Morre a primeira toniña de 2019 en Galicia

Unha femia de "Phocoena phocoena", unha especie clave para a biodiversidade da costa galega, apareceu na praia de Ostreira, en Poio

A toniña común (Phocoena phocoena) é un dos cetáceos máis pequenos que hai nas costas europeas. E este luns, na praia de Ostreira, en Poio, apareceu morto o que é o primeiro exemplar de 2019 en Galicia. Despois da aparición de grandes baleas, que chamaron a atención polas súas grandes dimensións, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) deu conta da morte deste exemplar. “Un animal que non sairá nos telediarios porque non é a especie máis grande senón precisamente a máis pequena, pero o seu valor na biodiversidade mariña e na comunidade de cetáceos galegos é maior”, subliña a entidade.

Segundo explica Alfredo López, responsable da entidade, tratábase dunha femia xa maior, que xa cumprira o seu ciclo reprodutivo. “Estaba bastante desnutrido e tiña unha importante carga parasitaria”. Ademais, aínda que non foi a causa directa da morte, tiña un anaco de plástico de 10×6 centímetros no estómago.

Publicidade

“Para nós a toniña é moi importante, porque aquí está nunha situación crítica, e cada unha que aparece morta é unha menos no mar”. Debido á importancia de recoller datos deste exemplar, a toniña será analizada nos laboratorios da Cemma. Neste caso era unha femia adulta “o tramo de idade que máis se viu reducido nas últimas décadas” e lactante. “Esperemos que o seu cachorro fose xa quen de valerse por si mesmo, subliñan desde a entidade.

Segundo deu a coñecer estes días desde a Cemma despois da sucesión de chegadas de baleas adultas, entre 1990 e 2018 vararon 178 exemplares de grandes cetáceos en Galicia (baleas e cachalotes). Os datos expoñen que a media anual foi aumentando pouco a pouco, pasando de 4 anuais entre 1990 e 1999 a 7 entre 2000 e 2009 e 8 entre 2010 e 2018. Este último ano, con seis, “non resulta ser un ano que destaque, xa que houbo anos de 10 e 12 exemplares”. Porén, como xa subliñan desde a Cemma, que se concentren tantos varamentos en apenas un mes é “extraordinario”.

Publicidade

Retirada da balea en Valarés

Precisamente o último gran cetáceo, aparecido o sábado na praia de Valarés, en Ponteceso, segue no areal debido a que se complicaron as tarefas de retirada. Na fin de semana, cando se intentou remolcar mediante unha cadea, a cola desprendeuse, o que obrigou a suspender as tarefas. Nese tempo, centos de curiosos achegáronse para ver o maxestoso animal de preto.

Este martes reanudáronse as tarefas, xa que finalmente se optou por despezar o animal. Operarios do Concello de Ponteceso, coa colaboración da Cemma e a Xunta de Galicia, traballan desde primeira hora para completar a operación. O concello manifestou a súa vontade de conservar o esqueleto da Balaenoptera physalus para expoñelo como atracción turística e de divulgación.

Precisamente en Ponteceso apareceu tamén outro exemplar de balea que quedou para a posteridade. O esqueleto que hoxe está exposto no museo da Sociedade Galega de Historia Natural, en Ferrol, pertence a un animal varado na praia de Niño do Corvo en 2004.

Do teito do Museo da Natureza de Ferrol pendura o esqueleto completo dunha balea de aleta (Balaenoptera physalus) de 18 metros.
Do teito do Museo da Natureza de Ferrol pendura o esqueleto completo dunha balea de aleta (Balaenoptera physalus) de 18 metros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Case a metade dos cetáceos de augas profundas inxiren macrolixo no noroeste ibérico

A CEMMA participa nun estudo que documenta que aproximadamente o 30% dos exemplares acaba falecendo a causa de lesións dixestivas

Morre o arroaz Ladiña a causa dun accidente cunha hélice

Cría e nai percorreron durante case dous anos distintos portos das rías galegas tras seren detectadas por primeira vez na Guarda en 2024

Aparecen máis de 2.000 araos papagaios nas praias galegas afectados polas borrascas

A compoñente suroeste do temporal marítimo no Atlántico produciu a chegada de aves, localizadas entre as Rías Baixas e o sur da Costa da Morte

Galicia rexistra un 45,3% menos de varamentos en 2025

O Cemma explica que as cifras, a pesar da diminución de exemplares afectados, continúan sendo elevadas e preocupantes para a conservación