A extraordinaria historia da galega Elvira López, a primeira enfermeira nun voo militar en España

A lucense naceu nunha aldea de Láncara e os estudos actuais apuntan a que tivo que aprender a ler e a escribir cos seus propios recursos

Un avión en 1922 sobrevoando as posicións inimigas. A noite, escura, que limita a visibilidade nunha época na que a tecnoloxía era mínima. Dentro, unha muller nada na aldea, co obxectivo de salvar vidas. É a historia de Elvira López Mourín, unha enfermeira galega pioneira.

López naceu en San Martiño de Río, unha poboación que, hoxe en día, non supera o centenar de habitantes. Situado no concello de Láncara, en Lugo, tivo que afrontar as consecuencias de ser unha muller de aldea. Os investigadores cren que tivo que aprender a ler e escribir cos seus propios recursos, sen poder ir á escola. Quería estudar enfermaría, algo a que, por primeira vez, o Estado abría a posibilidade en maio de 1915. Filla de nai solteira, marchou a Madrid en 1918. Tiña 27 anos. Alí formou parte do primeiro grupo de enfermeiras graduadas na Escola da Cruz Vermella, segundo as investigacións publicadas.

Publicidade

Rematou os estudos no ano 1921 e non sería ata 1923 cando obtivo o certificado co que podería exercer de enfermeira profesional en calquera institución sanitaria. Só cinco mulleres acadaron formar parte desa primeira promoción.

En 1922, o país estaba metido na guerra do Rif. Tratábase dun enfrontamento cos rebeldes sublevados que loitaban contra o colonialismo español. López era unha alumna (aínda non se graduara) ao servizo do equipo de Urxencias no Hospital Militar de Melilla. Alí traballaba co grupo do doutor Nogueras, especialmente activo por estar situado en zona de guerra.

Publicidade

Os sucesos de Dar Drius

En outubro dese mesmo ano, un forte ataque sobre Dar Drius provocou 23 mortos. Ademais, había centos de feridos. Os soldados precisaban de atención urxente pero o desprazamento rápido por terra era imposible e no campamento non tiñan nin os recursos nin o persoal suficiente. Por iso, organizouse unha misión aérea de carácter sanitario-militar. O doutor Nogueras coordinaba un pequeno equipo de só catro persoas e precisaba dunha enfermeira.

Co paso dos minutos, correu a voz do suceso. Aínda sendo unha alumna López propúxose axudar como enfermeira. “A de Lugo presentouse voluntaria”, comentaban os soldados. Os comandantes militares negáronlle esa posibilidade.

“Viñemos a salvar vidas, se non actuamos agora, cando imos facelo?”, dixo a galega, segundo apunta un estudo. A normativa militar da época impedía voar ás mulleres. Iso fixo a historia de López aínda máis excepcional, xa que conseguiu convencer os seus superiores de formar parte dese equipo. En parte, porque asumiu que ela tería a responsabilidade de calquera consecuencia derivada da decisión de estar na misión.

Un dos primeiros voos nocturnos de todo o mundo

Cun biplano de madeira, sen faros e de noite, o 1 de novembro de 1922 o exército mobilizou este e outros dous avións ás 23:00 horas para chegar 34 minutos máis tarde. Así, ela formou parte do primeiro voo sanitario da historia do país, e un dos poucos feitos pola noite en todo o mundo ata o momento.

O equipo médico no que formaba parte López traballou ata as cinco da madrugada. Xuntos, atenderon aos 366 feridos ata que chegasen os reforzos, que os foron evacuando a hospitais próximos. Elvira López regresou noutro voo e, á súa volta, foi proposta para unha recompensa. A raíña Vitoria Euxenia telegrafouna e o presidente do Consello de Ministros recibiuna en Madrid apenas uns días máis tarde. Máis adiante, o rei Alfonso XIII concedeulle unha audiencia.

Heroína… pero esquecida

Estas accións tiveron unha relevancia moi importante no momento. Converteuse nunha referente e unha heroína do seu tempo. Co paso dos anos, López caeu no esquecemento polas administracións. Traballou no Hospital Militar Número 2 de Madrid, no Gabinete de Raios X, a partir de 1933.

Non se sabe moito da participación da lucense na guerra civil española. Só se sabe que, tras finalizar esta no ano 1939, foi sometida a un consello de guerra polo réxime franquista. A súa participación na Guerra do Rif poderían ter axudado, segundo as investigacións, a que puidese retornar no 1940 ao Hospital Militar de Urxencia de Madrid. A galega faleceu en 1961 por insuficiencia de miocardio aos 67 anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como revivir a lingua

Estas son as estratexias das marcas para recuperar o galego, dende o derbi galego ata Inditex. Por Andrea Veiga

A recuperación da avea moura, o cultivo de orixe galega que desapareceu dos campos

Un proxecto de Misión Biolóxica de Galicia explora o potencial da especie tradicional con enfoque comercial para usos gastronómicos e cosméticos

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular