Xoves 25 Abril 2024

Non chove tanto: Galicia, no posto 77 do mapa do mundo das precipitacións

En Galicia chove, pero non tanto. Malia que teñamos máis de cen palabras para designar a choiva, a realidade é que non vivimos nun país que destaque especialmente polas súas precipitacións. Así o reflicte o último informe sobre o clima publicado polo Banco Mundial, onde Galicia sería o país número 77 do mundo en precipitacións anuais medias. Para nos facer unha idea, Colombia ocupa o primeiro posto, con 3.240 mm/ano fronte á media de 1.180 mm/ano de Galicia. Moito menos da metade. No medio, hai outros 75 estados, entre os que destacan Costa Rica, Panamá, Filipinas, Venezuela, Islandia, Xapón ou Suíza, onde as precipitacións medias son moito máis elevadas que as galegas.

Este gráfico interactivo amosa os países onde máis chove no mundo, con datos da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación:

Publicidade

Galicia ten unha media ponderada de precipitacións de 1.180 mm, con valores que van dende mínimos próximos aos 500–600 mm no val do Miño-Sil, ata máximos superiores aos 1800–2000 mm nas serras litorais, como A Barbanza e A Groba, e na dorsal galega (O Suído, Faro de Avión…).

“A zona máis chuviosa de Galicia esténdese desde Fisterra ata Vigo, nunha semicircunferencia que termina en Santiago. Dentro da área mencionada supéranse os 1750 mm anuais, con zonas de máis de 2500″, explican dende a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet). “Pola contra, ao leste da dorsal central de Galicia, coa excepción das comarcas montañosas orientais, a precipitación redúcese notablemente, con valores inferiores aos 1000 mm anuais nos puntos onde o efecto de sombra pluviométrica resulta máis acusado”, afirman.

Mapa das precipitacións de Galicia. Fonte. AEMET.

Nin sequera está situado en Galicia o punto máis chuvioso de España. Que, para sorpresa de moitos, é a Serra de Grazalema, en Cádiz: a orientación de Grazalema é favorable á choiva porque canaliza o vento húmido de Poñente, favorecendo as condicións perfectas para que precipite. E faino durante todo o ano, de xeito que caen máis de 2.100 mm de auga anuais. En ocasións, superáronse os 4.000 mm.

Tampouco é certo que as cidades galegas estean entre as máis chuviosas de Europa. De feito, Santiago de Compostela está no posto noveno se a comparamos coas capitais europeas. Esta listaxe amosa, unha vez máis, que en Galicia chove, pero non chove tanto:

  1. Copenhagen, Dinamarca 251 días/ano
  2. Oslo, Noruega 232 días/ano
  3. Londres, Reino Unido 226 días/ano
  4. Bruxelas, Bélxica 220 días/ano
  5. Amsterdam, Holanda 214 días/ano
  6. Helsinki, Finlandia 203 días/ano
  7. Estocolmo, Suecia 164 días/ano
  8. Viena, Austria 160 días/ano
  9. Praga, República Checa 143 días/año
  10. Santiago de Compostela, 140 días/ano
  11. Dublin, Irlanda 139 días/ano

1 comentario

  1. Como ven indicades vos mesmos no artigo, a Serra de Grazalema, en Cádiz, non é onde mais chove da Península Ibérica (xa decides no artigo que a Axencia Estatal de Meteoroloxía dice que hai puntos da área occidental galega nos que se superan os 2500 mm de media anual). Onde mais chove e na Serra do Barbanza (A Coruña) que bordea os 3000 mm e na Serra do Suido onde por exemplo a estación de Fornelos de Montes rexistra unha media de 2862 mm anuais sen estar precisamente nos cumios da Serra que, obviamente, é onde mais chove. Tanto na Serra do Barbanza como en Fornelos de Montes se teñen rexistrado anos que superan os 4000 mm. Polo tanto deberíades de modificar o artigo. Penso que o que acontece é que efectivamente se falamos de cidades galegas a media soe ser inferior a 2000 mm anuais e, claro, a alguén se lle ocurriu aportar o dato de Grazalema evidenciando que alí chove mais que en Galicia. O que non mirou quen aportou ese dato é que na Galiza tamen hai serras e en moitas delas chove de media bastante mais que na Serra de Grazalema e, mais en concreto, na vila de Fornelos de Montes, como antes dixemos, se achegan aos 3000 mm anuias de media.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses