Así é o verme acordeón, a nova especie velenosa descuberta na ría de Arousa

O invertebrado ten a capacidade de contraerse ata unha quinta parte da súa lonxitude formando aneis similares aos das sambesugas

Pararosa vigarae. Ese é o nome da nova especie de verme identificada na ría de Arousa por un equipo do Museo Nacional de Ciencias Naturais (MNCN-CSIC). Trátase dun novo xénero de verme cinta ou nemertino que descubriron a 30 metros de profundidade. Pertence á familia Lineidae, a mesma de Lineus longissimus, o verme máis longo do mundo segundo o libro Guinness dos récords. A nova especie ten a capacidade de contraerse ata unha quinta parte da súa lonxitude formando aneis similares aos das sambesugas, por iso o alcumaron nemertino acordeón.

“Para describir a nova especie secuenciamos o ADN do verme e realizamos análise filoxenéticas que nos permitiron confirmar que se trata dun novo xénero”, explica a investigadora do MNCN Aida Verdes. “Pararosa vigarae é unha especie pouco común, xa que a pesar do seu tamaño só se atopou en dúas ocasións na ría de Arousa”, apunta Juan Junoy, da Universidade de Alcalá. “Este achado permítenos ampliar o número de especies de nemertinos coñecidas. Descubrilo nunha zona tan accesible e estudada como o litoral galego indica que neste momento só identificamos unha parte moi pequena deste grupo de animais”, puntualiza Verdes.

Publicidade

Un grupo de invertebrados velenosos moi descoñecido

Os nemertinos son un grupo de vermes con corpos xeralmente aplanados e do que se ten moi pouca información. Na súa gran maioría, viven en medios mariños, aínda que tamén existen especies de auga doce, e mesmo algunhas terrestres. No caso das especies mariñas, adoitan habitar a zona intermareal e aliméntanse de pequenos crustáceos ou de anélidos. Unha das características principais deste grupo, do que se coñecen ao redor de 1.300 especies, é que teñen unha probóscide (apéndice alongado e tubular que poden proxectar rapidamente) que utilizan para inxectar un veleno co que paralizan ás súas presas. Algunhas das toxinas que compoñen os velenos que producen os vermes cinta están a ser estudados para o desenvolvemento de diferentes fármacos e pesticidas ecolóxicos.


Referencia: The accordion worm: a new genus and species of heteronemertean (Nemertea, Pilidiophora) from Galicia (Spain) (Publicado en The Royal Society Open Science)

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Confirmada a presenza en Galicia do verme invasor que devora mexillóns e ameixas

A planaria, unha especie orixinal de Nova Zelandia, foi detectada nas costas galegas a través dunha imaxe de 2022

A dramática caída da produción de bivalvos na ría de Arousa en sete gráficos

Varias entidades marisqueiras esixen unha actuación urxente da Xunta para frear a diminución do berberecho e de catro especies de ameixa

Informes dunha catástrofe: a tormenta perfecta que condenou o marisco en 2023

A baixa salinidade producida polos temporais de outono estragou un marisco vulnerado polas subidas das temperaturas do mar

Achada unha nova especie de esponxa na Ría de Arousa

O Instituto Español de Oceanografía e o Grupo de Estudo do Medio Mariño de Riveira publicaron o descubrimento