Cara a unha ciencia de libre acceso para todos?

O razoamento parece claro: se os Estados financian cos cartos de todos e todas a investigación científica que se fai en cada país, non deberiamos poder dispoñer de xeito libre e gratuíto dos resultados deses estudos? Moita xente podería pensar que si, pero a realidade é ben distinta. Na maioría dos casos ,os grandes grupos editoriais que dominan as revistas científicas de maior impacto mundial cobran aos propios científicos por publicar, e os cidadáns que desexen ler os artigos deben pagar para poder lelos. Porén, isto pode estar preto de cambiar.

A cOAlition S avoga por que antes de 2020 o coñecemento científico sexa totalmente de libre acceso

O pasado martes 4 de setembro, 11 organizacións nacionais de investigación (Reino Unido, Francia, Italia, Austria, Irlanda, Luxemburgo, Países Baixos, Noruega, Polonia, Eslovenia e Suecia), co apoio da Comisión Europea e o Consello Europeo de Investigación (ERC) anunciaron o lanzamento da cOAlition S, un proxecto para acadar o pleno e libre acceso (Open Access, en inglés) ás publicacións científicas antes do ano 2020.

Publicidade

A cOAlition S rexerase polo Plan S, unha lista de 10 principios que busca acadar este obxectivo, cunha premisa principal. “No 2020, as publicacións científicas realizadas con fondos públicos procedentes dos organismos de investigación nacionais e europeos deberán ser publicados en revistas ou plataformas de libre acceso”.

Nunha declaración oficial, o comisario europeo de Investigación, Ciencia e Innovación, Carlos Moedas, sinalou: “O coñecemento é poder, e creo firmemente que o libre acceso a todas as publicacións científicas realizadas con fondos públicos é un dereito moral dos cidadáns. É un dos compromisos políticos coa ciencia máis importantes dos últimos tempos e coloca a Europa á vangarda da transición global cara a unha ciencia aberta a todos”.

Publicidade

Os grandes grupos editoriais

Na actualidade, aínda que a cantidade de revistas de Open Access nas que os científicos poden publicar as súas investigacións é cada vez maior, os grandes grupos editoriais ingresan miles de millóns de euros cada ano grazas aos ingresos polas vendas dos seus artigos e as tarifas que cobran aos propios autores por publicar nelas. Así, por exemplo, tal e como recollía en Twitter o divulgador Pablo Barrecheguren, publicar un artigo en Nature Communications custa 3.850 euros, en Scientific Reports, 1.370 euros, e en PlosONE, 1.595 dólares.

En moitos casos, os investigadores vense obrigados a pagar por publicar nas revistas de maior impacto, xa que este é un dos criterios máis importantes á hora de obter un bo posto de traballo e optar a bolsas e convocatorias de excelencia.

Por agora, España non se sumou á cOAlition S, aínda que as peticións desde a ciencia española para camiñar cara ao libre acceso ás investigacións financiadas con cartos públicos veñen de atrás. En Galicia, as tres universidades públicas están adscritas á Declaración de Berlín, un texto publicado en 2003 no que se avoga polo libre acceso ao coñecemento científico.

Máis información sobre a cOAlition S nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

O catálogo ‘Quero ser investigadora’ alcanza a súa 6ª edición con dez historias de científicas da UVigo

O evento inclúe unha guía didáctica, contidos gamificados e unha versión audiolibro que conta cunha versión de lectura fácil

Ética científica

O debate está servido tras a retirada do artigo de Barbacid sobre o cancro de páncreas. Por Laura Filloy

Europa descarta o teletraballo obrigatorio en plena crise enerxética: “Sería bo para aforrar en fósiles”

O catedrático Xavier Labandeira destaca o potencial desta modalidade como ferramenta para reducir o consumo de combustibles como o petróleo