Como se coida un acuario? A nova actividade do Aquarium Finisterrae

O vindeiro sábado 17 de xuño volve unha nova edición de 'A trastenda do Aquarium Finisterrae', pensada para un público maior de 16 anos

Un dos tanques do Aquarium.
Un dos tanques do Aquarium.

O vindeiro sábado 17 de xuño volve unha nova edición da actividade A trastenda do Aquarium Finisterrae, pensada para un público maior de 16 anos e que ofrece a posibilidade de coñecer, da man do persoal técnico do acuario coruñés, as instalacións necesarias para o control e manexo dos millóns de litros de auga mariña que pasan diariamente polos seus tanques. Durante dúas horas, de 11.30 h a 13.30 h,  realizarase un percorrido polas salas de bombeo e de filtración; o laboratorio; a cociña; as corentenas; e a sala de cultivos auxiliares.

Tamén será unha oportunidade para descubrir os principais recursos que se empregan para manter as condicións biolóxicas e ambientais adecuadas para os seres vivos que alberga o centro. A visita está concibida ademais para responder en directo á curiosidade cidadá sobre o funcionamento do Aquarium Finisterrae. É preciso facer reserva previa e as entradas para participar en A trastenda do Aquarium Finisterrae, por un importe de 10 euros, poderán adquirirse desde as 10 horas do mércores 14 de xuño desde a web dos Museos Científicos Coruñeses. Cada mes programarase esta actividade para un máximo de doce persoas por edición.

Un mes cheo de actividades

Para o mes de xuño, o Aquarium programa outras actividades para entreter aos máis pequenos da casa. Unha das súas actividades máis consolidadas é Aventura coas focas, un taller de divulgación científica para coñecer de primeira man a rutina diaria das focas que viven nas piscinas exteriores. Durante os 90 minutos que ocupa a actividade participarase na preparación dos alimentos e accederase ás plataformas exteriores onde se alimenta e revisa o estado destes mamíferos mariños. Esta actividade está dirixida aos maiores de 7 anos, que en xuño poderán desfrutala esta fin de semana (10 e 11 de xuño) e a que vén (17 e 18 de xuño).

Amais da Aventura coas focas, esta fin de semana organízase un obradoiro de arte efémera no Aquarium. Esta actividade está pensada para concienciar a cidadanía sobre o gran problema ambiental que é a contaminación dos océanos con plásticos. A partir dunha diversidade de refugallos recolleitos en praias galegas, os participantes poderán crear pequenas esculturas sobre peixes e outros animais mariños, tanto reais como imaxinarios. Os talleres estarán guiados polo colectivo Retoque Retro e a Asociación Mar de fábula.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.