A USC participa nun consorcio europeo para desenvolver vacinas nasais

Os grupos de Noémi Csaba e María José Alonso forman parte dunha iniciativa que quere evitar infeccións respiratorias de alta prevalencia

As infeccións respiratorias bacterianas e virais contribúen significativamente á morbilidade e mortalidade global. Patóxenos causantes de enfermidades como a tose ferina, a pneumonía, a gripe ou a covid teñen importantes implicacións para a saúde pública. Para combater esta problemática dende etapas temperás da infección creouse o consorcio europeo NOSEVAC, no que participa de maneira activa o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) a través dos grupos que dirixen Noémi Csaba e María José Alonso. 

Durante os próximos cinco anos, o consorcio traballará para crear vacinas nasais combinadas, dirixidas ás infeccións respiratorias máis agresivas por bacterias, ademais de desenvolver dúas vacinas nasais bivalentes para previr a covid. “Ata o momento, as vacinas dispoñibles contra estas enfermidades adminístranse por inxección intramuscular ou subcutánea e non preveñen eficazmente a colonización do tracto respiratorio superior”, explica a investigadora da USC, Noémi Csaba. En consecuencia, o seu impacto na transmisión de patóxenos é limitado. 

Publicidade

Previr dende a orixe 

O consorcio NOSEVAC, coordinado pola Iniciativa Europea de Vacinas (EVI), traballa no deseño e avaliación de plataformas de vacinas nasais como un enfoque innovador para previr a etapa máis temperá de infección, inhibindo así a colonización, transmisión e enfermidade do tracto respiratorio superior. O proxecto baséase nun equipo colaborativo formado por doce socios e composto por grupos singulares de investigación de entidades públicas privadas e empresas biotecnolóxicas da Unión Europea, Reino Unido e Suíza.

O proxecto contempla o desenvolvemento de diversas candidatas a novas vacinas nasais. Así, centraranse en desenvolver formulacións de vacinas para a administración nasal de antíxenos baseados en ARN e proteínas; descubrir antíxenos bacterianos que favorecen a colonización do epitelio respiratorio; identificar os factores inmunitarios do hóspede humano para xerar protección a longo prazo contra as bacterias ou virus; ou abordar a aceptabilidade da vacinación nasal na poboación xeral. 

Publicidade

Influír nas decisións políticas

NOSEVAC, que conta cun financiamento de algo máis de 11 millóns de euros (case sete deles procedentes da UE), prevé establecer vías estratéxicas de investigación para combater os patóxenos respiratorios, que abarquen aqueles con potencial para grandes gromos. Ademais, conclúe a investigadora do CiMUS da USC, “a organización servirá como catalizador para a toma de decisións baseada en evidencia científica, tanto para a abordaxe de medidas políticas como para grupos investidores que poidan financiar os custos destas novas estratexias terapéuticas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos