla os seus produtos de refugallo. O temsirolimus tamén altera a autofaxia, o que causa un efecto sinérxico, facendo que os tumores respondan mellor a este tratamento”.
Unha nova diana terapéutica
Ademais de servir para identificar a outros pacientes con mutacións en USP9X, que poderían beneficiarse do tratamento con fármacos da familia do temsirolimus, este achado facilita o desenvolvemento de novos fármacos inhibidores desta proteína como estratexia terapéutica innovadora.
“Un composto que anulase a función de UPS9X tería un efecto sinérxico co temsirolimus, aumentando a súa eficacia anti-tumoral”, indica Rodríguez-Antona.
Segundo os autores, “os estudos traslacionais son complexos porque requiren unha estreita colaboración entre clínicos e investigadores básicos”. Ademais, os pacientes xogan un papel fundamental, “doando as súas mostras nun momento moi difícil”. Este estudo en tumores pouco frecuentes só se puido levar a cabo “grazas á xenerosidade dos pacientes, cuxas mostras son a base de todo o traballo molecular posterior e que impulsaron o estudo desde o seu inicio”, segundo subliñan na presentación do artigo.
Destácase, así mesmo, que o traballo foi en parte financiado con doazóns obtidas en carreiras solidarias organizadas polo Club de Atletisme A 4 o KM, de Lles Franqueses do Vallés (Barcelona), promovidas pola paciente.
Referencia: USP9X loss sensitizes renal cancer cells to mTOR inhibition (Publicado en International Journal of Cancer)














